0 Gardados para despois

“É máis probable que os meus fillos sigan falando galego que vivindo do leite”

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Segundo domingo de maio, día de feira no centro de Parga, ateigado de xente. A inmensa maioría fala galego e uns cantos viven do leite. E polo menos un deles combina con orgullo as dúas cousas e pode dicir que o seu leite fala galego. É Diego Fraga, gandeiro de Guitiriz, provedor de Leite Noso, a sociedade creada hai dous anos co obxectivo de que os produtores cobren un prezo digno polo seu leite e que pon no mercado Deleite, a marca que fai do galego sinal de identidade e modernidade no sector lácteo. “É a primeira vez que te sentes identificado coa marca e a industria, é un orgullo e unha forma importante de vender o leite a prezo razoable”, salienta Diego.

Diego Fraga, gandeiro de Guitiriz, é un dos provedores de Deleite, a marca que fai do galego antídoto contra as dificultades pola que atravesa o sector lácteo. “É a primeira vez que te sentes identificado coa marca e coa industria”, di.

“Compromiso de prezos xustos en orixe, estabilidade contractual coas granxas provedoras e apoio ás causas sociais, á cultura galega e ao deporte”. Esas son as premisas declaradas de Leite Noso, que ás poucas semanas de nacer no verán de 2015 se facía en poxa xudicial coas marcas Deleite e Muuu que tivera a fracasada Alimentos Lácteos, a empresa impulsada polo PP que nos últimos anos deitou outro pouso máis de frustración no maltratado agro galego. A xestión empresarial daquel proxecto fora mala, como sentenciou a xustiza, pero as marcas tiveran aceptación tanto en Galicia como no resto de España e Leite Noso aproveitounas para o seu proxecto de leite galego a prezo xusto e con compromiso social.

Nestes dous anos, Deleite pode dicir que máis que compradores os seus son seguidores. A eles regaloulles ducias de libros en galego a través da súa moi activa conta de Facebook e un festival de música independente itinerante, e unhas cantas caixas de leite a unhas cantas familias necesitadas. Un deses gandeiros implicados, ata no de ir aos bancos de alimentos, é Diego Fraga, que este domingo chega á feira de Parga a cabalo, a súa afección, e conta a súa experiencia.

Primeiro festival do leite organizado o verán pasado en Santiago por Deleite [Foto:Praza Pública]

A explotación de Diego, na parroquia do Buriz, en Guitiriz, é propiedade súa e doutros dous socios. Os tres viñan de familias dedicadas ao agro e hai dez anos decidiron unirse baixo o nome Portagándara, que hoxe conta cuns 460 animais, dos que 220 son vacas leiteiras que producen uns 9.000 litros ao día. Ese leite que uns días máis tarde, sexa enteiro, desnatado, semidesnatado ou sen lactosa, chega ás mesas galegas en galego nos cartóns de Deleite e que no resto de España se comercializa tamén con éxito nas grandes superficies coa marca Muuu. Ademais, en Portagándara producen entre 50 e 60 animais de carne ao ano.

Nestes dous anos, Deleite pode dicir que máis que compradores os seus son seguidores. A eles regaloulles ducias de libros en galego e un festival de música independente itinerante, e unhas cantas caixas de leite a unhas cantas familias necesitadas.

“A explotación dános para gañar uns soldos aceptables en Galicia, e temos tres empregados”, di, pero lamenta os atrancos que atopa o agro galego. Para alimentar os seus animais contan con preto de 200 hectáreas dispersas, das que a metade son alugadas a outros veciños. “Na nosa zona non hai concentración parcelaria nin expectativas de que a haxa”, salienta Diego sobre unha das eivas tradicionais do agro galego, a falta de extensións de terra que fagan rendibles as explotacións. Insuficiente tamén é para el o apoio da Administración a iniciativas empresariais como a que lle permite vender a un prezo xusto o seu traballo de toda a vida, o leite, e ademais facelo coa súa “lingua de toda a vida”, o galego.

Diego Fraga é un dos que contribúe a que o leite e o galego sigan a ser dous dos sinais de identidade de Galicia. Cando se lle pregunta pola seguinte xeración, a dos seus fillos, Diego conta rindo sobre a lingua como “na casa hai unha pelexa grande porque o rapaz fala galego coma min e a nena castelán como a nai, pero cambiará”. Non é tan optimista co leite: “Eu xa estou metido, isto é o que sei facer e xa non hai volta atrás, pero a eles non os vexo”. “É máis probable que os meus fillos sigan falando galego que vivindo do leite”, sentenza.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.