0 Gardados para despois

Galicia bate o récord de contratos laborais no primeiro cuadrimestre por mor da temporalidade

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O emprego recupérase en Galicia pero a súa calidade e estabilidade non son as mesmas que antes da crise. As diversas fontes de datos do mercado laboral -rexistros do Servizo Público de Emprego e Enquisa de Poboación Activa- acreditan que o inicio de 2017 foi mellor en canto ás grandes magnitudes de emprego que os anos previos: máis poboación a traballar e menos en situación de desemprego. No entanto, unha análise máis pormenorizada acredita que non toda a diminución do paro equivale a incremento dun emprego que suma precariedade. Así, alén da foto fixa de cada mes, condicionada en cada inicio do ano en función das datas da Semana Santa, o mercado laboral galego vén de bater o seu propio récord de contratacións nun primeiro cuadrimestre. E fíxoo, en boa medida, por mor da temporalidade.

Os contratos iniciais rexistrados no inicio de 2017 son case 95.000 máis que hai catro anos

Nos primeiros catro meses do ano o Servizo Público de Emprego rexistrou máis de 280.000 contratos iniciais, dos que case 210.000 tiveron a súa orixe no sector servizos. Son case 95.000 contratos máis dos rexistrados no mesmo período do ano 2013, etapa na que o Instituto Galego de Estatística e o Ministerio de Emprego rexistraron no país as peores cifras dende o inicio da crise. 

Os incrementos das xornadas parciais e dos postos de traballo temporal están, en boa medida, por tras deste incremento. Así, o cómputo xeral dos contratos -a suma dos devanditos contratos iniciais xunto a prórrogas e renovacións- amosa que nos primeiros catro meses do ano foron asinados en Galicia case 290.000 contratos temporais, uns 93.500 máis que no mesmo período de hai catro anos, mentres que os case 26.800 contratos indefinidos supuxeron un incremento de 8.000 contratacións asinadas. En termos porcentuais, o primeiro cuadrimestre de 2017 rexistrou un 47% máis contratos temporais que o inicio de 2013. Mentres, o avance dos indefinidos quedou uns catro puntos por baixo, en torno ao 43%.

Así as cousas, as cifras de contratos baten os seus propios récords pero non o fai, nin de lonxe, o volume total de poboación cun posto de traballo. O número medio de persoas afiliadas á Seguridade Social nos primeiros catro meses do ano é agora dunhas 50.000 máis que hai catro anos -un avance, en cifras redondas, de en torno á metade do número de contratos-. Aínda que, como amosa o gráfico baixo estas liñas, este indicador mellora en termos interanuais, o seu crecemento é moito máis feble que antes da crise, cando o mercado laboral de Galicia logrou traspasar unha barreira que actualmente aínda está afastada, a do millón de empregos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.