Ramón Sarmiento: "Debemos comprometernos por unha unidade sindical estable"

Ramón Sarmiento, durante unha protesta do sector naval © CCOO-Galicia

O pasado venres, Ramón Sarmiento foi elixido novo secretario xeral de CC.OO en Galicia, con 194 votos a favor, 41 en contra e ningún en branco, un 82,6% dos apoios. Accede ao liderado do sindicato en substitución de Xosé Manuel Sánchez Aguión e encabezando unha "solución de consenso" entre as dúas candidaturas que inicialmente se ían presentar no congreso. Consciente da dificultade económica do sindicato e dos "axustes e recortes" aos que se verá obrigado, Sarmiento insiste varias veces nas súas respostas no seu obxectivo de lograr unha maior "unidade sindical" en Galicia coas outras dúas grandes organizacións do país.

Que obxectivos se marca a curto prazo desde a secretaría xeral de CCOO en Galicia?

A nosa proposta é bastante revolucionaria en canto ao que ten que ver co funcionamento do sindicato e empezaremos a compartila no mes de xuño con todos os afiliados en asembleas comarcais; na parte de acción sindical, temos que trasladarlles o máis axiña posible á CIG e a UGT unha proposta de unidade sindical, fundamentalmente no ámbito da negociación colectiva, e da que se poida beneficiar toda a clase traballadora galega. Estas dúas son as grandes prioridades. 

"Os tres grandes sindicatos temos que comprometernos para un acordo estable de unidade e non só conxuntural en Galicia"

É máis necesaria que nunca a unidade sindical nestes momentos?

Desde CCOO considerámola fundamental e estratéxica. Parte do déficit da resposta sindical aos problemas que están a ter os traballadores é a ausencia de respostas unitarias en diferentes ámbitos. É certo que por abaixo, nos comités, no máis pegado ao terreo, si se dá ese escenario de unidade entre sindicatos, pero as direccións das tres organizacións temos que levar a cabo un compromiso por acadar un acordo estable e non só conxuntural. Hai determinadas cuestións estratéxicas que acontecen en Galicia para as que podemos e debemos atopar unha resposta unitaria. Todos debemos facer un exercicio de xenerosidade e flexibilidade e formular un primeiro acordo, que posiblemente teña que ser de mínimos, pero é evidente que temos moito máis en común do que nos poida dividir. 

Acaba de haber mudanza no liderado en CCOO-Galicia e vaino haber na CIG. É o momento ideal para artellar esa unidade?

Houbese cambio ou non, o que está acontecendo no ámbito laboral na nosa comunidade obríganos. Creo que en CCOO temos detectados moi ben os problemas internos da organización, pero tamén a carencia dunha resposta eficaz a moitos problemas no mundo do traballo en Galicia. E cremos que a maioría destes problemas requiren unha resposta unitaria porque a maioría dos traballadores queren que así sexa. De feito, as mellores experiencias de conquistas sociais ou de ter sobrevivido a momentos moi complicados tiveron lugar cun ingrediente común: que a resposta dos traballadores foi unitaria a través dun traballo tamén unitario dos sindicatos. 

"Temos unha situación complea no sindicato e temos que dedicar recursos onde hoxe non o facemos; iso bríganos a axustes e recortes noutras partidas"

O seu sindicato recoñece ter problemas económicos importantes, traerán consecuencias graves para a organización?

Temos unha situación complexa no sindicato porque temos dificultades no eido económico e porque temos unha proposta organizativa na que temos que dedicar recursos onde hoxe non os estamos dedicando; iso obríganos a levar a cabo medidas de axuste e de recorte noutras partidas. Unha nova resposta organizativa sindical precisará dunha nova resposta na nosa repartición orzamentaria e témonos comprometido a que os gastos ordinarios da organización estean maioritariamente sustentados nas cotas dos afiliados; isto obríganos a un importante exercicio de reformulación do noso presuposto. 

Que se pode facer para aumentar a afiliación?

O primeiro que hai que facer é escoitar porque son os afiliados os máis críticos co que acontece na súa casa. Nós abrimos moi ben as orellas para atender ao que nos dicían e pedían. Foi un proceso organizado por CCOO durante dous anos, onde trasladamos á afiliación solicitudes para facer propostas e tras o que se estableceron unhas conclusións. Agora hai que poñelo en marcha porque se pediu unha mudanza a fondo, moita máis transparencia e que o noso sistema de traballo se basease na eficiencia e na eficacia. É o que temos que facer. 

A recesión puido quedar atrás pero a temporalidade e a precariedade dos traballadores está máis vixente ca nunca. Cal é a estratexia de CCOO en Galicia ante este escenario? 

A crise levou parte das nóminas dos traballadores e parte dos dereitos sociais, pero tamén instrumentos claves para os traballadores como, fundamentalmente, a negociación colectiva, que quedou debilitada tamén como ferramenta para reconquistar parte do perdido. Nesa proposta de unidade sindical un dos principais obxectivosé afondar neste ámbito. As cifras macroeconómicas din que estamos nun proceso de recuperación, pero ese proceso tiña un obxectivo moi claro expresado a través da reforma laboral: que os traballadores e as súas organizacións tivesen deterioradas as ferramentas das que dispoñían para mellorar cando chegase este momento de recuperación. O momento chegou e hai que empezar a pelexar e isto vai obrigarnos a unha resposta e a un traballo sindical distinto, pero o primeiro paso debe ser a resposta unitaria diante da negociación colectiva dos tres grandes sindicatos galegos. É o terreo de xogo onde se disputa este conflito de repartición de riqueza que a día de hoxe está claramente descompensado en favor do capital e en detrimento das rendas do traballo. 

"A moción de censura é unha iniciativa que paga a pena explorar; ten que ser a maioría social a que desaloxe as actuais políticas a os que as implantan"

Pedro Sánchez vén de gañar as primarias do PSOE e semella que unha posible moción de censura para desaloxar o PP da Moncloa é máis viable, cal é a súa postura ante esta posibilidade?

A nosa organización ten decidido que é unha iniciativa que paga a pena explorar, pero ten que ser a maioría social a que desaloxe as actuais políticas e aqueles que as están implantando. Tamén as forzas da oposición teñen que facer un verdadeiro esforzo e agardamos que o fagan. Parte da nosa estratexia de unidade sindical tamén é facilitar ese camiño común. Os sindicatos témolo máis doado porque a nosa actividade baséase na negociación e no acordo e non temos outro escenario para conseguir melloras que non sexa ese. Temos que poñer o mellor para chegar a ese acordo de mínimos e oxalá este escenario de unidade sindical teña tamén unha correspondencia na nosa parte sociopolítica de referencia, que está representada por varios partidos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.