Os galegos Ron e Arias acumularon no Banco Popular 50 millóns de euros en pensións

Arias Mosquera, xunto ao conselleiro Francisco Conde © Xunta

Logo da quebra de Banco Popular, os numerosos xestores que tivo a entidade nos últimos anos deixárona cunha importante mochila que, entre pensións e indemnizacións, achégase aos 116 millóns de euros. A cifra corresponde unicamente a antigos membros do consello de administración dunha firma que o pasado martes puxo fin a case 90 anos de existencia -tras a súa intervención por parte do BCE e a súa venda ao Santander polo prezo simbólico de un euro- e que levou consigo tamén o Pastor, logo de dous séculos e medio de vida

Os xestores do Popular nos últimos anos deixaron a entidade cunha mochila de 116 millóns entre pensións e indemnizacións

A cifra máis grande corresponde ao que foi presidente do Banco Popular durante trece anos e ata febreiro pasado, Ángel Ron. O compostelán de 54 anos deixou a entidade sen indemnización, pero con dereito a cobrar arredor de 24 millóns de euros de pensión, a razón de 1,1 millóns anuais. Durante o seu mandato á fronte da entidade, á que se incorporou en 1984 a través da súa dirección en Galicia, o valor bolsista caeu un 92%.

O galego Ángel Ron deixou a entidade sen indemnización pero con dereito a 24 millóns de euros de pensión

Outro galego, José María Arias Mosquera, mantense até o final do Popular como vicepresidente da entidade e presidente do Pastor. A peche de 2016, segundo o último informe de remuneracións dos conselleiros do banco, acumulaba unha pensión de case 16 millóns de euros (15,678). O tamén compostelán e conde de Fenosa -título nobiliario herdado do que lle concedeu Franco ao marido da súa tía, Pedro Barrié de la Maza- converteuse en 2001 en presidente da entidade bancaria galega que, unha década despois, é absorbida polo Popular para logo acabar este subsumido polo Santander tras unha aposta errada por Emilio Saracho como substituto de Ron. Agora, como presidente da Fundación que leva o nome do seu tío político, procurará garantir. 

Foron os dous, Ron e Arias, os que aclararan ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, as bondades para Galicia da absorción por parte do Popular do Pastor aló por outubro de 2011. Agora, o primeiro goza do seu retiro logo dunha crítica última etapa na entidade bancaria mentres o segundo mantén a presidencia da Fundación Barrié pero desaparece de calquera responsabilidade bancaria. Suman, entre os dous, case 50 millóns de euros de pensión acumulados. 

Arias Mosquera, presidente do Pastor, acumula unha pensión de case 16 millóns de euros

Nese último informe de remuneracións do Popular aclárase que teñen dereito a estas pensións os membros da dirección do banco e do consello que ostentasen esa condición na xunta xeral de 2016 e que durante vinte anos exercesen as súas funcións na entidade. Refírese a unha pensión que "sumada á pensión da Seguridade Social, ascende a unha cantidade igual á retribución fixa bruta [...] que en cómputo anual percibisen do banco". Con todo, tamén se inclúen cláusulas que o dereito a percibir estes pagamentos por parte dos conselleiros executivos "estará suxeito a que non se produzan determinadas actuacións pola súa banda que puidesen xerar un quebranto para o banco que puidesen facer que este levara a cabo contra eles unha acción social de responsabilidade". 

Ron (centro), durante un discurso de Feijóo en 2013 / ANA VARELA

Saracho, 4,5 millóns por tres meses na presidencia

Os dirixentes galegos non foron os únicos que saíron ou saen do Popular con cobros millonarios. O outro vicepresidente, Roberto Higuera (que foi conselleiro delegado do banco desde setembro de 2008 ata o 26 de xuño de 2009) acumulaba a decembro unha pensión de 9,119 millóns.

Ademais, o que fora número dous do banco entre xaneiro de 2013 e xullo de 2016, Francisco Gómez, abandonou o cargo de conselleiro delegado en xullo pasado cunha pensión de 20,34 millóns máis unha indemnización de 1,15 millóns. A pensión de Gómez estaba incluída nos 53,45 millóns de euros que tiña contabilizados Popular a peche de 2016 en materia de compromisos con antigos administradores.

Pedro Larena, pola súa banda, foi fichado pola entidade como conselleiro delegado a finais de xullo de 2016 e estivo apenas cinco meses no cargo. Deixou o Popular cunha indemnización duns 5 millóns. O seu contrato non incluía "ningunha indemnización en caso de extinción do seu contrato", pero si "un pacto de non competencia post-contractual" cunha duración de tres anos desde a data de extinción do contrato e unha compensación equivalente "á suma dos compoñentes fixos anuais da súa retribución que percibise de permanecer no banco polos anos de duración do pacto". O ano pasado, Banco Popular rexistrou unhas perdas marca de 3.485 millóns de euros.

Emilio Saracho, último presidente do Popular, cobrou 4,5 millóns por tres meses á fronte da entidade que acabaron na quebra

Emilio Saracho, último presidente do Popular, fracasou no seu intento de evitar a quebra da entidade e vendela nas mellores condicións posibles ao mellor ofertante. Aterrou na entidade en febreiro pasado cun bonus inicial de 4 millóns de euros para compensalo polo seu traslado desde Londres, onde era executivo de JP Morgan, cuxas retribucións son moi superiores ás do banco español. 

Durante o seu período á fronte do banco, as accións caeron máis dun 60%, polo que se perderon uns 2.200 millóns de capitalización. No entanto, Saracho cobrou 4,5 millóns ao sumárselle o seu soldo (fixo anual de 1,5 millóns) aos 4 millóns de prima de fichaxe. O contrato tamén inclúe un bonus de saída por traballar como asesor externo durante un ano, pero a intervención da entidade fai prever que sexa invalidada. 

Ángel Ron, ex-presidente do Banco Popular © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.