Pequenos accionistas impulsan xa "moreas" de demandas en Galicia contra o Banco Popular

Oficina do Banco Pastor © Banco Popular

Arredor de 300.000 accionistas en todo o Estado, entre 25.000 e 30.000 deles pequenos aforradores galegos. Neste último caso, unha inmensa maioría que mantiña as súas accións no Banco Pastor desde  hai anos, incluídos empregados da entidade. Todos acaban de ver como o valor das súas accións virou a cero, á nada, logo da compra por parte do Santander do Popular. Ante a inexistencia de calquera tipo de arbitraxe ou compensación, a única vía para os milleiros de afectados é acudir aos tribunais, que se preparan para moreas de demandas, moitas delas en Galicia, onde os títulos da antiga entidade galega eran en moitos casos un patrimonio familiar. En tan só dous días, varios despachos de avogados na comunidade acumulan ducias de expedientes abertos. 

As asociacións de consumidores instan a demandar o Popular por nulidade da última ampliación de capital ao non informar da situación real do banco

Hai varios camiños para levar a cabo accións xudiciais, pero a máis clara parece a que apunte o Banco Popular por nulidade de pleno dereito da última ampliación de capital por 2.500 millóns de euros en 2016. Consideran diversas asociacións de consumidores que non se informou aos accionistas da situación real da entidade nin da súa elevada exposición ao ladrillo. Naquela documentación achegada, asegurábase que o "colchón de liquidez" era "suficiente para facer fronte a situaacións de máximo estrés de mercado".

Desde a asociación galega Acouga, por exemplo, advírtese que os pequenos accionistas están aínda en prazo para poder reclamar ao Banco Popular a través dunha demanda de nulidade por vicio de procedemento. Son aqueles que acudiron á última ampliación de capital os que teñen máis que gañar, pero as demandas poderían estenderse máis aló, comezando polos que acudiron á de 2012. 

"Haberá moreas de demandas; na última ampliación de capital, as compras de accións son potencialmente nulas", advirte Acouga

"Haberá moreas, si; todo o mundo que adquiriu accións nesa última ampliación de capital pode acudir porque son compras potencialmente nulas e deben reclamar tanto o capital investido como os xuros de demora por unha información defectuosa", explica Xoán Antón Pérez-Lema, secretario de Acouga, que asegura que hai "grandísimas posibilidades" de gañar o preito nestes casos, así como nos que se refiren ás emisións de débeda subordinada que foi vendida como depósitos e onde tamén habería información errónea sobre os produtos. Ademais, aclara, nestes dous supostos abonda con presentar demanda no xulgado de primeira instancia que lle corresponda a cada afectado. 

Un dato ilustra a avalancha de demandas que vai ter que afrontar o Popular. No despacho do letrado Pérez-Lema, só desde o mércores á noite realizáronse máis de vinte consultas e xa hai dez expedientes abertos en relación a accións por valor duns 650.000 euros. "E así está a pasarlles a moitos máis avogados", aclara. 

A avalancha de demandas: máis de vinte consultas e dez expedientes abertos por 650.000 euros nun despacho en día e medio

A outra opción é optar pola vía penal contra o consello por mala xestión dos ex-directivos encabezados polo galego Ángel Ron e mesmo tamén polas últimas accións do presidente Emilio Saracho e da directiva saínte. Neste caso, nomeadamente no que ten que ver con compras de accións anteriores á última ampliación de capital, a opción é presentar unha demanda pola actuación irregular dos administradores co obxectivo de conseguir unha indemnización pola súa neglixente xestión, algo "moito máis complexo e longo no tempo". A opción de levar aos tribunais á Xunta Única de Resolución ou o Banco Central Europeo é moito máis difícil aínda. 

Con todo, a Asociación Española de Accionistas Minoritarios de Empresas Cotizadas (Aemec) representa cae 400 accionistas con máis do 3% do capital e xa presentou unha querela ante a Fiscalía Anticorrupción da Audiencia Nacional contra os xestores do Popular. 

Sede do Banco Pastor na Coruña © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.