A fenda de xenero nas pensións non só non diminúe, senón que nos últimos anos non deixou de aumentar en Galicia. En 2016 o importe medio cobrado polos homes pensionistas foi de 1.019 euros mensuais, fronte aos 741 das mulleres, unha diferenza de 278. En 2011 a marxe era de 238 euros (905 e 667 euros). A media global situouse en 2016 nos 880 euros, para un total de 658.806 pensionistas residentes en Galicia.
As maiores diferenzas nos importes percibidos por homes e mulleres pensionistas danse na franxa de idade de 55 e 64 anos (homes: 1145 euros, fronte aos 796 das mulleres) e na dos 65 aos 74 (1.169 e 812), mentres que por riba dos 75 anos a fenda redúcese, polas menores contías recibidas por eles.
Os datos do Ministerio de Emprego amosan que nas novas pensións de xubilación se mantén unha situación de conxelación dende hai dous anos. No conxunto de España, mesmo se aprecia un lixeiro descenso dende o ano 2015, mentres que en Galicia os datos apenas variaron nos últimos 24 meses.