Varias folgas ameazan cun comezo de verán conflitivo no transporte

Concentración de traballadores do metal ás portas dun taller de automoción Dominio Público @UGTFICAGalicia

O pasado xoves os traballadores do sector do metal da provincia da Coruña comezaron un paro para reclamar que se renove o seu convenio colectivo, sen actualizar desde 2014. O sector é tan amplo que entre os 20.000 traballadores chamados á folga tamén se atopan os mecánicos de talleres de automoción, polo que a súa protesta contra a súa patronal vén unirse a outras tres folgas xa en marcha contra a Xunta e o Goberno central, as dos condutores de autobús, os estibadores e os examinadores de tráfico, que ameazan cun comezo de verán conflitivo para o transporte tanto de mercadorías como de viaxeiros. Ademais, no sector aínda paira a ameaza de novas protestas dos taxistas en reclamación de maior control por parte das Administracións das plataformas Uber e Cabify.

Aos paros dos autobuses contra a Xunta e da estiba e os examinadores de Tráfico contra o Goberno engádese a protesta do metal na Coruña, que afecta tamén aos talleres de automoción

A protesta dos traballadores do metal da Coruña, que o xoves paralizou os talleres de automoción, está convocada tamén para este martes día 27 deste mesmo mes de xuño e para o martes 4 e mércores 5 de xullo. Pero os paros relacionados co transporte que máis se están a prolongar no tempo, de momento sen grandes efectos directos para a cidadanía, pero si para o movemento de mercadorías, son os dos estibadores portuarios de toda España. A súa folga en contra da intención do Goberno de liberalizar o sector comezou o pasado 5 de xuño e segue en vigor, pero ao realizarse en días puntuais non se está a rexistrar un efecto acumulativo e, ademais, algunhas das xornadas convocadas están a ser suspendidas cando se retoman as conversas. O pasado xoves, por exemplo, os estibadores desconvocaron as xornadas de paro que xa tiñan convocadas para o venres e para os luns e martes próximos, á espera do que poida ocorrer nunha nova reunión coa agora dividida patronal a celebrar o mércores.

Uns días antes do inicio das protestas dos estibadores, o 30 de maio, os taxistas de toda España pararon durante doce horas en reclamación dun maior control por parte da Administración das novas modalidades de transporte como Uber ou Cabify, unha protesta que se saldou coa promesa dos distintos gobernos estatal, autonómicos e municipais de incrementar a vixilancia do sector. Porén, os taxistas xa protestaran dun ou doutro xeito en febreiro e abril e non se descartan novas mobilizacións.

A folga de autobuses deixará de afectar ao transporte escolar, porque o curso remata xa, pero comeza unha das épocas de máis servizos discrecionais como excursións e viaxes turísticos

De momento, precisamente os taxistas están a ser dos máis beneficiados por outra das folgas convocadas no transporte, a dos condutores de autobús en Galicia en contra do novo plan de integración do transporte escolar e o regular da Xunta, do que din que reducirá liñas e con elas postos de traballo. Uns paros que están a afectar de xeito masivo a todo tipo de autobuses e que están convocados de xeito indefinido para todos os martes e mércores. Malia que o curso escolar remata agora, co que a incidencia dos paros nese ámbito deixará de ser relevante, comeza agora unha das épocas máis importantes de servizos discrecionais, que tamén se verán afectados e neste caso sen servizos mínimos de ningún tipo, desde as excursións de rapaces ata os viaxes turísticos. As empresas de autobuses están tendo que recolocar en taxis algúns deses viaxes discrecionais, especialmente os de turistas foráneos, que xa tiñan contratados previamente.

Para completar este panorama, tras un primeiro paro o pasado 2 de xuño, os examinadores das distintas licencias de conducir da Dirección General de Tráfico iniciaron o pasado luns unha folga convocada para todos os luns, mércores e venres en reclamación de mellores condicións laborais. O paro paraliza a obtención de calquera tipo de licencia de conducir, tamén das profesionais de condutores de autobuses e camións.

Unha parada de autobús urbano de Santiago sen servizos nin usuarios nesta folga de condutores CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.