O persoal de Ferroatlántica leva a súa protesta ás portas da Xunta para que diga 'non' a Villar Mir

A manifestación do persoal de Ferroatlántica ao seu inicio, na Alameda de Santiago Dominio Público Praza Pública

Despois de máis de 70 quilómetros camiñados desde a súa saída de Cee o pasado mércores, varios centos de traballadores e traballadoras de Ferroatlántica e as súas familias chegaron este sábado a Santiago para, xa nas rúas da capital, converter a súa longa marcha en manifestación contra a intención de Ferroglobe, antiga Ferroatlántica, de segregar os negocios de produción hidroeléctrica e ferroaliaxe como paso previo á venda das centrais que explota nos ríos Xallas e Grande. Da Xunta depende autorizar ou non esa segregación solicitada polo grupo do empresario Juan Miguel Villar Mir, que o comité de empresa considera que suporía a fin dos empregos da firma na Costa da Morte. Segundo denuncian os traballadores, esta ofrécelle á Xunta un plan industrial para a comarca cos cartos obtidos coa venda das centrais mentres aos seus accionistas lles di que eses fondos servirán para sanear as contas da compañía.

A marcha contra a segregación que partiu de Cee o mércores chegou este sábado a Compostela tras percorrer 70 quilómetros

Coa manifestación que os levou polas rúa de Santiago ata as portas da Xunta, os traballadores reclaman que o Goberno galego non autorice a segregación, decisión que consideran que sería política e non técnica, mentres que o executivo vén deitando esa responsabilidade nos seus técnicos ao tempo que o propio Feijóo se presenta el mesmo como garante dos empregos na comarca. Este sábado o portavoz do comité de empresa, Alfonso Mouzo, mesmo lembrou o apoio da Xunta de Manuel Fraga en 1992 á unión dos dous negocios, a produción hidroeléctrica e a ferroaliaxe, como garantía de futuro.

En Marea, PSdeG e BNG: “Temos claro de parte de quen estamos”

Temos claro de parte de quen estamos”, din os portavoces de En Marea, PSdeG e BNG

Durante a súa marcha desde Cee, ao igual que este sábado na manifestación en Santiago, o persoal de Ferroatlántica contou co apoio de En Marea, PSdeG e BNG, cuxos portavoces parlamentarios, Luís Villares, Xoaquín Fernández Leiceaga e Ana Pontón, así como outros deputados, mesmo camiñaron uns cantos quilómetros cos traballadores. Este sábado os tres coincidiron en apoiar aos traballadores verbalizando dun xeito ou doutro unha mesma idea: “Temos claro de parte de quen estamos, dos traballadores”. Para Pontón, a protesta estalle a dicir “a Feijóo que escoite e non ceda á chantaxe dun empresario imputado pola financiación do PP”. Segundo Leiceaga, “a actividade e o emprego na Costa da Morte non se pode poñer en risco, pedímoslle á Xunta que tome nota”. Pola súa parte, Villares criticou que a Xunta queira “devolver favores” a Villar Mir e non atender “os intereses da xente”.

Os portavoces de BNG, PSdeG e En Marea, con alcaldes da Costa da Morte na manifestación de Ferroatlántica CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.