0 Gardados para despois

O persoal de Ferroatlántica leva a súa protesta ás portas da Xunta para que diga 'non' a Villar Mir

Redacción | @prazapublica

Despois de máis de 70 quilómetros camiñados desde a súa saída de Cee o pasado mércores, varios centos de traballadores e traballadoras de Ferroatlántica e as súas familias chegaron este sábado a Santiago para, xa nas rúas da capital, converter a súa longa marcha en manifestación contra a intención de Ferroglobe, antiga Ferroatlántica, de segregar os negocios de produción hidroeléctrica e ferroaliaxe como paso previo á venda das centrais que explota nos ríos Xallas e Grande. Da Xunta depende autorizar ou non esa segregación solicitada polo grupo do empresario Juan Miguel Villar Mir, que o comité de empresa considera que suporía a fin dos empregos da firma na Costa da Morte. Segundo denuncian os traballadores, esta ofrécelle á Xunta un plan industrial para a comarca cos cartos obtidos coa venda das centrais mentres aos seus accionistas lles di que eses fondos servirán para sanear as contas da compañía.

A marcha contra a segregación que partiu de Cee o mércores chegou este sábado a Compostela tras percorrer 70 quilómetros

Coa manifestación que os levou polas rúa de Santiago ata as portas da Xunta, os traballadores reclaman que o Goberno galego non autorice a segregación, decisión que consideran que sería política e non técnica, mentres que o executivo vén deitando esa responsabilidade nos seus técnicos ao tempo que o propio Feijóo se presenta el mesmo como garante dos empregos na comarca. Este sábado o portavoz do comité de empresa, Alfonso Mouzo, mesmo lembrou o apoio da Xunta de Manuel Fraga en 1992 á unión dos dous negocios, a produción hidroeléctrica e a ferroaliaxe, como garantía de futuro.

En Marea, PSdeG e BNG: “Temos claro de parte de quen estamos”

Temos claro de parte de quen estamos”, din os portavoces de En Marea, PSdeG e BNG

Durante a súa marcha desde Cee, ao igual que este sábado na manifestación en Santiago, o persoal de Ferroatlántica contou co apoio de En Marea, PSdeG e BNG, cuxos portavoces parlamentarios, Luís Villares, Xoaquín Fernández Leiceaga e Ana Pontón, así como outros deputados, mesmo camiñaron uns cantos quilómetros cos traballadores. Este sábado os tres coincidiron en apoiar aos traballadores verbalizando dun xeito ou doutro unha mesma idea: “Temos claro de parte de quen estamos, dos traballadores”. Para Pontón, a protesta estalle a dicir “a Feijóo que escoite e non ceda á chantaxe dun empresario imputado pola financiación do PP”. Segundo Leiceaga, “a actividade e o emprego na Costa da Morte non se pode poñer en risco, pedímoslle á Xunta que tome nota”. Pola súa parte, Villares criticou que a Xunta queira “devolver favores” a Villar Mir e non atender “os intereses da xente”.

Comezo da marcha do persoal de Ferroatlántica, este mércores en Cee

Integrantes da marcha diante do Concello de Mazaricos

Integrantes da marcha diante do Concello de Negreira

Integrantes da marcha diante do Concello de Ames

A portavoz do BNG, Ana Pontón, durante a súa participación na marcha de Ferroatlántica

O viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, durante a súa participación na marcha

O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, tras participar no último treito da marcha e antes do inicio da manifestación

Os portavoces de BNG, PSdeG e En Marea, con alcaldes da Costa da Morte na manifestación de Ferroatlántica

A manifestación do persoal de Ferroatlántica ao seu inicio, na Alameda de Santiago

A manifestación, polas rúas de Santiago camiño de San Caetano

Marcha dos traballadores de Ferroatlántica

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.