Indignación no rural polas sancións á veciñanza que axuda na vendima ou a apañar patacas

Recollida de patacas nunha parroquia galega © Patata de Galicia

Mesmo a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reaccionou este mércores á campaña de fiscalización e control que está a levar a cabo Inspección de Traballo en diferentes zonas de Galicia, nalgúns casos xunto a axentes da Garda Civil, controlando e abrindo expedientes pola participación de persoas non contratadas na recollida de patacas, no ensilado do millo ou na vendima. Non é unha fraude, como advirten os afectados, senón a man habitual que familiares e veciños botan nestes labores agrícolas sen contraprestación económica ningunha e cun xantar entre amigos -de habelo- como única recompensa. Pero iso moitos terano que demostrar nos seus recursos ante os expedientes xa abertos con propostas de sanción.

A conselleira Vázquez pide "respecto" ás tradicións e alude ás axudas de veciños e familiares na súa propia casa

"Pódovos ensinar fotos de cando se recollen as patacas na miña casa e están desde os pais aos veciños pasando polos campos; poden estar a axudar a apañar as patacas os xubilados e os nenos, é algo que se fai e que é normal", advertiu a titular de Medio Rural, que pediu "respecto" aos costumes e tradicións e que "os inspectores sexan conscientes desa realidade galega" e que non vaian "máis aló". Desde o sindicato Unións Agrarias, (UUAA), que denunciou a situación, advirten de que isto "vén de lonxe" e que non é a primeira vez que ocorre. Houbo inspeccións nas últimas semanas na vendima, nomeadamente na provincia de Ourense, e tamén na recollida de patacas en diferentes comarcas galegas. 

UUAA advirte de que as inspeccións "veñen de lonxe" e cre que son outro caso máis por "intentar crear unha falsa imaxe de fraude no rural"

"O ano pasado xa houbo varias propostas de sanción que se recorreron e se gañaron no xulgado e desta vez temos que agardar porque aínda están en fase de instrución", di a Praza.gal Roberto García, secretario xeral de UUAA, que advirte de que, "gañando ou non por vía xudicial, os gastos dos trámites, de avogados ou de asesoría xa supoñen unha multa para o afectado". "Sempre nos acaban dando a razón porque non hai contratación fraudulenta ningunha; non defendemos que se poña a traballar xente sen contrato, que é algo que hai que controlar, senón defendendo un modelo básico de traballo en todas as parroquias de Galicia", engade. 

"Gañando ou non por vía xudicial, os gastos dos trámites, de avogados ou de asesoría xa supoñen unha multa para o afectado"

"Están vulnerando a lei", asegura García sobre as propostas de sancións. No Estatuto dos Traballadores, como lembra, advírtese que quedan excluídos da normativa "os traballos realizados a título de amizade, benevolencia ou boa veciñanza", ao igual que os de familiares. Os inspectores acuden ás leiras e piden DNI ou libro de familia dos que alí colaboran. 

"É mala fe e ansias de rapina que todos os esforzos de Inspección se centren na colaboración familiar; se queren comprobar onde hai fraude, xa lles digo eu onde buscar", insiste Roberto García, que di non ter "constancia" de control ningún para certificar que a venda de patacas a almacenistas se faga conforme á lei, que obriga a que se faga cun contrato por escrito anterior e cunha negociación equilibrada. Ademais, pídelle a Medio Rural que, "máis aló dunhas palabras da conselleira", se poña "á fronte e ao cargo da situación e busque unha solución co Estado". 

Ángeles Vázquez dixo ter solicitado xa ao seu departamento un informe sobre os expedientes abertes polo Ministerio de Emplo porque, aclarou, ten que preocuparse polo seu "sector". Con todo, quixo marcar a diferenza con algún caos de produtores que poidan ter traballadores temporais "sen estar asegurados". Así, defende que haxa controis como en calquera outro sector "polo ben del e dos traballadores", pero non dubida en amosar o seu apoio ás queixas daqueles que son inspeccionados por colaboración familiar ou de amigos nas tarefas agrícolas. 

Feijóo di ter o “compromiso” da Inspección de Traballo de que “a tradición galega queda salvagardada”

Preguntado pola cuestión este xoves, o presidente Feijóo asegurou que as inspeccións laborais “en ningún caso” van “contra familiares ou veciños” senón contra grandes almacéns ou empresas que estarían a empregar traballadores sen contrato. Feijóo di ter o “compromiso” da Inspección de Traballo de que “a tradición galega queda salvagardada” xa que está contemplada “polo Estatuto dos Traballadores”.

Malia que a lexislación semella bastante clara, UUAA xa anunciou que se reunirá cos partidos políticos galegos par alevar ao Congreso unha proposta de modificación do réxime de colaboración familiar no ámbito laboral queu clarifique aínda máis a situación e e vite inspeccións "escandalosas" que só buscan "recaudar a toda costa para a Facenda". 

UUAA lembra o 'catastrazo', a revisión da transmisión de dereitos de pagamento único da PAC ou a edución de máis dun 20% da bonificación do gasóleo profesional

Malia todo, Roberto García non ve nestes controis "un caso illado", senón un caso máis dos que "intentan crear unha falsa idea de fraude fiscal" nos traballos agrícolas. "Están pasando moitas cousas raras nesta que Feijóo denominaba a lexislatura do rural", quéixase o secretario xeral de UUAA. Así, lembra o catastrazo -a obrigada regularización de galpóns, cabanas ou inmobles accesorios nas explotacións-, a revisión da transmisión de dereitos de pagamento único da PAC, as inspeccións que consideran as permutas como compravendas obrigando a tributar como se fosen vendas individuais, a redución de máis dun 20% da bonificación do gasóleo profesional, os atrancos para a incoroporación de xente nova ao rural ou a limitación do complemento de renda que teñen os pensionistas que venden castañas ou uvas. "O que buscan é encher as arcas", di. 

Xente colaborando nunha vendima © UUAA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.