O pasado xaneiro o construtor Antón Arias chegou á presidencia da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) nun clima convulso. Apoiado polos organismos empresariais provinciais da Coruña e Lugo, Arias accedeu ao cargo por 100 votos fronte a 64 e coas patronais de Ourense e Pontevedra claramente enfrontadas ao seu nomeamento. Dende os inicios do seu mandato Arias, sociólogo de formación, despegouse do argumentario que durante anos foi habitual nesta organización patronal para opoñerse á reforma laboral do PP; "un modelo fracaso", ou apostar abertamente por "subir soldos". A pasada semana volveuno facer para amosarse favorable a un referendo pactado en Catalunya, opinión que agora os empresarios opostos ao seu mandato esgrimen para tentar desbancalo do cargo.
Arias asumiu a dirección da CEG despois do breve mandato de Antonio Diéter, que en outubro de 2016 deixara o cargo aos poucos meses de asumilo tras non ser quen de reconducir a profunda crise da entidade, sumida nunha complexa situación pola división dos seus dirixentes, pero tamén pola quebra económica herdada dos mandatos dos anteriores presidentes, Antonio Fontenla (2001-2013) e José Manuel Fernández Alvariño (2013-2016). Dous deses ex-presidentes, Alvariño e Diéter, convocaron este xoves a prensa en Vigo para clamar contra a xestión de Arias e reclamar a súa destitución por, fundamentalmente, as súas opinións política e económicas.
Arias apostou por unha "consulta pactada e con garantías" en Catalunya, criticou abertamente a reforma laboral e amosouse favorable a "subir soldos"
Ambos empresarios sitúan como punto definitivo para esixir a dimisión o que consideran como unha postura política "inconcibible", a manifestada por Arias en declaracións á Radio Galega o pasado día 11. No marco dunha entrevista o dirixente da patronal foi cuestionado polo conflito ligado ás aspiracións soberanistas catalás e indicou que, dende o seu punto de vista, a mellor solución sería "unha consulta pactada e con garantías". Así poderíase dar "resposta" a un "sentimento bastante estendido dentro de Catalunya" a prol da votación, dixo, ademais de volver criticar a actual lexislación laboral vixente no Estado.
Ex-presidentes da patronal esixen destituílo por "tomar posición contra a Constitución" e "contra os intereses dos empresarios"
Segundo os antigos dirixentes, Arias debe deixar o seu cargo porque expresou unha opinión "claramente contraria á Constitución española" e "outras, contrarias aos intereses dos empresarios", en referencia aos soldos e á reforma laboral. "Individuos cuxas opinións persoais son contrarias ao compromiso constitucional da CEG non poden permanecer á fronte do seu goberno", enfatizan, nun contexto no que atacan con dureza o que consideran "propugnar un pacto Catalunya-España de igual a igual". "Isto é oque fixo con grave responsabilidade Antón Arias, pola súa conta e risco", subliñan, entre laios por que o líder da CEG non se adherise á doutrina da CEOE sobre a cuestión catalá.
O presidente da CEG asumiu o cargo tras anos de fonda crise económica na entidade, fortemente dividida
Alvariño e Diéter claman por que a Xunta de Vicepresidentes do organismo patronal tome as rendas da institución e afaste do seu posto a quen, acusan, "non aprobou as contas do exercicio 2016" nin "convocou ningúnha reunión da Xunta Directiva" para abordalas. Pero, sobre todo, censuran, debe abandonar o cargo por opinar "contra a reforma laboral que nos permitiu saír da crise", "solicitar un incremento salarial xeral mentres se negociaban convenios sectoriais sen ter en conta a situación dos colectivos de empresarios comprometidos neles" e "tomar posición contra a Constitución española e por un pacto alleo á mesma". Estas, proclaman, son "razóns incuestionables para que sexa cesado".