A época estival e de vacacións baixa o paro e aumenta a ocupación en Galicia. Impulsado polo sector servizos e as contratacións de verán, o desemprego baixou en 19.800 persoas no terceiro trimestre deste ano, deixando a cifra en 181.700, 25.000 menos que hai un ano e cunha taxa do 14,5%, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) feitos públicos este xoves.
O paro descendeu en 19.800 persoas no terceiro trimestre, quedando a cifra total en 181.700
En canto á ocupación, aumenta en 23.600 persoas respecto ao trimestre interior até situarse en 1.072.500 persoas e deixar a taxa no 45,8%. Son 14.600 máis que hai un ano. No verán, foi especialmente a hostalería a que tirou do número de ocupados, que se incrementou en todos os sectores agás na construción. Así, nos servizos subiu en 15.300 no terceiro trimestre con respecto ao anterior até alcanzar as 752.200 persoas. Mentres, na agricultura e pesca aumenta en 5.300 persoas; na industria aumenta en 4.400 persoas e na construción, pola contra, diminúe en 1.400 persoas.
Máis do 60% do incremento de ocupados en Galicia durante o verán pertencen ao sector servizos
Xa que logo, máis do 60% do incremento de ocupados en Galicia durante estes tres meses de verán pertencen ao sector servizos. Con respecto a hai un ano, a ocupación aumenta na agricultura e pesca un 6,5% (é o sector que rexistra maior suba interanual nas cifras de ocupación), na industria un 5,6% e un 0,8% nos servizos, que se move entre as subas das temporadas estivais e turísticas e o descenso noutras. Pola contra, no sector da construción a ocupación diminúe un 7,5% entre o terceiro trimestre de 2016 e o actual.
Por sexo, neste trimestre aumentou tanto a ocupación masculina como a feminina: o número de ocupados varóns aumenta en 14.400 persoas e a das mulleres, en 9.200 persoas. En canto ao paro, o número total de homes desempregados sitúase en 86.200 persoas (13.400 menos que hai tres meses) e o de mulleres é de 95.600 persoas (6.300 mulleres menos).
A poboación activa en Galicia diminúe en 10.400 persoas nun ano
Pola súa banda, a poboación activa galega sitúase neste terceiro trimestre nas 1.254.200 persoas, o que coloca a taxa de actividade no 53,6%, moi lonxe do 58,9% do Estado. Con respecto ao trimestre anterior, o número de activos aumenta en 3.900 persoas e a taxa de actividade aumenta tres décimas. Pola contra, en canto a hai un ano, o número de activos diminúe en 10.400 persoas e a taxa de actividade en dúas décimas.
Ademais, con respecto ao trimestre anterior rexistráronse 11.400 asalariados máis con contrato indefinido, o que supón un incremento de 1,9 puntos; mentres o número de asalariados con contrato temporal aumenta tamén, neste caso en 15.200 persoas (+6,8%). No que respecta á variación interanual, os asalariados con contrato indefinido incrementáronse un 0,2% e os asalariados con contrato temporal un 3,9%. Xa que logo, a temporalidade non só non cae senón que segue a aumentar. A súa taxa sitúase xa no 28,1%, nove décimas máis que no trimestre anterior.
A taxa de temporalidade increméntase no último ano en nove décimas e queda no 28,1%
Por outra banda, neste terceiro trimestre do ano, o número de fogares con todos os seus membros activos en paro diminúe en 6.800 unidades e sitúase en 61.700; respecto a hai un ano, diminúe un 14,4%. En canto ao número de casas nos que todos os seus membros activos son ocupados, aumenta en 13.500 unidades. O número de fogares nesta situación é de 584.200. En relación co mesmo trimestre do ano anterior, hai 14.100 fogares máis nesta situación, o que supón unha suba do 2,5%.
No que ten que ver coa mocidade (as 321.100 persoas entre 16 e 29 anos), o 40,1% están ocupados, o 13,4% parados e o 46,6%, inactivos. A taxa de ocupación deste colectivo sitúase no 40,1%, mentres que a taxa de paro xuvenil queda no 25%.
Desde a Xunta destácase que a EPA "amosa que no último ano saíron do paro 25.000 persoas". "Galicia xa ten menos paro que no ano 2010", destacou o perfil oficial do Goberno galego nas rees sociais, tras destacar que "medra un 1,4% o número de ocupados, especialmente a tempo completo, que crece catro veces máis que a ocupación a tempo parcial".