0 Gardados para despois

As principais asociacións de comerciantes de Vigo rexeitan o proxecto de Porto Cabral

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


As organizacións comerciais máis representativas de Vigo veñen de constituír a Plataforma Polo Comercio Local-Non a Porto Cabral, que nace co obxectivo que subliñar o frontal rexeitamento do comercio local da cidade e a súa área metropolitana á construción do megacentro comercial impulsado pola multinacional Eurofund Investments na zona de Liñeiriños. A Plataforma está composta por 1.200 establecementos e asegura representar o 80% das asociacións comerciais viguesas -FECOVI (AETRAVI, Comerciantes de Navia, Comerciantes da contorna do Hospital Xeral, Pi y Margall), O Calvario (ACECA), Comerciantes da Zona Príncipe- e inclúe entidades de concellos veciños -Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO) ou comerciantes do Porriño-.

A Plataforma está composta por 1.200 establecementos e o 80% das asociacións comerciais viguesas

No seu manifesto fundacional cualifican o proxecto de Porto Cabral de "golpe mortal" ao comercio da cidade e alertan de que podería destruír 6.000 postos de traballo. Afirman que Eurofund "está a utilizar informacións de dubidosa credibilidade, nas que promete miles de empregos, millóns en investimentos e un teórico empuxe económico para Vigo e a súa área de influencia". Porén, adevirten que Porto Cabral significa "un modelo de negocio e de cidade moi distante do que todos queremos".

"As estatísticas indican que por cada 2 empregos que se crean en centros comerciais, destrúense 3 no comercio local", advirten

"Non é certo que Porto Cabral vaia a crear emprego" -salientan- "As estatísticas indican que por cada 2 empregos que se crean en centros comerciais, destrúense 3 no comercio local". Ademais, os empregos creados son máis precarios e menos estables. "Non só afectará ao pequeno comercio, senón tamén aos centros comerciais xa existentes na cidade (Gran Vía, Camelias, Praza E, Travesía, A Laxe)", engaden. E poñen o exemplo do sucedido na Coruña trala construción de catro centros comerciais (tres deles pechados ou en grave crise): "Na última década, un total de 4.000 pequenos establecementos pecharon na Coruña, destruíndo 6.000 postos de traballo". De igual xeito subliñan que "non é certo que creará riqueza na zona. Os seus visitantes non pisarán Vigo, xa que alí terían todo o necesario para pasar un día completo. Polo tanto, os beneficios deste gran centro apenas repercutirán na súa contorna".

"Non é certo que creará riqueza na zona. Os seus visitantes non pisarán Vigo", alertan os comerciantes

O documento tamén alerta de que Porto Cabral "afectaría negativamente á sustentabilidade ambiental na cidade e a súa área", xa que aumentaría "a dependencia do vehículo privado e, con iso, provocará un maior nivel de contaminación". De igual maneira, fan fincapé en que a nova área comercial destruiría "600.000 de metros cadrados de monte da coroa verde que rodea o concello de Vigo".

A plataforma do comercio local pecha o seu manifesto solicitándolle a Xunta, Concello de Vigo e outros concellos da área metropolitana "que non apoien esta iniciativa e que, coa nosa colaboración, reflexionemos xuntos sobre a cidade e área metropolitana que queremos os que aquí vivimos e traballamos. E non asumir un modelo que nos impón unha multinacional estranxeira".

 

O regreso da campaña a prol de Porto Cabral

A declaración de supramunicipalidade para o centro comercial -única vía para legalizar a súa construción- resérvase a proxectos de interese público e utilidade social. En todo caso, a súa aprobación depende da Xunta

A pesar de que entre 2013 e 2015 o proxecto de Porto Cabral parecía derrotado -primeiro polo referendo entre a veciñanza de Cabral e despois pola anulación do PXOM vigués-, nos últimos meses os seus impulsores colleron novos folgos, impulsando unha Iniciativa Lexislativa Popular que pide a construción do centro comercial. A única posibilidade legal para construír esta megainstalación pasa -ademais dun cambio de posición dos comuneiros- por unha declaración de supramunicipalidade que, en principio, estaría reservada a proxectos de interese público e utilidade social, non a un centro comercial e de ocio e que mesmo conta co rexeitamento do Concello de Vigo presidido por Abel Caballero. En calquera caso, a pelota está no tellado da Xunta, que recentemente aprobou a chamada Lei de Depredación, que fai máis doada a aprobación deste tipo de declaracións de supramunicipalidade para eliminar obstáculos a grandes proxectos e pasar por riba da autonomía dos concellos.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.