0 Gardados para despois

O novo intento de legalizar Porto Cabral "parte de intereses persoais"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


En novembro de 2013 a veciñanza de Cabral, en Vigo, rexeitou nunha votación a proposta de Eurofund Investments (apoiada pola Xunta Reitora da comunidade de montes) para construír un macrocentro comercial no lugar. Ás dúbidas sobre a legalidade da operación uníase o rexeitamento dos propietarios dos terreos. En decembro de 2015 a anulación do Plan Xeral de Urbanismo de Vigo semellaba afastar aínda máis a construción do complexo.

Porén, nos últimos meses púxose en marcha unha campaña de recollida de sinaturas para apoiar a presentación dunha iniciativa lexislativa popular no Parlamento galego para instar a Xunta a tramitar o proxecto pola vía supramunicipal ou por "excepcional interese público", pasando por riba do PXOM vigués e da negativa dos comuneiros a vender os terreos. Os promotores da iniciativa son, a título individual, os presidentes das comunidades de montes de Cabral e de Guizán, do Real Aero Club de Vigo, da Asociación de Veciños de Cabral, da Asociación de Xubilados e Pensionistas Daniel Castelao, da Asociación Deportiva Carballal e da Asociación de Mulleres Rosalía de Castro. Aseguran ter recollido ata agora unhas 20 mil sinaturas a través dunha campaña que inclúe anuncios de gran tamaño nas principais cabeceiras de prensa impresa.

"A proposta vén avalada por presidentes de entidades veciñais, pero ningún deles fixo asembleas nas súas parroquias para ver se os veciños aprobaban ou non a iniciativa. Non son os veciños os que apoian a proposta, son decisións persoais"

Fernando Molares, que o pasado ano liderou a candidatura alternativa ao actual presidente da Xunta Reitora, destaca que "a proposta vén avalada por presidentes de entidades veciñais, pero ningún deles fixo asembleas nas súas parroquias para ver se os veciños aprobaban ou non a iniciativa. Non son os veciños os que apoian a proposta, son decisións persoais". "Este novo intento de legalizar Porto Cabral está avalada polos intereses propios da empresa que impulsa o proxecto e os de Luís Rodríguez, presidente da Xunta de Montes", subliña. Ao día seguinte de gañar as últimas eleccións, celebradas o pasado ano, Rodríguez afirmou que "o resultado supón un auténtico respaldo ao proxecto. Imos tentar que Porto Cabral sexa inmediatamente unha realidade".

Molares reitera que "un proxecto coma este non ten cabida nun monte comunal" e subliña e "en 2013 a asemblea decidiu que o monte non se vendía, pero o presidente da Xunta Reitora continuou no seu intento de vender". "Ao anularse o PXOM de 2008, o proceso quedou invalidado totalmente. A vía da supramunicipalidade non ten cabida. Así o están dicindo xuristas e expertos, e o propio Abel Caballero di que ata que non haxa novo Plan Xeral, non hai nada que facer", salienta. Efectivamente, nas últimas semanas o alcalde de Vigo (que nos últimos anos defendeu o proxecto de Porto Cabral) condicionou o desenvolvemento do proxecto á aprobación do novo Plan Xeral de Urbanismo.

"A vía da supramunicipalidade non ten cabida. Así o están dicindo xuristas e expertos, e o propio Abel Caballero di que ata que non haxa novo Plan Xeral, non hai nada que facer"

A iniciativa non contaría, polo tanto, co apoio do PSOE local e xa recibiu o frontal rexeitamento de Marea de Vigo, BNG e En Marea. O Grupo municipal da Marea de Vigo lembra que a Lei 3/2016, impulsada pola Xunta para sacar adiante determinados proxectos trala anulación do PXOM vigués, "non permite determinadas actuacións como recualificacións de solo ou a conversión dun solo rústico á urbano consolidado para un uso comercial". E que "a vía da supramunicipalidade non se pode tomar, posto que non estamos falando dun centro de interese público e utilidade social, como podería ser unha universidade ou mesmo un hospital, senón dun centro comercial e de ocio", sinalou o seu voceiro Rubén Pérez.

O grupo municipal da Marea de Vigo subliña o prexuízo que o megacentro comercial tería para o comercio local da cidade

"A única opción posible é na redacción dun novo plan, plan que por outra parte, debe estar sometido a unha avaliación ambiental estratéxica, na que Porto Cabral non tería cabida", engada. O grupo municipal da Marea de Vigo subliña igualmente o prexuízo que o megacentro comercial tería para o comercio local da cidade, sinalando o exemplo de Zaragoza e Porto Venecia (proxecto irmán de Porto Cabral) "onde a Cámara de Comercio xa recoñeceu que se destruíron máis de mil postos de traballo no comercio local de proximidade da cidade". A Marea acusa os promotores da iniciativa de "mentir" ao prometer que o centro comercial xerará catro mil postos de traballo ou que atraerá determinadas marcas que aínda non se pronunciaron ou que existe un acordo cos propietarios dos terreos pois a asemblea da comunidade de montes "xa votou non á proposta".

Tanto En Marea coma o BNG preparan senllas iniciativas parlamentarias para coñecer a posición da Xunta e para protexer o monte de Liñeiriños desta e doutras iniciativas semellantes

"Cando están tirando con esta forza, ou ben están á desesperada, ou ben esperan que o PP e a Xunta apoien esta vía", di Fernando Molares. Con todo, dende o Goberno galego non houbo pronunciamento ningún sobre a cuestión. Tanto En Marea coma o BNG preparan senllas iniciativas parlamentarias para coñecer a posición da Xunta e para protexer o monte de Liñeiriños desta e doutras iniciativas semellantes. Así, a vindeira semana a cámara debaterá unha proposición non de lei do BNG que insta o Goberno galego a "desenvolver un plan sectorial de equipamentos comerciais en Galicia e aprobar unha moratoria de dez anos na concesión de licenzas para grandes áreas comerciais no concello de Vigo". E En Marea fará o mesmo, demandando a garantía de que Liñeiriños quede fóra dunha futura recualificación que permita a súa transformación e para que se considere o seu carácter de "reserva forestal", evitando que se poidan cometer fraudes nos usos permitidos.

As forzas da oposición alertaron nas últimas semanas de que a Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais, impulsada por Xunta e PP, podería facilitar a tramitación de proxectos supramunicipais. A proposición de lei outórgalles aos proxectos empresariais máis facilidades para eludir os controis, debido a que fai máis sinxela a súa consideración como proxectos industriais estratéxicos, que se benefician dun menor control urbanístico, dunha declaración de utilidade pública, da prevalencia sobre outras utilidades públicas e que adquiren unha incidencia supramunicipal, polo que poden eludir o control dos concellos. No debate da toma en consideración da proposta a deputada do BNG Noa Presas alertou das modificacións "que o PP pretende introducir noutros textos lexislativos" para que a lei de implantación de iniciativas empresariais "sexa utilizada polas empresas como cabalo de Troia para facer o que que lles dea a gana. E pediulle ao "que diga se a nova lei será o salvoconduto para Elnosa, Ence ou para que o Porto de Cabral sexa un centro comercial en vez dun monte comunal”.

Molares enmarca esta operación nas múltiples "irregularidades" que denuncia na xestión de Luís Rodríguez, presidente da Xunta Reitora

Fernando Molares enmarca esta operación nas múltiples "irregularidades" que denuncia na xestión de Luís Rodríguez, presidente da Xunta Reitora. Unhas denuncias que seguen a súa vía xudicial, obrigando os tribunais a Rodríguez a presentar o censo de comuneiros ("manipulado e na que figurarían comuneiros que non son veciños e que polo tanto non poden figurar aí”, di Molares) e as contas da entidade entre 2011 e 2016. Por este motivo, a iniciativa que a vindeira semana presentará o BNG no Parlamento inclúe a demanda de que o Goberno galego "exerza o control sobre a xestión administrativa e económica da comunidade de montes en man común de Cabral".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.