0 Gardados para despois

R, Gadis e Abanca levan os galardóns nos XXIV Premios de Publicidade en Galego

Redacción | @prazapublica

O Parlamento de Galicia acolleu este mediodía o acto de entrega dos XXIV Premios de Publicidade en Galego, convocados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, o lexislativo galego e o Foro Enrique Peinador, logo da disolución do Consello Asesor de RTVE en Galicia que os viñera convocando ata o de agora.

O premio da categoría de radio foi para o anuncio “Medo a quedar sen datos”, da axencia Bap&Conde, para R Cable e Telecomunicacións. Na categoría de televisión, o premio recaeu no traballo “Imposible sen ti”, da axencia Tex 45 Producións, por encargo de Abanca. Na categoría de internet resultou galardoado o anuncio “A túa compra, os teus temazos”, da axencia Nasas, axencia creativa de márketing online, elaborado por encargo de Gadis. O xurado declarou deserto o premio na categoría de prensa escrita.

Durante a súa intervención, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, salientou que a intercomprensibilidade das linguas galega e portuguesa “encerra un enorme potencial que ninguén discute, do mesmo xeito que a oportunidade de utilizar o galego como lingua publicitaria está fóra de toda dúbida e mesmo pode constituír o segredo do éxito dunha campaña”.

O uso do galego na publicidade e, en xeral, nas relacións comerciais e empresariais vén sendo reivindicado por diferentes institucións dende hai anos, pero tamén por compañías que o integraron na súa práctica habitual. Así o acreditaron, por exemplo, as empresas que participaron o pasado setembro no foro organizado polo Consello da Cultura baixo o título Etiqueta na túa lingua, camiña polo mundo con identidade con marcas como Queixos Hoxe, Deleite ou Dinahosting.

Nestes obxectivos encádrase tamén o Plan de Dinamización da Lingua Galega no Tecido Empresarial, que Política Lingüística impulsa xunto a entidades de sectores como o lácteo, o dos transportes, o conserveiro ou o audiovisual. O mesmo fan os premios Manuel Beiras, que dende o ano 2000 distinguen en Santiago as empresas que fan un uso continuado da lingua galega, que se incorporan ao seu uso normal ou ás persoas que fomentan estas prácticas.

"Imposible sen ti", premio de publicidade en galego

Axencia TEX 45 PRODUCIÓNS para Abanca

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.