Audasa sobre o obreiro falecido en Rande en xullo: “Investígase se foi unha caída... provocada”

Pedro Pérez, presidente de Itinere, matriz de Audasa, á esquerda da mesa no acto deste luns en Vigo Dominio Público Xunta de Galicia

A preguntas sobre a seguridade das obras na ponte, o presidente da matriz da concesionaria, Pedro Pérez, amosa as súas dúbidas sobre o “tipo de caída” do traballador

O presidente de Itinere, a empresa matriz de Audasa, Pedro Pérez, participou este luns en Vigo nun acto no que foi preguntado polos xornalistas pola seguridade das obras de ampliación da ponte de Rande, onde a pasada noite un obreiro resultou ferido nun pé, a pasada semana ardeu un dos tirantes que sustentan a plataforma e hai cinco meses faleceu un operario. O responsable de Audasa puxo en dúbida que o falecemento producido en xullo fose un accidente laboral.

“É verdade que houbo un accidente hai unha serie de meses dunha persoa que caeu da ponte, aínda que, isto non sei se é prudente dicilo, estase investigando se realmente foi un accidente ou unha caída... provocada por dicilo de algunha maneira”, dixo textualmente. Posteriormente, os xornalistas preguntan a Pérez que tipo de “investigación” se está realizando ao respecto, ao que o directivo responde: “Ben, pois home, polo tipo de caída, por... ben.  Creo... aínda que... quizais aí paseime con vostedes nun rasgo de sinceridade, porque realmente en calquera caso é unha defunción, e unha defunción é unha defunción, sexa o motivo que sexa é unha desgraza e así a temos cualificada todos nós”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.