As 13 series do Gordo da Lotaría de Nadal vendidas en Vilalba tradúcense en 1.300 décimos, que a 400.000 euros de premio por cada un supoñen un total de 520 millóns de euros. A propietaria da administración de lotaría di que foi vendendo os décimos desde o pasado mes de xullo, polo que pode que algúns marcharan para fóra da vila a través de turistas ou emigrantes. Malia todo, o premio, aparentemente moi repartido, é o suficientemente grande como para preverse un impacto directo na economía dunha vila de menos de 15.000 habitantes. Pero, para que dan 520 millóns de euros?
Na vila, de menos de 15.000 habitantes, vendéronse 1.300 décimos do Gordo a 400.000 euros de premio por cada un
Este venres xa houbo quen achegou suxestións interesadas sobre que pode mercar cada agraciado cos 400.000 euros de cada décimo, como unha empresa que calculou que, ao prezo medio do metro cadrado na provincia de Lugo, cada premiado podería comprar ata catro casas. Pero se miramos o monto global e o comparamos con algúns dos principais investimentos públicos en Vilalba nos últimos anos tamén é fácil facerse a idea da importancia do Gordo.
Por exemplo, toda a Autovía do Cantábrico (A-8) ao seu paso por Galicia, os seus 86 quilómetros entre Ribadeo e Baamonde, dos que só uns 25 quilómetros discorren polo termo municipal de Vilalba, supuxeron un custo de construción duns 500 millóns de euros a cargo do Ministerio de Fomento. A outra autovía que presta servizo a Vilalba, a que chega desde Ferrol (AG-64) supuxo un investimento da metade, duns 250 millóns de euros achegados pola Xunta para todos os seus 56 quilómetros, dos que só 8 quilómetros están no seu termo municipal. Por suposto, son obras que seguen a achegar beneficios á vila en materia de mobilidade, pero os seus investimentos iniciais fundamentalmente na primeira década deste século permiten facerse unha idea do que supoñen eses varios centos de millóns de euros.
Os orzamentos municipais veñen roldando os 10 millóns de euros cada ano, e en cinco anos o Concello ingresou un total de 1,1 millóns polo canon eólico
Outro elemento importante na economía de Vilalba son os parques eólicos que poboan os montes que rodean boa parte da vila. Neste caso, á marxe dos investimentos iniciais realizados polas distintas empresas propietarias, a Xunta cobra delas un canon eólico que transfire aos concellos nos que están implantados os muiños. Segundo o Goberno galego, desde a implantación do canon eólico en 2010 e ata 2014 o Concello de Vilalba recibira un total de 1,1 millóns de euros por esa vía. A contía non é menor para uns orzamentos municipais que veñen roldando os 10 millóns de euros cada ano. Pero os 520 millóns que agora chegan a través do Gordo empequenecen as anteditas contas públicas.