A Xunta gábase da evolución do prezo do leite en Galicia. Malia que se sitúa aproximadamente nos custos de produción, os 32 céntimos por litro que de media se pagaron no pasado mes de novembro aos gandeiros galegos levaron o Goberno autonómico a destacar que o país é a comunidade "na que máis medrou o importe dende novembro de 2015". Ao tempo, e durante ese mesmo período, perdéronse máis dun milleiro de explotacións. 3,3 céntimos máis por litro e 1.129 granxas menos.
A Xunta destaca que Galicia foi "a comunidade onde máis medrou o importe" en dous anos malia que nese período pecharon máis de 1.100 explotacións
A Consellería do Medio Rural destaca ese incremento do 7,7% con respecto a un ano antes (29,7 céntimos por litro), do 11,5% en comparación con novembro de 2015 e de menos dun punto (0,95%) de fixarnos no importe pagado en outubro. De feito, a Xunta insiste en que Galicia "convértese na comunidade autónoma na que máis medrou o prezo" nos últimos dous anos, "por riba de Cantabria, Asturias e bastante por riba da media" estatal. No entanto, no caso do Principado págase o quilo a 35,2 céntimos e na comunidade cántabra chega aos 33,2, 3,2 e 1,2 céntimos máis de media que no país, onde menos de medio ano de subas apenas permiten atravesar por pouco o limiar dos 31 céntimos, no que se sitúa a fronteira mínima a partir da cal é posible producir sen perder cartos.
"Enfeitan a aseveración cunha morea de cifras e mesmo se atreven a sacar peito na cuestión dos valores lácteos ao dicir que nese aumento quedamos por riba de comunidades veciñas Asturias ou Cantabria", destaca o Sindicato Labrego Galego, que coincide coa Federación Rural Galega (Fruga) e con Unións Agrarias (UUAA) á hora de censurar que o Goberno "se poña medallas" e actúe con "frivolidade e cinismo" mentres, "pese a propaganda, as granxas galegas de leite seguen a ser as que menos cobran do Estado".
O prezo por litro en Galicia segue a ser o máis baixo do Estado e dos peores de Europa
Medio Rural basea o criticado comunicado nos datos últimos datos do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega), correspondentes a novembro de 2017. "De que nos serve ser a comunidade na que máis sobe en porcentaxe o prezo do leite se as nosas granxas seguen cobrando por baixo dos custos de produción?", pregúntase o SLG, que compara a situación galega coa de Asturias ou Cantabria, e vai máis aló ao considerar "deprimente" a comparación "de cruzarmos os Pireneos": o prezo medio en Francia ou Bélxica supera os 36 céntimos, mentres que en Holanda, Austria ou Alemaña está por riba dos 40.
De feito, Galicia ten o importe máis baixo do Estado (onde a media é de 33,4 céntimos), só algo por riba das Balears (que representa menos do 1% da produción estatal e ten 137 explotacións fronte ás máis de 8.000 galegas), e España o máis baixo da UE, ao carón de Portugal. Ademais, mentres os fortes incrementos dos prezos de produtos industriais repercutiron nos prezos pagados aos gandeiros en Europa, iso non aconteceu en Galicia.
"Os gandeiros galegos foron novamente os peor pagados de toda España durante 2017", lembra UUAA, que denuncia a "campaña publicitaria da conselleira Ánxeles Vázquez" coa que, din, "trata de tapar os datos da súa mala ou nula xestión, coa intención de enganar a opinión pública e demostrando un desprezo pola situación do sector lácteo galego".
Así, as organizacións agrarias recollen a luva de Medio Rural e tiran tamén de datos para lembrar o arrepiante ritmo de peche de explotacións leiteiras en Galicia. Neste 2017 cerraron xa 424 e nos últimos dous anos, 1.129: son case medio cento de granxas que fechan cada mes no país. Todo nun período onde a comunidade situouse como o territorio co prezo máis baixos no Estado e cun dos peores en Europa.
Neste 2017 cerraron xa 424 explotacións leiteiras, no último ano algo máis de 500 e nos últimos dous, 1.129
"Só podemos lamentar que a Consellaría teña a pouca vergonza de fachendear" ante este panorama, advirte o SLG, mentres que Fruga reclama á Xunta que "deixe de investir en propaganda" e insiste en que "a situación dos gandeiros de leite non mellorou con respecto ao ano anterior".
"Dispostas a facer cálculos", lembra o SLG, de teren cobrado as granxas galegas o prezo medio das asturianas, os seus ingresos aumentarían en "máis de 5 millóns de euros". No caso de equipararse á media da UE, 9 millón adicionais. "Polo tanto, podemos dicir que as explotacións galegas perderon de ingresar 9 millóns de euros en novembro de 2017 por non ter uns prezos acordes á media europea", di a organización.
As organizacións agrarias censuran que Medio Rural "fachendee", "saque peito"ou "faga propaganda" na situación de crise do sector
Ademais, desde o SLG alertan de que "varias multinacionais leiteiras que operan en Galiza, ademais de non ter subido o prezo nos últimos meses, xa están anunciando baixadas para a primavera". Para o sindicato, o comunicado de Medio Rural só demostra que a Consellería "está máis preocupada por maquillar a realidade que por facer algo para mudala e mellorala; así nos vai".
"A conselleira esqueceu por completo os seus compromisos como deixa patente na non convocatoria do grupo de traballo do sector lácteo, para debater co posibles solucións á difícil situación que seguen a pasar as nosas explotacións", di UUAA, que acusa a Medio Rural de "esquecerse tamén da busca de solucións como a mobilidade de terras, a modernización das nosas explotacións ou as afectacións da seca".
No caso da Fruga, recórdalle á Consellería os últimos datos de superficie agraria útil (SAU) para os gandeiros e gandeiras galegas e advirten de que "Galiza perdeu 33.000 hectáreas entre 2013 e 2016". Xa que logo, lembran, "o peche de explotacións agrarias non se traduce no aumento da superficie agraria do resto das explotacións" e que esa superfice que se perde "vai destinada principalmente a plantacións forestais, concretamente a plantacións de eucaliptos". "A política agraria de Medio Rural está destinada principalmente a favorecer os intereses de empresas como ENCE, favorecendo e incentivando os eucaliptais e eliminando unha importante cantidade de superficie agraria útil", reprochan.