O pleno da Eurocámara decidirá a vindeira semana se aproba a expansión masiva do polémico sistema de pesca eléctrica. O martes 16 será unha data clave, logo de que a Comisión de Pesca aceptase que se sometese á decisión do pleno unha posibilidade que xa ergueu as voces de grupos ecoloxistas, mariñeiros e expertos, que advirten dos graves prexuízos dun modelo vetado en toda a UE agás para unha parte pequena da frota de arrastreiros que operan no mar do Norte, nomeadamente buques dos Países Baixos, e para probas experimentais noutros casos.
O pleno da Eurocámara decide o vindeiro martes 16 se aproba a pesca con electricidade en toda a UE
Esta posible expansión comercial ilimitada da pesca con electricidade na UE foi duramente contestada. O método foi cualificado por diferentes expertos como “destrutivo” e “inmoral” e varios deles, entre eles a ex-ministra francesa Ségolène Royal ou o ex-ministro de Pesca do Reino Unido Richard Benyon, difundiron unha tribuna aberta na que pediron que a Eurocámara prohibise de vez o sistema e actuase así como "gardián dos ecosistemas mariños e das comunidades pesqueiras" e garante "dun futuro mellor para a saúde e a produtividade do medio ambiente mariño".
O caso é que a proposta da Comisión Europea para o Regulamento de Medidas Ténicas de pesca que o Parlamento Europeo votará o martes abre a porta ao uso da corrente eléctrica nas redes do arrastre, prohibido na inmensa maioría dos países alén da UE.
A proposta da Comisión abre a porta a permitir o uso de electricidade na pesca, algo que os expertos cualifican de "destrutivo e inmoral"
Lídia Senra, eurodeputada galega integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), estivo presente na Comisión de Pesca da Eurocámara, da que forma parte, que o pasado novembro debateu o informe. Daquela xa presentou emendas opoñéndose a permitir a técnica e avogando por que o uso da electricidade siga "como ata agora, prohibido nas augas comunitarias". "En todo caso, no que se debería avanzar é en poñer fin ás excepcións actualmente vixentes", di. Este pasado luns, volveu presentar emendas ao texto que se debaterá no Parlamento Europeo.
Campaña contra a pesca eléctrica da organización Bloom
O pasado 4 de xaneiro, Senra reuniuse en Compostela con representantes do sector pesqueiro artesanal e de pequena escala que lle amosaron a súa "fonda preocupación" e que lle advertiron de que "nin tan sequera" se está a cumprir hoxe en día "a limitación que especifica que como máximo o 5% da frota de arrastreiros do Mar do Norte poidan usar esta técnica".
O sector pesqueiro artesanal amosoulle a Lídia Senra a súa "fonda preocupación" ante a posibilidade de autorizar a pesca eléctrica
“A sesión plenaria da vindeira semana é a oportunidade para que a UE se posicione a favor dun modelo de pesca sustentábel, botando abaixo estas excepcións. Cómpre por fin a unha situación que está alarmando mesmo ao Comité Científico, Técnico e Económico de Pesca da Comisión Europea (STECF)", di Senra. Así, e segundo os datos manexados por esta institución, máis do 50% do peixe capturado con este método sofre hemorraxias e danos na espiña, tal e como relata nun informe de hai xa anos, xusto cando a Comisión debatera a derrogación parcial da prohibición que fora instaurada en 1998.
Máis do 50% do peixe capturado con electricidade sofre hemorraxias e danos na espiña, segundo un informe científico da Comisión
Ademais, un grupo de ONG e organizacións de mariñeiros organizados na asociación Bloom tamén teñen reclamado á Comisión Europea que se manteña a prohibición, censurando a proposta que xa se fixera en 2006 e que permitira o uso experimental destas técnicas. Ademais, acusa a UE de ignorar as recomendacións científicas, polo que piden a retirada inmediata de todas as achegas relacionadas coa pesca eléctrica na súa proposta lexislativa sobre o Regulamento de Medidas Técnicas que se votará o martes 16.
Mentres o regulamento de 2006 aseguraba que a pesca de arrastre con pulsos eléctricos "debería permitirse", a recomendación científica de pouco antes -e que os expertos, mariñeiros e ecoloxistas aseguran que se ignorou e mesmo ocultou- advertía de varias "cuestións" que "deberían resolverse antes de conceder calquera derrogación". A presión dos lobbies pesqueiros de Holanda fixo o reto e a Comisión ignorou o seu comité de expertos e baseou a súa proposta nun suposto apoio científico que resultou ser falso, provocando unha gran polémica mentres buques dos Países Baixos se aproveitaban de subvencións para esta práctica agresiva. A organización LIFE (Low Impact Fishers of Europe), formada por mariñeiros, tamén denuncia o "escándalo" de todo o procedemento e, como o resto, recolle sinaturas para presionar a UE.
A pesca con electricidade coloca electrodos nas grandes redes, provocan convulsións nos organismos que os obrigan a saír para seren capturados facilmente
A pesca eléctrica consiste en colocar nas grandes redes de arrastre electrodos, que "pasan polos fondos mariños e emiten corrente ao sedimento, provocando convulsións nos organismos, forzándoos a saír e sendo capturados de xeito máis doado", adviren as asociacións contrarias. Péscase máis, con menos combustible e menos esforzo, pero dánase o medio ambiente no mar e prexudícase a pesca artesanal. En Francia, ante a polémica, o sector pesqueiro e de acuicultura xa promoveu o boicot a produtos holandeses. Agora, dos votos dos europarlamentarios dependerá que esta práctica se estenda a todos os países da UE.