O Estado certifica a suba no recibo da luz en Galicia para compensar as eléctricas polo pago de impostos

Unha factura da luz CC-BY-SA Praza Pública

Os fogares galegos pagarán máis (aínda) polo recibo da luz. O Ministerio de Enerxía oficializou este martes no Boletín Oficial do Estado (BOE) o futuro incremento na factura cunha orde na que reclama ás autonomías que cuantifique a cantidade total dos tributos autonómicos recadados en 2013 e que afectan a actividade eléctrica para poder así devolverlles os cartos ás compañías que abonaron eses impostos en Galicia. 

O recibo da luz dos galegos subirá para compensar as eléctricas polos impostos medioambientais pagados en 2013 

A orde non aclara cando se producirá esa suba, durante que período e cal será a cantidade a abonar polos galegos, pero si avanza que se producirá, en contra do que dicía a Xunta, á que só lle queda o recurso xudicial. Repercutiranse nos recibos dos galegos aqueles tributos que a Xunta cobrou ás eléctricas en 2013 e que acabarán pagando os consumidores.

Son as consecuencias derivadas dunha sentenza do Tribunal Supremo do pasado marzo que determinaba que as compañías poderían aplicar un "suplemento territorial" á factura da luz para repercutir o custo dos tributos específicos mediambientais que se fixaran nas diferentes comunidades autónomas, entre elas Galicia. Dábase vía libre para que as eléctricas recuperasen estes gravames mentres estivo en vigor o decreto-lei de estabilidade orzamentaria aprobado por Rajoy en 2012. Aquel decreto fixaba como obrigatoria a posibilidade aberta pola Lei do sector eléctrico, que permitía incorporar suplementos territoriais aos consumidores de autonomías con recargos sobre os tributos estatais. Era un risco do que advertía a oposición e que o Goberno galego negaba ou non quería crer

Unha sentenza do Supremo do ano pasado permite ás eléctricas aplicar un "suplemento territorial" á factura da luz para compensar os tributos autonómicos pagados

En vigor durante todo aquel ano 2013, aquela posibilidade non se chegou a aplicar e a finais de ano outra lei para o sector botou por terra todo o anterior, pero as compañías eléctricas acudiron ao Supremo, que lles deu a razón e fixo que o Goberno central reaccionase. 

A Xunta non daba facilitado os datos dos seus impostos e quedou fóra das primeiras ordes, pero agora o Ministerio de Enerxía informa ás autonomías de que pasará a cobrar eses recargos e reclámalles as cifras da recadación para determinar a suba dos recibos. Ademais, especifica os impostos polos que se verá afectada cada comunidade, que no caso de Galicia non só abranguen o canon eólico, como se prevía, senón tamén ao de saneamento, ao imposto sobre contaminación atmosférica (ecotaxa) e ao imposto sobre dano medio ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga en encoros. 

Galicia recadou uns 40 millóns de euros en 2013 polo canon eólico, a ecotaxa e o imposto por dano ambiental dos encoros

Segundo os datos do IGE, que non inclúe cantidade ningunha no de saneamento, en 2013 pola ecotaxa Galicia ingresou 2'92 millóns; 22,92 máis polo canon eólico e 13,99 millóns por dano ambiental dos encoros. Un total de case 40 millóns de euros que, como mínimo, terán que ser pagados polos consumidores galegos. A Xunta argumenta que estes tributos non deberían ser contemplados polo Ministerio ao ser medioambientais e non gravar as actividades ou instalacións eléctricas, pero xa asume que a única opción é recorrer se son finalmente aplicados á cidadanía. 

Desde a oposición, o BNG, que xa anunciou a presentación de preguntas ao respecto no Parlamento, cren que a orde do BOE é "unha proba máis de como o PP en Madrid segue gobernando ao servizo das empresas eléctricas" e advirte de que os galegos "imos ter unha penalización pagando a luz máis alta do Estado a pesar de ser produtores de enerxía".

"É unha proba máis de como o PP en Madrid segue gobernando ao servizo das empresas eléctricas", advirte o BNG

"É unha especie de Robin  Hood ao revés, roubarlles aos traballadores, para dárllelo aos ricos", insistiu a voceira do Bloque, Ana Pontón, que se pregunta "que vai facer Feijóo". "Seguirá vetando a tarifa eléctrica galega que propón o BNG ou dirá amén a este novo tarifazo que prepara Rajoy?", di. 

Xa hai meses, tanto En Marea como PSdeG protestaran tamén por unha suba que se prevía pero que non estaba confirmada. Ambas as dúas formacións presentaran iniciativas para deter os plans do Goberno central, que seguiu adiante. 

Ademais, desde a CIG, o ex-deputado do BNG, Fernando Branco, quen defendeuu na Cámara unha tarifa eléctrica propia para Galicia, Branco considera a orde ministerial “un disparate” e lembra que cando se debateu aquela ILP, "un dos argumentos fortes do PP foi que non podía haber tarifas eléctricas diferenciadas por territorios". “Isto cae con esta orde, porque cada comunidade ten os seus propios impostos e non é igual o que recadan”, di. 

Álvaro Nadal, ministro de Enerxía © La Moncloa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.