Un gran número de galegos e galegas manifestáronse este xoves nas cidades e vilas galegas -e tamén no resto do Estado- en demanda de pensións dignas. A maior parte dos e das participantes eran xubilados e xubiladas e unha das principais demandas nas concentracións convocadas por MODEPEN (Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas) e outros colectivos era a suba das actuais pensións por riba do actual 0,25% anual, que se sitúa por debaixo do IPC. Porén, nas mobilizacións había tamén manifestantes máis novos e novas, os e as pensionistas do futuro, pairando no ambiente a preocupación polas pensións do mañá e polo sostemento do actual sistema público, ameazado polo baleirado do fondo de reserva, pola redución do número de cotizantes e pola presión dos fondos privados.
As mobilizacións de Vigo e A Coruña foron as máis numerosas, pero tamén houbo unha participación importante en Pontevedra, Lugo, Cangas, Noia, Tui ou Vilagarcía. Para esta tarde estaban convocadas máis concentracións en Compostela, Ourense e Ferrol. Falamos con Victoria Portas, integrante de MODEPEN e voceira da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións.
Como valoras a participación nas concentracións deste xoves? Superou as vosas expectativas?
Si, consideramos que a participación foi moi positiva. As expectativas eran altas, porque levabamos meses traballando con distintos colectivos de todo o Estado, pero o número de asistentes en todas as concentracións foi moi alto.
"O problema aféctanos moito máis a nós, ás persoas que aínda non estamos xubiladas. A xeración máis prexudicada é a do baby boom, a que hoxe ten entre 50 e 60 anos"
Nas protestas víronse sobre todo persoas xubiladas ou a piques de facelo, pero este é un tema que necesariamente nos afecta a todos, aos pensionistas actuais e aos do futuro, non si?
É que realmente nos afecta moito máis a nós, ás persoas que aínda non estamos xubiladas. A xeración máis prexudicada pola crise das pensións é a do baby boom, a que hoxe ten entre 50 e 60 anos, porque nos afectan as sete reformas do sistema de pensións que xa se aplicaron e estamos vendo que se nos van aplicar moitas máis. Eu, co mesmo tempo traballado que os meus pais e cunha cotización semellante, vou ter unha pensión un 40% ou un 50% inferior, se seguimos así. Hai que ter en conta que en Galicia as pensións medias son das máis baixas de todo o Estado, así que imaxina como van ser as futuras pensións das nosas xeracións. Encamiñámonos todas a pensións de subsistencia, a pensións mínimas.
"É indiscutible e innegociable que as pensións, como mínimo, suban ao mesmo nivel que os prezos. Outra demanda fundamental é que as pensións teñen que ser garantidas polos orzamentos xerais do Estado"
Nas mobilizacións deste xoves puxéronse sobre a mesa reivindicacións máis de fondo, encamiñadas a demandar o mantemento do sistema público da pensións e tamén reclamacións inmediatas, como a esixencia de que as pensións actuais crezan por riba do actual 0,25% anual. Que medidas inmediatas reclamades?
Levamos anos cunha suba do 0,25%, que nunha pensión de 600 euros supón un incremento de 1,5 euros anuais; mentres, desde o 2011, a suba acumulada do IPC foi superior ao 6,9%. É indiscutible e innegociable que as pensións, como mínimo, suban ao mesmo nivel que os prezos. Outra demanda fundamental é que as pensións teñen que ser garantidas polos orzamentos xerais do Estado. Non queremos que pasen a formar parte dos orzamentos, queremos seguir contando cun sistema de apoio e de reparto interxeracional, pero queremos que cando os ingresos xerados polo aforro da clase traballadora non sexa suficiente para pagar pensións dignas esa parte que falta sexa complementada polos orzamentos.
E que reformas de fondo son necesarias?
Pensando no medio e longo prazo hai que facer unha reforma en profundidade, comezando por derrogar as leis de 2010 e 2011. Hai que facer fincapé en incrementar os ingresos e non -como se fai sempre- en recortar pola parte dos gastos. Hai que lexislar para incrementar os ingresos. Hoxe erguémonos coa nova de que os empresarios están pedindo que os contratos de aprendizaxe se prolonguen ata os 45 ou máis anos. Iso suporía unha perda económica tremenda para as arcas da Seguridade Social. Primeiro, porque esas persoas cobrarían moito menos, e os empresarios terían que pagar só 40 euros ao mes á Seguridade Social, en vez que aboar o 28% da súa nómina. As grandes empresas pretenden ter man de obra barata e cotizar de forma insignificante.
"Por mor da última reforma das pensións o cálculo faise coas cotizacións dos últimos 25 anos, que por mor da crise é moi baixa en moitos casos. De nada valeu que antes traballaran 40 anos"
Está tamén o problema que atopan moitas persoas para cotizar o número de anos esixidos para cobrar unha pensión completa ou as dificultades que moitos e moitas están atopando precisamente nos anos inmediatamente anteriores á súa xubilación, os máis importantes para o cálculo...
Efectivamente, agora mesmo esixen xa ter 38 anos cotizados. E hai persoas que si os teñen, ou máis aínda, porque comezaron a traballar moi novas. Pero algunhas destas persoas están a ter problemas a partir dos 50, 55 ou 60 anos, sobre todo porque a raíz da crise económica quedaron sen emprego e saíron completamente do mercado laboral, ninguén os quere. Ademais, os propios subsidios de desemprego para os maiores de 55 reducíronse notablemente. Por mor da última reforma das pensións, levada a cabo polo PP, o cálculo fáiselle coas cotizacións dos últimos 25 anos, que por mor da crise é moi baixa en moitos casos. De nada valeu que antes traballaran 40 anos.
Dicías antes que a xeración que máis ía sufrir de forma inmediata a crise do sistema de pensións era a do baby boom, as persoas que agora teñen entre 50 e 60 anos. De que xeito lles vai afectar?
O problema é que no presente xa estamos a sufrir a degradación das condicións de traballo: altos niveis de desemprego, recorte salarial, incremento da precariedade e dos contratos temporais... Non é o mesmo traballar de forma continuada, que traballar uns meses si e outros non, uns días si e outros non, a cotización non é a mesma. As nosas pensións van ser irrisorias e, ademais, imos chegar á xubilación ao mesmo tempo unha porcentaxe de poboación xunta moi grande.
"O problema é que no presente xa estamos a sufrir a degradación das condicións de traballo: altos niveis de desemprego, recorte salarial, incremento da precariedade e dos contratos temporais... A cotización non é a mesma"
Fronte á crise do sistema público de pensións e ao baleirado do fondo de reserva a única solución que se escoita dende algúns sectores é un chamamento a aforrar -algo que non todo o mundo pode facer- e a abrir plans de pensións privados. É o momento que moitas empresas estaban a agardar para que a iniciativa privada entrase a fondo nun ámbito no que ata agora a súa participación fora tímida?
Deberiamos preguntarnos por que a banca e as aseguradoras queren entrar nun sistema que se di que non é sostible. Claro que é un ámbito interesante para elas. Estamos falando de que aínda con salarios baixos, aínda con contratos precarios, a Seguridade Social move uns 125.000 millóns de euros anuais. A banca e os fondos de investimentos queren apropiarse de todos eses cartos. Ademais, a UE está a impulsar plans de pensións privados paneuropeos que calculan que poden captar 700.000 millóns ata o ano 2030. Polo tanto vemos que non é unha cuestión de cartos, senón unha cuestión de política: ou facemos política para o capitalismo, ou facemos política para a cidadanía.
"Vemos que non é unha cuestión de cartos, senón unha cuestión de política: ou facemos política para o capitalismo, ou facemos política para a cidadanía"
Levades moito tempo mobilizándovos, pero pensades que as concentracións deste xoves poden ser un punto de inflexión, que poden colocar este tema nun lugar protagonista na axenda dos medios, dos partidos e da xente?
Levamos moito tempo traballando e facendo mobilizacións, pero ata agora a maior parte dos medios de comunicación e dos partidos tiñan silenciado este tema. Non interesaba que se falaba deste tema, porque se trata de 9,5 millóns de votos que algúns partidos poden perder. Levamos anos escoitando que o actual camiño é a única alternativa e que todos nos estamos apertando o cinto por igual. Dende MODEPEN levamos dous anos e medio traballando, custounos moito chegar ata aquí, non sei se será un punto de inflexión, pero o que si é certo é que hoxe o Goberno sabe que existimos, a xente da rúa viu as mobilizacións e é consciente de que hai un problema, e as concentracións foron tan numerosas que os medios non puideron ocultalas. E non imos parar ata que consigamos o que demandamos. É certo que hoxe nas concentracións só había pensionistas, pero imos convencer tamén a esa parte da poboación que alí non estaba e que é a máis afectada: a xeración do baby boom. Imaxina unha mobilización conxunta dos actuais pensionistas e desa xeración do baby boom, suficiente para encher as rúas e obrigar ás institucións a escoitarnos.
Isto é o que as pensionistas lle din a #FatimaBañez mentres lle devolven a través do recipiente correcto as cartas que recibiron coas “subas” das súas pensións. #PensiónsDignas pic.twitter.com/WPrzq8WybU
— Marea de Vigo (@MareaVigo) 22 de febrero de 2018