0 Gardados para despois

A loita por unhas pensións dignas e contra a precariedade volve á rúa

Redacción | @prazapublica

Os pensionistas volven saír á rúa. A pasada semana, gran número de galegos e galegas manifestáronse nas cidades e vilas galegas -e tamén no resto do Estado- en demanda de pensións dignas. A maior parte dos e das participantes eran xubilados e xubiladas e unha das principais demandas nas concentracións convocadas por Modepen (Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas) e outros grupos era a suba das actuais pensións por riba do actual 0,25% anual, que se sitúa por baixo do IPC. Neste martes, foi o colectivo de xubilados e pensionistas da CIG o que se manifestou coas mesmas demandas, esixindo que se garanta o seu poder adquisitivo e que as pensións mínimas sexan iguais ao salario mínimo interprofesional. 

O colectivo de xubilados e pensionistas da CIG saíu á rúa nas principais cidades e vilas galegas

Baixo o lema Na defensa dos nosos dereitos, o colectivo de pensionistas e xubilados da central nacionalista mobilizouse xa pola mañá na Coruña, Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, A Estrada e Vilagarcía. Pola tarde chegou a concentración de Lugo e tamén a de Vigo, a máis numerosa  . "Non, non, non ao recorte das pensións" ou "na Galiza queremos pensións dignas" foron algunhas das consignas que berraron os centos de persoas que saíron á rúa. En Santiago, por exemplo, a mobilización rematou cunha marcha pola zona vella, mentres que na Coruña mudou nunha manifestación até a Subdelegación do Goberno, onde se fixo entrega dos escritos rexeitando a suba do 0,25% e demandando unha revalorización das pensións "que non nos faga máis pobres".

A manifestación de Santiago / CIG

O colectivo denuncia que coas sucesivas reformas aprobadas tanto polo PSOE como polo PP, durante varios exercicios "non se revisou o importe nominal das pensións, ou fíxose por baixo da inflación", até "que en 2013 o PP eliminou a lei que establecía o IPC como referente, promovendo un duro recorte que nalgúns casos pode reducir até nun 20% as futuras pensións, a conta das mentiras sobre o aumento da esperanza de vida".

A manifestación de Vigo

A mobilización advirte de que o recorte do PP "pode reducir até nun 20% as futuras pensións"

Tal e como advertiran xa antes das concentracións, o colectivo da CIG asegura que estas reformas "complican cada vez máis o acceso ás pensións contributivas, diminúen as contías das pensións de quen accede ao sistema e atrasan a idade efectiva de xubilación". "Na actualidade temos un maior empobrecemento das persoas pensionistas", destacan, tras lembrar que case un 60% das pensións galegas están por baixo do salario mínimo e que as pensións no país están "máis de 15 puntos por baixo da pensión media do Estado".

Ademais, recordan tamén que, ao igual que noutros ámbitos, tamén as mulleres son as "máis prexudicadas" nesta problemática. A precariedade da súa vida laboral, as importantes eivas na cotización e as altas taxas de feminización das pensións non contributivas, advirte o colectivo, "fai que  un de cada catro mulleres maiores de 65 anos estea baixo a liña da pobreza". 

Montoro anuncia deducións no IRPF para persoas maiores, aínda que máis do 63% dos xubilados están exentos de pagalo

Ante as mobilizacións dos xubilados --este martes en Galicia e nos últimos días en moitos puntos do Estado-, o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, anunciou melloras para os pensionistas e anunciou que haberá deducións no IRPF para persoas de idade avanzada. Con todo, os técnicos de Facenda (Gestha) advirten xa de que esa "dedución por idade" terá un alcance moi limitado, ao beneficiar só un terzo dos pensionistas con maiores ingresos.De feito, máis do 63% dos xubilados están exentos de pagar IRPF ao cobrar pensións inferiores ós 12.000 euros por ano.

Mobilización de pensionistas en Pontevedra

Pontevedra

A Coruña

A Coruña

Ferrol

Compostela

Concentración de pensionistas

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.