0 Gardados para despois

A mobilización non se detén: "Máis pensións e menos corrupción"

Redacción | @prazapublica

A pasada semana, milleiros de galegos e galegas manifestáronse nas cidades e vilas galegas -e tamén no resto do Estado- en demanda de pensións dignas. A maior parte dos e das participantes eran xubilados e xubiladas e unha das principais demandas nas concentracións convocadas por Modepen (Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas) e outros grupos era a suba das actuais pensións por riba do actual 0,25% anual, que se sitúa por baixo do IPC. O pasado martes, foi o colectivo de xubilados e pensionistas da CIG o que se manifestou coas mesmas demandas, esixindo que se garanta o seu poder adquisitivo e que as pensións mínimas sexan iguais ao salario mínimo interprofesional. Neste xoves, volveron saír á rúa centos de pensionistas convocados por UGT e CCOO. 

Os manifestantes reclaman "pensións dignas" e advirten de que a súa defensa é "cousa de todos"

Desta vez, protestaron con lazos marróns nas sete cidades e en municipios como Foz, Viveiro ou O Barco para denunciar a "suba de merda" do Goberno central do 0,25% das súas pensións. Na protesta de Compostela, no Toural, as persoas xubiladas reclamaron "pensións dignas" e aludiron á defensa que "todos" deben facer das devanditas pensións. "Máis pensións e menos corrupción" ou "mans arriba, isto é un atraco" foron algunhas das consignas nunha mobilización que contou coa presenza do voceiro de En Marea, Luís Villares. 

O secretario xeral de Xubilados de UGT Galicia, Valentín Tato, asegurou que con esta campaña de mobilizacións búscase "visibilizar ese cabreo xeral que existe entre os pensionistas; xa voten ao PP ou a calquera outro partido, porque o cabreo é xeral"."Todo o mundo séntese case vilipendiado por ese insulto, que é un insulto esa esa do 0,25%, que representa para unha pensión media un euro e medio ao mes", critica Tato.

"Non se pode permitir o luxo de ter un sistema de pensións tan deteriorado como o está convertendo o PP"

Ademais, Carlos Pardo, da comarca de Santiago e Barbanza de CCOO, cre que con estas protestas "está a tentarse facer ver á sociedade que non se pode permitir o luxo de ter un sistema de pensións tan deteriorado como o está convertendo o PP". Así, esixe que as subas das pensións "sexan dignas e que garantan o poder adquisitivo", e que o Pacto de Toledo "se mova para chegar a acordos que permitan manter o sistema de pensións", e "iso implica mellorar o sistema de ingresos".

UGT pide ao Goberno que "recapacite e tome nota" de que "hai que derrogar a reforma de 2013 de pensións", supeditada aos ingresos e gastos da Seguridade Social, á vez que reclama que se actualicen en función do IPC. Segundo o sindicato, a suba das pensións cústalle ao Estado 300 millóns de euros, mentres se se actualizasen co IPC sería 1.500 millóns. Sobre isto, "din que non se pode" facer ese incremento, "con todo, acaban de salvar as autoestradas con máis de 1.500 millóns, que finalmente poden ser 3.000 millóns", contrapoñen.

Ademais, Tato cualificou de "bobada" a última proposta do ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, de rebaixa do IRPF, xa que está destinada a "maiores de 80 anos" e ás rendas máis altas, de forma que case non tería incidencia entre os pensionistas galegos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.