Galicia creou emprego no pasado mes de febreiro, onde tamén descendeu o número de persoas paradas. A cifra de afiliados á Seguridade Social medrou en 5.027 con respecto a xaneiro e en 24.926 comparada con hai un ano. Ao tempo, o paro rexistrado descendeu en 1.679 (-0,88%), acumulando unha baixada interanual de 23.717 cidadáns menos apuntados á listaxe do antigo INEM.
O paro descendeu en 1.679 persoas en febreiro, onde medraron en máis de 5.000 o número de afiliados á Seguridade Social
Xa que logo, o paro rexistrado queda en Galicia en 188.207 persoas nun mes de febreiro no que se volveron asinar moitos contratos --69.200-- aínda que 11.070 menos que en xaneiro. De todas esas contratacións, pouco máis do 10% (10,6%, 7.355) foron indefinidos, manténdose así a temporalidade e precariedade que caracteriza o mercado laboral galego desde hai anos. Son, con todo, 6.877 contratos máis que hai un ano e case 14 contratos por cada posto de traballo creado neste segundo mes do ano.
Tan só o 10% dos case 70.000 contratos asinados en febreiro foron indefinidos
O paro descende en todas as provincias e en todos os sectores, aínda que con moita maior forza nos servizos, onde descende en 1.048 persoas. Sobe, pola contra, no colectivo sen emprego anterior. Por sexos, o desemprego rexistrado segue a afectar bastante máis ás mulleres (106.174 das persoas paradas) cós homes (82.033).
Entre os máis mozos, os menores de 25 anos seguen a sufrir o estancamento do mercado laboral galego. Neste caso, o desemprego medrou en febreiro nun 2,7% entre a mocidade, evolución contraria á rexistrada no conxunto de idades. No ano a baixada foi inferior tamén ao resto de idades, de tan só un 9%.
O número de afiliados á Seguridade Social en Galicia segue por baixo do millón de persoas que se rexistraban antes da crise
Respecto da afiliación, e malia o ascenso deste mes, o número de cotizantes sitúase en Galicia nas 978.489 persoas, aínda por baixo do millón de afiliados que o país rexistraba antes da crise.
En canto á cobertura por desemprego, atópase xa baixo mínimos. O número de beneficiarios de prestacións en xaneiro (último dato dispoñible) foi de 97.226 persoas, 7.325 menos que hai un ano. Queda así a taxa de cobertura nun 55,7% (59,2% no resto do Estado), quedando fóra do sistema 75.803 desempregados. Esta cifra ascende aos 92.660 de termos en conta as persoas desempregadas que non teñen dereito á cobertura.
Ademais, tan só 43.792 persoas son beneficiarias de prestacións por desemprego de carácter contributivo, o 45% do total, cun importe medio de 792,9 euros ao mes, tal e como destaca UGT-Galicia. A gran maioría da cobertura por desemprego é de carácter asistencial, ben sexa por subsidios (41.893); renda activa de inserción (9.256); ou programa de activación do emprego (2.285).
No conxunto do Estado, e segundo os datos difundidos polo Ministerio de Emprego, o número de parados rexistrados nas oficinas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) diminuíu en febreiro en 6.280 persoas respecto ao mes anterior, situando a cifra total de desempregados en 3.470.248, a máis baixa contabilizada desde xaneiro de 2009.
Cataluña, logo dos malos datos que foron atribuídos ao procés independentista, rexistra os mellores datos do Estado respecto da baixada de paro e da afiliación á Seguridade Social en termos absolutos.
En Galicia, a Xunta destaca que a comunidade é "a segunda na que máis baixa o paro na evolución anual" e considera que o país "segue a consolidar a súa recuperación e unha mellora na calidade do mercado laboral":