A CUT é un dos sindicatos que rexistrou unha convocatoria de folga de 24 horas para o vindeiro 8 de marzo, xunto con SLG, CGT, CNT, e Intersindical (na que integra, por exemplo, o STEG). Falamos con Ana Viqueira, responsable da Secretaría das Mulleres do sindicato, que apoia a manifestación unitaria do feminismo galego, este domingo en Vigo, e as concentracións convocadas para xoves 8 en todas as cidades.
Hai moitas razóns de ámbito laboral para a folga. Cales destacariades dende a CUT?
Hai múltiples razóns. Por exemplo os problemas que sofren as traballadoras do fogar, que hoxe en día non contan con dereito a cobrar o seguro por desemprego; ou as condicións que manteñen as traballadoras do fogar internas, en condicións próximas á escravitude. Son espazos, ademais, nos que non actúa Inspección de Traballo, mesmo aínda que o denunciemos dende os sindicatos. A maiores, moitas son estranxeiras e esa vulnerabilidade é aínda maior. Tamén as propias enfermidades laborais que se dan especialmente en empregos feminizados, como pode ser na limpeza as doenzas que afectan ao túnel carpiano, ou afeccións dermatolóxicas ou asma noutras profesións tamén con maioría de mulleres. Así mesmo, as mulleres somos quen asumimos unha maior carga de traballo de coidados, que aínda que non sexa un traballo remunerado, é traballo tamén.
"Todos estes intentos por torpedear a folga, creo que tamén amosan que isto non é só unha cuestión festiva e simbólica, senón que realmente ten un poder efectivo e un impacto social"
A folga é tamén unha folga estudantil, de consumo e de coidados. Supoño que uns aspectos son inseparables dos demais, porque as discriminacións proceden da mesma estruturación patriarcal da sociedade...
Si, é imprescindible ter en conta todos os aspectos da folga, porque está todo ligado e porque está relacionado co conxunto de traballos que facemos as mulleres todos os días: o emprego remunerado, os coidados e o consumo, pois somos as mulleres as que levamos o peso do consumo -que forma parte dos coidados- nunha casa. Entender que todo forma parte do mesmo é o que converte isto nunha folga feminista. Estamos transformando a propia ferramenta da folga. Creo que supón un punto de inflexión en moitos aspectos, tamén no funcionamento dos sindicatos, isto amósanos novas formas de combater. Hai que actualizar as nosas ferramentas e impregnalas de feminismo para atender ao conxunto da poboación.
"Estamos transformando a propia ferramenta da folga. Creo que supón un punto de inflexión en moitos aspectos, tamén no funcionamento dos sindicatos"
Esta é unha folga distinta. O seu éxito haberá que medilo tamén de forma distinta a outros paros?
Pensamos que o éxito desta folga non se pode medir cos parámetros tradicionais porque non é unha folga tradicional. Cremos que o proceso en si mesmo xa é un éxito, polas articulacións que se están facendo entre o movemento feminista e os sindicatos e outros colectivos, polo feito de xuntarnos moitas mulleres de ámbitos distintos, que moitas non nos coñeciamos previamente, e falar e debater e traballar xuntas. Nisto xa non hai volta atrás. Para a propia CUT a convocatoria de 24 horas, que conta do apoio decidido de todo o sindicato, é tamén un éxito, un éxito do movemento feminista, que é quen convoca a folga, aínda que sexamos os sindicatos os que a rexistramos. A convocatoria de 24 horas vai permitir que ao longo da xornada poidamos levar a cabo unha serie de accións, como piquetes. Estamos recibindo moitas chamadas dende todo o país, de afiliadas e de non afiliadas, pedindo información e dicindo que queren secundar a folga de 24 horas.
"Estamos recibindo moitas chamadas dende todo o país, de afiliadas e de non afiliadas, pedindo información e dicindo que queren secundar a folga de 24 horas"
A convocatoria está a recibir moitos apoios, pero tamén algunhas críticas, sobre todo dende Ciudadanos e PP, por exemplo hai uns días a través de Miguel Tellado. Como recibides estas críticas?
As críticas eran esperables. Nunca consideramos aliados a PP ou Ciudadanos, e se critican seguramente quere dicir que o estamos facendo ben. Din que estamos atacando o capitalismo e seguramente teñen razón. Ademais, todos estes intentos por torpedear a folga, creo que tamén amosan que isto non é só unha cuestión festiva e simbólica, senón que realmente ten un poder efectivo e un impacto social.