0 Gardados para despois

"As mulleres paramos para dicir: ata aquí chegou"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A folga feminista xa está en marcha. Unha folga pioneira, unha folga histórica, unha folga internacional que pode marcar un punto de inflexión, un antes e un despois. Hai un millón de razóns para este paro: desigualdades no ámbito do traballo, no do consumo, na corresponsabilidade nos coidados, as situacións de violencias que sofre ou pode sufrir calquera muller. De igual xeito, hai un millón de formas de facer folga. Esta é unha folga nova, non só laboral, unha folga que vai máis aló dos sindicatos, que os desborda, unha folga que se inventa a si mesma a cada minuto e que transforma a propia ferramenta da folga.

Falamos con cinco mulleres de distintos sectores que este xoves están a participar no paro feminista. Traballadora da limpeza, artesá, actriz, comerciante, hostaleira... Todas explican as súas razóns e amosan a súa esperanza en que a mobilización feminista sirva para remover conciencias, abrir debates e avanzar nunha transformación da sociedade, como unha bomba de efectos lentos pero imparables.

Esta folga abre a posibilidade a que nos manifestemos todas, do xeito que sexa: tamén as autónomas, as traballadoras do fogar...", di Eva. Comeza o desborde

Eva é autónoma e traballa nun comercio de barrio, en Compostela, que este xoves non abrirá as súas portas. En principio, as traballadoras autónomas non teñen recoñecido o seu dereito á folga, pero ese é precisamente un dos motivos que a anima a parar: "A invisibilidade a nivel laboral que temos as autónomas é outro dos motivos polos que fago folga". "Esta folga abre a posibilidade a que nos manifestemos todas, do xeito que sexa: tamén as autónomas, as traballadoras do fogar...", di. Comeza o desborde. Por que fas folga? "As mulleres temos limitados os nosos dereitos en moitos aspectos. Cústame decidir un motivo", responde. "Ademais, "as mulleres autónomas sufrimos moitos dos principais obstáculos que padecen o resto das traballadoras, pero amplificados: "Xornadas laborais infinitas, imposibilidade de coller días propios ou de ter vacacións, de ter tempo para ti. Ou as enormes dificultades que temos as mulleres autónomas para coller unha baixa por enfermidade. E xa non falo da conciliación familiar".

"O 8 de marzo estaba a converterse en algo moi institucionalizado, todo o mundo emitindo o mesmo discurso, que quedaba en nada á hora de actuar, sen provocar cambios efectivos. A folga pode remover conciencias"

Eva cre que a folga vai ter un seguimento máis importante do que moitos esperan. "Falando coas mulleres que me rodean, compañeiras, amigas, veciñas..., teño moi boas expectativas. Vexo que moitas mulleres se están animando nos últimos días a facer folga. Estou sentindo esa sororidade crecente entre as mulleres que me rodean", subliña. "O 8 de marzo é unha data que se estaba a converter en algo moi institucionalizado, todo o mundo emitindo o mesmo discurso, que quedaba en nada á hora de actuar, sen provocar cambios efectivos. A folga creo que pode remover conciencias", sinala. "Levo moitos anos mobilizándome o 8 de marzo. Pero este ano, coa folga, síntome partícipe dunha ferramenta que debe servir para que toda a sociedade sexa consciente da realidade, que as mulleres paramos porque queremos dicir: ata aquí chegou. Estou moi ilusionada. Creo que vai ser un punto de inflexión", destaca.

 

A difícil situación do sector da limpeza

"No sector da limpeza a situación é moi precaria, porque case sempre traballamos en xornadas parciais, polo que os nosos soldos son moi baixos"

Marta tamén é compostelá e traballa nunha empresa de servizos de limpeza, un sector moi feminizado e, igualmente, un dos que conta con condicións máis precarias, tanto a nivel económico, como contractual, coma no que atinxe ao recoñecemento de enfermidades laborais e baixas. "Fago folga pola situación xeral do sector da limpeza, no que a maioría somos mulleres pero ocupamos os postos máis baixos, soportando toda a carga de traballo, mentres que os postos de maior responsabilidade e as categorías profesionais máis altas son ocupadas por homes, cobrando moito máis", destaca en conversa con Praza. "Eu, ademais, teño unha discapacidade e as miñas condicións sempre son peores", engade.

"A situación é moi precaria, porque case sempre traballamos en xornadas parciais, polo que os nosos soldos son moi baixos. É difícil traballar a xornada completa na limpeza. Temos servizos de unha ou dúas horas, con desprazamentos entre medias", di. Comenta, igualmente que "cos cambios de empresa e de concesionaria, as traballadoras sufrimos moito, ao rescindirse os contratos. Estás cobrando polo convenio provincial de limpeza e de súpeto entra outra empresa que che intenta aplicar outro convenio inferior". Denuncia, finalmente, que "sufrimos moitas doenzas asociadas ao noso traballo, que non están recoñecidas como enfermidade profesionais, por exemplo as dermatites".

"No meu ámbito hai moi poucas mulleres que a secundan, a verdade é que é moi triste. Pero creo que este ano por primeira vez están espertando as conciencias e estase xerando debate en moitas persoas que ata agora non pensaran nestes temas"

Marta é menos optimista que Eva de cara ao seguimento que pode ter a folga deste xoves, cando menos no seu sector. "No meu ámbito hai moi poucas mulleres que a secundan, a verdade é que é moi triste. Pero creo que este ano por primeira vez están espertando as conciencias e estase xerando debate en moitas persoas que ata agora non pensaran nestes temas. Eu creo que, sobre todo, a folga deste xoves vai crear impulso para o ano que vén", di. "Moitas veces é un problema de falta de información: moita xente dubida se ten que avisar á empresa, sobre se pode facer folga ou non, hai xente que pensa que ten que estar afiliada a algún dos sindicatos convocantes... E, despois, hai moita precariedade e falta de formación. Todo iso fai moi difícil que algunhas mulleres poidan unirse á folga", comenta.

 

A hostalaría tamén para

Lucía ten un local de hostalaría en Compostela e hoxe tamén vai facer folga, pechando pola tarde: "Como hai homes que traballan aquí, eles van abrir pola mañá e pola tarde fago peche patronal, digamos". "Os motivos polos que se convoca a folga están sobradamente xustificados: Estamos vendo como cada ano morren moitas mulleres a causa da violencia machista e o Goberno non está tratando este tema coa seriedade que requiriría. Se cada ano morrera o mesmo número de homes a mans das súas parellas ou por calquera motivo, sería unha cuestión de Estado. Ademais, a brecha salarial é algo innegable e temos un presidente do Goberno que di que neste tema non se vai meter. Se as persoas que teñen que lexislar non se meten, non sei quen o ten que facer. Igualmente, as mulleres seguimos cargando co maior peso dos traballos da casa e dos coidados de fillos, pais e avós", comenta.

"Vexo entre as compañeiras e amigas que son autónomas que a maior parte van secundar a folga, pero en cambio entre as asalariadas hai moitas que traballan en empresas que lles poñen moitas dificultades ou nas que corren o risco de ser despedidas ou represaliadas"

Vai ter éxito a folga? "En hostalaría temos sempre unha idea bastante fiel á realidade pola gran cantidade de xente que escoitamos todos os días. E hai de todo", contesta. "Vexo entre as compañeiras e amigas que son autónomas que a maior parte van secundar a folga, pero en cambio entre as asalariadas hai moitas que traballan en empresas que lles poñen moitas dificultades ou nas que corren o risco de ser despedidas ou represaliadas. Creo que vai ter máis éxito do que moitos pensan, pero mesmo así haberá casos de todo tipo", di. "Ogallá cambie cousas, pero non o teño nada claro. Se cando menos servise para provocar cambios nos propios sindicatos, que na súa maioría só convocaron paros de dúas horas, para min xa valería de algo", subliña, ollando cara ao futuro: "Os cambios van chegando. Confío en que cada ano sirva para avanzar máis pasos cara a igualdade"

 

"Fago folga porque os dereitos non caen do ceo"

Teresa é artesá ("facedora", como ela se define) e neste momento está a traballar na restauración dun local. Di que vai facer folga todo o día, tanto no seu emprego coma nos labores de coidados e que tampouco vai consumir nada. "Fago folga porque os dereitos non caen do ceo e temos que loitar por eles. Levamos toda a vida loitando por eles e imos ter que seguir loitando, porque ás veces damos un paso para adiante e outro para atrás", destaca.

"Hai unha parte moi importante da sociedade que necesita atención e coidados. E eses coidados teñen un valor, teñen que ser valorados"

"Os traballos son precarios a todos os niveis, pero as mulleres somos quen máis o sufrimos. Sempre que hai unha crise somos as primeiras prexudicadas. Por non falar das pensións, de mulleres que traballaron toda a súa vida e que agora están vivindo indignamente. Ou de mulleres que malia estar moi ben formadas, teñen que traballar en empregos moi por debaixo da súa cualificación. Ou pódese falar tamén das moitas violencias que recibimos", denuncia. "Hai unha parte moi importante da sociedade que necesita atención e coidados. E eses coidados teñen un valor, teñen que ser valorados", destaca. Con todo, engade que "eu teño a sorte de que puiden estudar o que quería e sempre puiden traballar do que me gusta. E ademais a miña parella é feminista e entende a igualdade coma eu a entendo". "Non podería compartir a miña vida cunha persoa que non entendese así a vida", di.

Sobre o seguimento que a folga pode ter, Teresa cre que "hai mulleres ás que lles gustaría facer folga, pero posiblemente non poidan facela. Teñen soldos moi baixos ou contratos moi precarios e seguramente non se poden permitir deixar de traballar un día". "Aínda que seguramente esas mulleres tamén farán folga, de distinta forma", engade. "Temos que crear unha sociedade máis igualitaria, máis sostible a todos os niveis. Pero ese cambio vai levar moito tempo e só chegará a través dun cambio na educación", opina. "Unha sociedade na que poidas ir tranquila pola rúa, soa, pola noite. Na que vaias a unha entrevista de traballo e te respecten como unha persoa, na que che miren aos ollos e non ás tetas". "É un pouco triste e case impensable que sigamos pedindo estas cousas en pleno século XXI", conclúe

 

“O que está a pasar estes días resoará en mulleres que ata agora non reflexionaron tanto sobre o tema"

Marta, actriz, tamén fai folga este xoves. “Fago a folga por varias razóns, algunhas xerais, que nos afectan a todas como mulleres nesta sociedade patriarcal. Pero, ademais, dentro do sector cultural e das artes escénicas hai unha desigualdade descomunal entre os espectáculos programados que son escritos ou dirixidos por homes e os escritos ou dirixidos por mulleres, hai unha diferenza 80-20. E isto tamén afecta ás actrices, porque hai moitísimos máis espectáculos con personaxes masculinos que femininos”, comenta. “No caso do teatro, en Galicia, non coñezo que se dean casos de desproporción salarial. Pero si que se necesitan máis papeis para mulleres, mulleres directoras, escenógrafas, etc”, engade.

“Hai un empoderamento, pero porque estamos traballando niso moi duramente”

Este ano está habendo en moitas sectores -e de forma moi visible no ámbito das artes,  sobre todo no audiovisual- un proceso de afirmación das mulleres, que se revelan contra a desigualdade que sofren. Está a suceder nas artes escénicas galega? “Hai un empoderamento, pero porque estamos traballando niso moi duramente”. Por exemplo, dende a Asociación para a Igualdade de Xénero na Cultura Clásicas e Modernas estamos impulsando as 'Tempadas de igualdade', pedíndolles a varias institucións que se comprometan a ter programacións paritarias. “Agora nos Goya ou nos Mestre Mateo reivindicouse a presenza de máis mulleres, pero iso non significa que inmediatamente vaia haber máis mulleres nos equipos ou máis filmes dirixidos por mulleres”, comenta.

“Os cambios van ser máis lentos, pero chegarán”, engade. Iso si, tamén critica que en moitos lugares só se aproveiten as datas ao redor do 8 de marzo ou do 25 de novembro para programar obras escritas por mulleres: “Ás compañías de teatro formadas por mulleres ou cun enfoque máis feminista, adóitanos programarnos moito esta semana. Todos os anos sabemos que en novembro e marzo imos ter moito traballo”. “E non se trata diso, estamos encantadas de traballar, pero isto non pode ser un ritual”, di.

“Este é un primeiro paso. Primeiro comézase pola reflexión individual de cada persoa. Se pasado mañá algunhas mulleres ven que a folga tivo un seguimento importante e elas non pararon, tamén reflexionarán”

Vai ter éxito a folga deste xoves? Marta cre que o paro vai ter un gran seguimento nalgúns sectores ou entre mulleres moi concienciadas, pero que aínda é pronto para a súa extensión a outras: “A folga é unha cousa que ou se ve moi clara, ou non se ve. Aínda falei o outro día cunhas mulleres, veciñas miñas, que dicían que elas tiñan moito que facer na casa, que non se podían permitir parar”. “Este é un primeiro paso. Primeiro comézase pola reflexión individual de cada persoa. Se pasado mañá algunhas mulleres ven que a folga tivo un seguimento importante e elas non pararon, tamén reflexionarán”, di. “Todo o que está a pasar estes días seguramente resoará en mulleres que se cadra ata agora non reflexionaron tanto sobre o tema. A folga vai ter consecuencias, pero os avances van ser graduais”, conclúe.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.