0 Gardados para despois

A couza da pataca supera as medidas de control da Xunta e chega a Muxía

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O DOG publica este luns unha resolución da Consellería de Medio Rural que declara o Concello de Muxía zona infestada pola couza da pataca, ampliando a esta localidade as medidas aplicadas dende hai tres anos nos restantes afectados por esta praga, nomeadamente a prohibición de botar pataca e de comercializala. Ademais, os concellos anexos (Cee, Dumbría, Vimianzo e Camariñas) engadiranse ás zonas tampón nas que calquera persoa que queira plantar este tubérculo deberá comunicalo á Xunta, que tamén establece unha serie de limitacións e obrigas para a súa comercialización.

Descoñécese cal foi a vía de entrada da praga en Muxía, pero as medidas e controis establecidos polo Goberno galego demostráronse insuficientes para frear a expansión da couza guatemalteca

En Muxía Medio Rural detectou tres casos en plantacións de autoconsumo, converténdose esta localidade da Costa da Morte no primeiro lugar no que se detectan casos de couza guatemalteca fóra das zonas de protección que quedaron establecidas o pasado ano en 31 concellos de Ferrolterra e a Mariña lucense. Descoñécese cal foi a vía de entrada da praga en Muxía, quer por estrada quer por mar, pero en todo caso a realidade é que as medidas e controis establecidos polo Goberno galego demostráronse insuficientes para frear a expansión da couza guatemalteca.

A praga chegou ás Illas Canarias en 1999 procedente de Centroamérica. De aí saltou a Galicia, onde en agosto de 2015 foron detectados os primeiros casos (nos concellos de Ferrol, Narón e Neda). En febreiro de 2016 a couza estendeuse a Cervo, Foz, Xove, Valadouro e Viveiro. E en febreiro de 2017 chegou a outros 23 concellos galegos e a varias zonas do occidente asturiano. Nese momento, hai pouco máis dun ano, a Xunta publicou unha orde recomendando non plantar patacas nos concellos afectados. Quince días despois o Ministerio de Agricultura aprobou un decreto que obrigaba a destruír os cultivos afectados pola couza da pataca. Ademais das medidas adoptadas nos 31 concellos infestados, Medio Rural estableceu unha zona tampón noutros 16 concellos, limítrofes cos primeiros, con medidas de control para evitar a expansión da couza. Entre as medidas, que incluían trampeos de feromonas para capturar o insecto, prevíanse multas de 300 a 3000 euros por transportar patacas dende as zonas contaminadas.

En maio de 2017 Medio Rural deu por "controlado" o problema

Xa nese momento houbo moitas voces que puxeron en dúbida que as medidas adoptadas por Medio Rural fosen ser suficientes para deter a praga, a pesar de que en maio de 2017 a Consellería de Medio Rural deu por "controlado" o problema. A conselleira Ángeles Vázquez repetiu esta optimista mensaxe en xullo de 2017 e en xaneiro de 2018. Porén, hai case un ano o enxeñeiro técnico agrícola Óscar Antón Pérez cualificaba de "temeridade" anunciar que a praga estaba controlada sen aplicar praguicida ningún aínda, nin químico nin biolóxico, e tan só "arrincando patacas tarde, mal e a rastro". De igual xeito, o pasado mes de xuño a Comisión Europea sinalou que as medidas adoptadas polo Goberno galego e polo Goberno central para loitar contra a expansión da Tecia Solanivora non conseguirían erradicar a praga e que, como moito, servirían para conter a súa propagación natural. E xa en 2016 José Ramón González (Unións Agrarias) amosábase crítico coa forma en que a Xunta xestionara o problema dende a súa chegada a Galicia en 2015: “é un problema xerado pola ineficacia das medidas que a Xunta tomou no ano 2015".

"Que imos facer se a praga rebota con máis virulencia ou se estende a outros concellos? Imos dicir que veu de novo?", preguntábase Óscar Antón Pérez, que cría que en Galicia "imos ter que afacernos a convivir coa couza guatemalteca"

Pérez sinalaba que "as pragas nunca son entidades fixas, senón que funcionan sobre evolucións, podendo haber repuntes e baixadas ao longo do tempo". "Que imos facer se a praga rebota con máis virulencia ou se estende a outros concellos? Imos dicir que veu de novo?", preguntábase Óscar Antón Pérez, que cría que en Galicia "imos ter que afacernos a convivir coa couza guatemalteca", ao igual que co nemátodo do piñeiro ou a avespiña do castiñeiro. Nas Canarias, lembraba, a praga "leva máis de quince anos ocasionando elevadas perdas e quebrando a cabeza a persoal técnico e investigador sen solución á vista".

A comarca de Bergantiños é a segunda de Galicia en produción de patacas, con 1.153 hectáreas dedicadas ao cultivo, só por detrás da Limia

Á espera do que poida suceder nos vindeiros meses, a chegada da couza guatemalteca á Costa da Morte xa espertou a preocupación dos labregos e labregas de Bergantiños, unhas das primeiras zonas produtoras de Galicia. Mentres que en Muxía a práctica totalidade da produción de pataca se destina ao autoconsumo (ao igual que en moitos dos concellos afectados en Ferrolterra e na Mariña) a realidade é moi diferente en concellos como Coristanco. A comarca de Bergantiños é, de feito, a segunda de Galicia en produción de patacas, con 1.153 hectáreas dedicadas ao cultivo (en 2015), só por detrás da Limia.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.