0 Gardados para despois

A Semana Santa deixa en Galicia 1.000 empregos e 1.600 contratos máis que en 2017

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A Semana Santa, malia as malas condicións climatolóxicas, tira do emprego pero tamén da contratación temporal e precaria en Galicia. O número de parados rexistrados nas oficinas do antigo Inem descendeu en marzo en 3.104 persoas respecto ao mes anterior (-1,6%), segundo os datos publicados este martes polo Ministerio de Emprego.

O paro descende en 3.104 persoas e o número de afiliacións sobe en 6.395 impulsado pola contratación temporal para Semana Santa

O sector servizos, en especial a hostalería, maquillan unha cifra de desempregados que queda en 185.103, 24.953 menos que hai un ano, e axuda á crecación de máis de 6.000 empregos. O número de afiliacións á Seguridade Social incrementouse en 6.395 no último mes, un lixeiro aumento que, con todo, mantén o número de cotizantes moi por baixo aínda do millón de persoas: 984.884. 

Galicia creou un emprego por cada ducia de contratos asinados no mes de marzo

A chegada da Semana Santa repite o modelo laboral dos últimos anos. Descende o paro e increméntase o emprego en base á rotación, a precariedade e temporalidade. Neste pasado mes de marzo, en Galicia creáronse    no mesmo período no que se asinaron 75.688 contratos, polo que o país mantense en cifras récord de contratación. Créase un emprego por cada 12 contratos asinados, unha proporción case idéntica á que se dá no conxunto do Estado. Son 25 por cada persoa que deixa as antigas oficinas do Inem. 

O número de contratos aumenta en 6.488 respecto do mes anterior e experimenta un descenso interanual de 1.665, un dato relevante pero marcado polo feito de que a Semana Santa coincida desta vez en marzo e non en abril como hai un ano. 

Así, de compararmos os datos cos do mes no que cadrou a Semana Santa en 2017, a tendencia non muda: créase algo máis de traballo ao tempo que hai máis contratacións. A Semana Santa de 2018 creou en Galicia 1.060 empregos máis que a de hai un ano ao tempo que se asinaron uns 1.600 contratos máis. De todos estes, tan só o 10,6% foron indefinidos fronte aos máis de 67.000 temporais. 

O paro rexistrado descende en Galicia en todas as provincias e en todos os sectores menos no colectivo sen emprego anterior, cunha destacada baixada no sector servizos, onde cae en 2.868 persoas dun descenso total do desemprego de algo máis de 3.100 persoas.

Ademais, no mes de febreiro constaban 172.669 persoas paradas con experiencia laboral e desas só o 55 % --taxa de coberura.. percibían unha prestación por desemprego. Xa que logo, hai 77.579 persoas paradas con experiencia laboral que carecen de cobertura por desemprego

As prestacións contributivas, as de máis calidade, só chegan ao 44 % das persoas que estaban percibindo unha prestación de desemprego. Son 95.090 persoas cobrando unha prestación por desemprego: 41.970 perciben unha prestación contributiva (representan o 44,14 % do total das prestacións), 41.702 un subsidio por desemprego (o 43,86 % do total), 9.153 a renda activa de inserción (o 9,63 % do total) e 2.265 corresponden ao programa de activación de emprego (2,38 %).

>> HABERÁ AMPLIACIÓN 

EPA e paro rexistrado en Galicia

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.