0 Gardados para despois

O flotel de Pemex abandona Galicia cun ronsel de promesas incumpridas

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O pasado martes, o flotel de Pemex abandonaba a ría de Ferrol destino a México. O buque deixaba o estaleiro de Fene logo de máis dun ano fondeado e agardando por un comprador que non chegou nin chega. Mentres a petroleira mexicana busca aínda quen merque a embarcación construída en Navantia, a súa singradura pon o punto final e serve de símbolo para unha historia que comezou hai case seis anos, prometeu moito froito pero deu poucas noces. Tivo moito ruído, pero o deste barco foi o único encargo en Ferrolterra dunha "alianza estratéxica" entre Xunta e o Estado azteca na que Feijóo insiste. 

O flotel de Pemex construído en Navantia partiu a pasada semana tras máis dun ano fondeado e seis anos despois da "alianza estratéxica" entre Xunta e México

Na súa última viaxe a México, de hai tan só uns días, o presidente Núñez Feijóo advertiu do "interese" daquel país por "ampliar as súas compras de barcos nos próximos anos”, xusto uns días antes de que un dos dous únicos floteis construídos en Galicia collese rumbo a América sen aínda comprador e meses despois de que recoñecese o incumprimento das promesas que Pemex e o Executivo galego lanzaron durante anos. 

A primeira, a que tiña que ver co emprego que crearía a construción en Navantia do buque hotel Orgullo Petrolero, que tivo tempo a cambiar o nome polo de Cerro de la Pez en todos estes meses. A Xunta chegou a falar de 2.000 empregos con este encargo para Ferrol, pero a cifra máxima foi de 500 a pleno rendemento, máis de 200 deles traballadores das auxiliares e entre críticas do comité de empresa por falta de seguridade e longas xornadas. Foi botado a finais de agosto de 2015 e entregado oficialmente en febreiro de 2017, con máis de medio ano de atraso. 

Uns 500 operarios traballaron na construción dun flotel do que Feijóo asegurou que crearía 2.000 empregos

Desde aquela, as diferentes xestións por parte de Pemex para vender o flotel non deron resultado ningún, malia que o seu prezo rebaixouse xa até arredor dos 80 millóns de euros fronte aos 130 que custou a súa entrega. O outro flotel (Reforma Pemex) encargado en Galicia por PMI, filial internacional da petroleira, foi construído en Barreras, estaleiro do que agora a firma azteca posúe o 51%. Esa compra, adiantada por Praza.gal a finais de abril de 2013, foi unha das consecuencias do acordo entre a Xunta e o Goberno mexicano. Do resto de proxectos anunciados, case nada. A crise que afrontou e afronta a empresa estatal pola caída nos prezos do petróleo e os boatos difundidos desde o Executivo galego ampliaron a lista de promesas incumpridas. Nin o segundo flotel anunciado para a ría viguesa foi posible. 

Pemex mercou Barreras e construíu dous floteis en Galicia: nin remolcadores, nin base loxística no porto exterior da Coruña, nin buques tanque, nin atuneiro, nin barco de apoio, nin renovación da frota

Todo comezou no final do verán de 2012, a poucas semanas das eleccións autonómicas. Feijóo bordeou a lei electoral para solemnizar o encargo dos dous floteis de Pemex para os estaleiros galegos. O acordo, con sinatura e retransmisión televisiva en directo, formaba parte desa "alianza estratéxica" da que viña meses advertindo a Administración con dosificados anuncios. Algúns tan polémicos como aquel que aseguraba que xa había contratos asinados cos estaleiros galegos e que a petroleira negaba aos poucos días, deixando en evidencia os anuncios do Goberno galego

Xa no mes de maio anterior, a Xunta adiantaba a construción de catorce remolcadores e a xeración de 2.500 postos de traballo, e en agosto, o presidente galego daba conta da solicitude da empresa azteca para construír unha terminal de hidrocarburos no porto exterior da Coruña, cun investimento de case 60 millóns nunha superficie de 30.000 metros cadrados. Seis anos despois daquelas primeiras promesas, o conto mexicano rematou. 

Feijóo, xunto a directivos de Barreras e Pemex e autoridades / © Xunta

No pasado verán, a petroleira confirmoulle oficialmente por carta á Autoridade Portuaria da Coruña que non haberá terminal ningunha en Lagosteira, algo do que xa fora avisando no outono anterior, cando cancelara o flotel extra previsto en Vigo. Polo medio, quedaron no limbo o resto dos numerosos anuncios do Executivo de Feijóo: tres buques tanque, un atuneiro, un barco de apoio a plataformas petrolíferas, a renovación de parte da frota, dous quimiqueiros e os remolcadores. Construíronse os dous floteis e a petroleira quedou co 51% do estaleiro Barreras. 

O primeiro dos floteis traballa desde hai tempo albergando operarios da petroleira; o segundo partiu a pasada semana cara a costa mexicana e busca aínda comprador. No Parlamento, Feijóo desculpara a Pemex e asumira que aqueles compromisos cos que regou a campaña electoral de 2012 e mesmo a última non dependían nin moito menos da Xunta nin estaban asegurados.

Feijóo insistiu na súa última viaxe a México no "interese" do país azteca por "ampliar as súas compras de barcos"

Por pouco non coinciden Feijóo e o buque Cerro de la Pez en México. A principios deste mes, o presidente da Xunta, de visita na capital azteca, asegurou que a Xunta estaba "avaliando o interese que ten México por ampliar as súas compras de barcos nos próximos anos”. Referíase, como destacou o Goberno galego nun comunicado, "á estreita relación que Galicia mantén co país mexicano neste campo, a través dos investimentos do Goberno no estaleiro vigués Barreras e, tamén, a través das relacións coa mariña mexicana e con outras grandes empresas mexicanas para a construción de barcos na Comunidade". Polo momento, foron dous floteis. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.