No outono de 2017 a folga das traballadoras de Bershka na provincia de Pontevedra supuxo todo un fito no sector tanto polo impacto social e mediático acadado como pola consecución das reclamacións formuladas polo persoal, que reivindicaba a equiparación salarial coas súas compañeiras da Coruña. Como adoito, o grupo Inditex optara polo silencio no referido a este conflito laboral, que procurara xestionar con discreción, especialmente dende que as mobilizacións chegaron á súa sede central, en Arteixo.
Un ano despois da exitosa folga en Bershka de Pontevedra, traballadoras de Lefties e Oysho na provincia da Coruña mobilízanse para reivindicar melloras en seguridade laboral e máis persoal ante a elevada carga de traballo
Aquela simbólica mobilización en Bershka abriu, dalgún xeito, un camiño para a reivindicación do persoal noutras empresas do grupo. É o caso de Lefties, onde a CIG demanda "dende hai anos" o incremento do persoal indefinido. O sindicato asegura dispoñer de "estudos psicosociais realizados entre as traballadoras" que "constatan que o exceso de carga de traballo" é "cada vez peor" e "repercute na saúde e na seguridade de todo o persoal". A resposta da empresa, afirma a representante da central sindical en Zara España, Carmiña Naveiro, foi estender o uso de caixas de autocobro, nomeadamente de 14 nas tendas Zara e Lefties do centro comercial Marineda City, na Coruña.
Alén de reclamaren que o exceso de carga de traballo non sexa suplido por estes dispositivos, as traballadoras advertían a mediados do pasado setembro a súa intención de manter as mobilizacións se "a empresa, malia saber en que condicións desenvolve o seu traballo o persoal", se "nega a adoptar as medidas necesrias para eliminar riscos", os cales foron tamén denunciados ante a Inspección de Traballo. Non se trata, ilustra Naveiro, de "pedir milagres a Lourdes", senón mellorar concretas para evitar riscos laborais, como "adecuar a mercadoría ás capacidades das tendas e dos almacéns" ou "reducir os días nos que se recibe" por mor da escaseza de persoal.
Mobilización de persoal de Lefties no centro comercial compostelán As Cancelas / CIG
Tras novas concentracións e campañas informativas entre a clientela das tendas, o pasado 4 de outubro responsables de Inditex reuníronse con representantes da CIG. Da xuntanza, como en anteriores ocasións, só transcendeu a versión sindical: "Comunicaron que non se vai contratar máis persoal nin reducir os días nos que se vai recibir o camión" con novas mercadorías "porque os números non dan", di o sindicato. "O máis grave é que nesa xuntanza responsabilizaron as traballadoras da súa situación por mor dos horarios que teñen por conciliación", agregan. Praza.gal solicitou de Inditex a súa versión destas negociacións ou posibles matices ao relato sindical do sucedido e a empresa declinou, polo momento, realizar comentarios ao respecto.
Do punto de vista de Carmiña Naveiro, "unha vez máis Inditex demostra que na seguridade e na saúde das traballadoras non inviste un peso" malia "sobrarlle os recursos e posibilidades" par afacelo. Así e todo, advirten, "non imos permitir que unha empresa con beneficios millonarios non adopte as medidas oportunas para eliminar os riscos" do seu persoal e por iso preparan xa novas mobilizacións; a seguinte, ante o Ikea do centro comercial Marineda, o vindeiro 26 de outubro.
Protestas en Oysho
Persoal de Oysho a reclamar que a empresa actúe ante o "pésimo clima laboral" na provincia da Coruña / UGT
Tamén as traballadoras de Oysho se mobilizaron nas últimas semanas na provincia da Coruña, onde o comité de empresa está formado por 3 delegadas da CIG e 2 de UGT tras as últimas eleccións sindicais. Neste caso as protestas sinalaron a tenda de Oysho no centro de Santiago, na rúa doutor Teixeiro, onde as traballadoras viñan alertando dun "pésimo clima laboral".
Segundo as representantes sindicais, as queixas do plantel foron continuas tanto verbais como por escrito por mor de condutas como "reiterado abuso de poder, desprezo, pésima xestión ou faltas de respecto" tanto por parte da encargada da tenda compostelá como pola banda "do equipo de responsables do centro comercial Marineda". "O único que pretende facer a empresa" ante as mobilización, segundo o comité, fou "trasladar o problema ao resto de tendas" no canto de atallalo onde se produce, afirman.