A Xunta teima en culpar o Goberno central do anuncio de peche de Alcoa

Francisco Conde, no Parlamento © Xunta

O Parlamento galego impulsou este mércores unha declaración institucional na que demanda a Alcoa que retire o expediente de extinción de emprego que suporía o peche da planta da Coruña, ademais da de Avilés. Na petición, co apoio unánime de todos os partidos que require unha declaración deste tipo, a Cámara di "lamentar e rexeitar a decisión unánime da empresa de pechar tanto a instalación coruñesa como a asturiana". Ademais, demadna "a procura de alternativas" para unha factoría que cre "unha peza clave do tecido produtivo galego". 

O Parlamento impulsa unha declaración instititucional na que "lamenta e rexeita" a decisión de Alcoa e pídelle que retire o ERE de extinción

A unanimidade amosada na declaración contrastou coas declaracións do consellerio de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, que acusou o Goberno central, ao que responsabilizou das intencións de Alcoa pola "falta de iniciativa política" ante unha situación que se "vía vir". O membro do Executivo de Feijóo apunta a Moncloa pero elude estender as responsabilidades á multinacional, tal e como fixo a Xunta nos últimos días. 

Francisco Conde culpa o Goberno central por "falta de iniciativa política" ante unha situación que se "vía vir"

Conde fixo estas afirmacións na súa comparecencia no Parlamento e amosou o seu temor a que a "incerteza" e o "escenario de inestabilidade no que agora se produce o anuncio de Alcoa", que está provocado ao seu parecer polo Goberno central, sexa "antesala de crise do sector industrial en Galicia e en España que ninguén quere".

Persoal de Alcoa mobilizado na factoría coruñesa / Comité de empresa

En cambio, a oposición mostrou a súa "preocupación" por que a Xunta "tirase a toalla" e se dedique a buscar "chibos expiatorios" en lugar de traballar por alternativas e solucións para a planta e o seu cadro de persoal, cuxo comité de empresa xa anunciou que sería "radical" nas súas mobilizacións e na postura ante o anuncio de Alcoa de que o peche é, a tal hora, definitivo. 

Por outra banda, o delegado do Goberno central en Galicia, Javier Losada, asegurou que, segundo trasladou o Ministerio de Industria, varias "empresas puxéronse en contacto co Executivo para coñecer a situación" de Alcoa. "Aínda que é certo que transmitimos isto a Alcoa, será a empresa a que deberá valorar", aclarou, respecto dunha posible venda das plantas ameazadas de peche.

O delegado do Goberno, Javier Losada, aclara que varias empresas amosaron o seu interese pola planta de Alcoa na Coruña

Javier Losada insistiu en que, a pesar da "cerrazón" da empresa na "dura" reunión deste martes, o Goberno seguirá "traballando", en unión cos traballadores e outras administracións para lograr o obxectivo de manter a produción e o emprego. O delegado do Goberno expresou a súa esperanza de que Alcoa "acepte dialogar" e estableza "un tempo de espera duns meses" para analizar a evolución das factorías, elaborar un plan de empresa e de investimentos e evitar o ERE e o peche, mentres segue mantendo a actividade.

Ademais, advertiu de que o Goberno de España aproveitará "cada minuto" do próximos dez días --prazo que deu a empresa para presentar o ERE-- para "buscar unha saída" que garanta a actividade e o emprego nas plantas galega e asturiana, para o que instou a "manter a unidade" entre traballadores e administracións, na busca dese obxectivo común.

Desde a planta da Coruña, os seus traballadores xa estudan protestas "contundentes" e advirten de que a loita non fixo máis que empezar. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.