Competencia só permitirá o tren privado A Coruña-Porto se os ingresos de Renfe non caen máis dun 2%

Trens de Deutsche Bahn, matriz de Arriva, que quere prestar o servizo ferroviario Porto-A Coruña Dominio Público Deutsche Bahn

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) vén de establecer os criterios que deberá cumprir o tren privado A Coruña-Porto promovido pola empresa de transportes Arriva para que sexa autorizado a competir cos servizos que presta a pública Renfe no Eixo Atlántico A Coruña-Vigo. O novo servizo internacional non poderá supoñer que os ingresos de Renfe no treito galego caian máis dun 2%. Agora a empresa deberá presentar unha proposta de servizos que cumpra con ese requisito para que sexan autorizados pola CNMC.

Arriva deberá presentar agora unha proposta de servizos que cumpra cos requisitos impostos pola CNMC para que os novos trens internacionais non compitan cos rexionais da empresa pública

A liberalización do transporte ferroviario chega ás liñas internacionais antes que ás nacionais, o que levou á alemá Deutsche Bahn, a través da súa filial española Arriva, a presentar unha proposta dun novo servizo entre A Coruña e Porto que quere comezar a operar a partir do próximo mes de xullo. Porén, como o tren tería paradas intermedias en Santiago, Vilagarcía, Pontevedra e Vigo, podería supoñer na práctica un servizo rexional que competise con Renfe tamén neses traxectos intermedios e non só co actual servizo internacional Vigo-Porto. A raíz da proposta de Arriva, Competencia decidiu establecer unhas normas xerais para determinar, tanto neste como noutros casos, cando un servizo internacional pode ser autorizado sen que supoña unha competencia cos servizos públicos nacionais xa existentes, e o venres fixo públicas esas condicións.

Segundo as regras agora divulgadas por Competencia, a aparición de novos servizos internacionais dun operador privado non poderá reducir os ingresos de Renfe nos seus servizos rexionais en máis dun 2%. Se a redución é de entre o 1% e o 2%, a condición que deberán cumprir os novos servizos internacionais privados é a de que os novos viaxeiros xerados por estes supoñan máis do 30% dos pasaxeiros totais deses novos servizos. Isto é, Competencia considera “razoable que un novo servizo internacional incorpore, polo menos, un viaxeiro adicional por cada dous que detrae” do servizo que presta Renfe. Por baixo do 1% de perda de ingresos por parte de Renfe a nova operadora non tería que cumprir ningún outro requisito.

A empresa pública quería participar ela mesma na avaliación da proposta da empresa privada, algo que a CNMC rexeita por considerar que iso daríalle acceso a datos confidenciais

Durante o procedemento para a elaboración destes requisitos, Renfe intentou que a CNMC permitise que a propia empresa pública participase no procedemento de avaliación da proposta do competidor privado, ao que o regulador negouse argumentando que iso daría a Renfe “acceso a información sensible polo que, non só é contrario ao marco regulador, senón que non sería factible dada a confidencialidade da mesma”.

Agora Arriba deberá presentar unha proposta de servizos que cumpra con eses límites e que será analizada pola CNMC. Se esa primeira proposta non supera a avaliación, a empresa poderá reformulala.

Segundo a información inicialmente trasladada no seu momento pola propia Arriva a Competencia, o seu novo servizo internacional contaría con catro viaxes diarias en cada sentido que tardarían dúas horas e 48 minutos da Coruña a Porto e que se beneficiaría das melloras da liña actual que xa están en marcha en Portugal. A súa proposta melloraría notablemente o servizo internacional actual que presta Renfe entre Vigo e Porto, con só dúas viaxes diarias en cada sentido.

Proposta de Arriva/Deutsche Bahn para a liña A Coruña-Porto CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.