O Estado negocia xa con posibles investidores interesados na compra das plantas de Alcoa da Coruña e Avilés, ameazadas polo peche logo de que a multinacional anunciase esa intención hai tan só uns días. Así o manifestou este martes a ministra de Industria, Reyes Maroto, durante unha entrevista en RNE na que asegurou que "máis pronto que tarde" poderá dar "boas noticias" respecto do futuro das dúas factorías, que teñen en risco o emprego duns 700 traballadores, 369 deles en Galicia.
A ministra de Industria, Reyes Maroto, asegura que xa se reuniu con "posibles investidores" interesados nas plantas de Alcoa
Á pregunta de se había compañías interesadas na compra, a ministra foi clara: "Si, hai empresas interesadas en facerse coas plantas de Alcoa". "Reuninme xa con algúns posibles investidores e estamos definindo eses escenarios; máis pronto que tarde poderemos dar boas noticias", dixo Maroto, que advertiu de que o seu departamento está "traballando moi intensamente e de forma coordinada cos gobernos autonómicos e cos sindicatos para darlles unha saída industrial a algunhas plantas que lamentablemente nos dixeron que pechan".
"Estamos buscando investidores alternativos e creo que haberá boas noticias nos vindeiros días", dixo en referencia ás plantas de Alcoa pero tamén a Vestas. "Estamos falando coas empresas e algunhas maniféstannos o momento complicado que pasan polos efectos da globalización, pero eses son fenómenos que temos que atender e buscar unha saída industrial", engadiu tras lembrar que unha das súas misións na última visita a China foi precisamente buscar investidores para o sector industrial español.
"Estamos buscando investidores alternativos e creo que haberá boas noticias nos vindeiros días", dixo Maroto
Respecto ás alternativas que se abren, Reyes Maroto advertiu de que "hai peches que non se poden evitar", pero que o Goberno central si está "en condicións de traballar para definir escenarios alternativos e dar continuidade a esas plantas con outras empresas interesadas en manter a produción ou en darlle unha saída industrial distinta".
Ademais, preguntada sobre o posible mantemento dos postos de traballo nas factorías ameazadas, a ministra asegurou que o Executivo "quere que se manteña a actividade produtiva e o número de traballadores", pero que é algo que "non se pode asegurar ao 100% porque cada proxecto é diferente" aínda que o obxectivo é "analizar as posibilidades que se ofrecen para que a saída sexa o mantemento do maior número de persoal". De feito, advirte de que "nalgunha planta mesmo pode haber creación de novos postos de traballo polos investimentos que se formulan".
Máis tarde, á saída da reunión do Consello Interterritorial de Internacionalización, Maroto confirmou as negociacións e confiou en que se poida manter a actividade produtiva e o emprego das dúas factorías, "aínda que sexa outra empresa a que xestione". Ao tempo, recoñeceu que o Goberno medita recorrer o ERE de extinción presentada por Alcoa porque contén "erros" e porque, ademais, as alegacións permitirían "gañar tempo" para que estes "investidores internacionais" poidan presentar ofertas.
O Goberno central negocia con firmas "interesadas en manter a produción ou en darlle uha saída industrial distinta"
O anuncio da ministra de Industria chega só días despois de que o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, así como a Xunta manifestasen o interese dalgunhas compañías en facerse coas plantas. Ao tempo, Alcoa negou sempre que tivese algunha oferta enriba da mesa e o comité de empresa da factoría da Coruña advirte de que a intención da multinacional estadounidense é non vender para evitar atraer máis competencia ao seu sector.
Alén disto, Reyes Maroto tamén citou os aumentos de prezo da factura eléctrica como un problema "para as industrias electrointensivas, ás que lle supón un custo moi importante". "Temos que traballar por reverter iso e situar as empresas en estándares de competitividade que poidan situar España nuns niveis que nos permitan competir neste mundo global", asegurou.
Precisamente, os representantes sindicais entregaron no rexistro da Delegación do Goberno e da sede da Xunta na Coruña un escrito reclamando medidas para evitar o peche e a retirada do ERE. A proposta ten seis puntos para "buscar unha solución de continuidade". Entre as posibilidades inclúese a venda e o comité de empresa reclama ao Estado que "fiscalice" a actividade da compañía.