O paro rexistrado en Galicia subiu no pasado mes de outubro en 3.424 persoas con respecto ao mes anterior, situándose a cifra total en 169.744, 16.159 menos que un ano antes e alcanzando niveis semellantes aos do inicio da recesión. Hai unha década, en outubro de 2008 e semanas despois da caída de Lehman Brothers, o número de galegos e galegas rexistradas nas antigas oficinas do INEM era de algo máis de 168.000. Polo camiño, a grave crise económica e demográfica deixou o país cunhas 77.000 persoas activas menos, levou por diante 120.000 ocupados e destruíu 60.000 empregos.
O paro rexistrado alcanza niveis semellantes aos do inicio da crise pero tras destruírse 60.000 empregos e caer a poboación activa en 77.000 persoas
As afiliacións medias á Seguridade Social caeron en outubro en 690 en Galicia, aínda que son 23.294 máis que doce meses antes. Con todo, a cifra total queda en 1.013.198 persoas cotizantes, mentres que hai dez anos situábase en 1.072.239, 59.041 máis que na actualidade. Supón unha caída do 5,5%, case 60.000 empregos destruídos tras unha década de crise económica, pero tamén demográfica.
Desde aquel terceiro trimestre de 2008 até o deste ano, a poboación activa de Galicia caeu en 77.300 persoas, de 1,32 millóns a 1,25. O número de ocupados tamén se reduciu considerablemente, en case 120.000, desde os 1,21 millóns até os pouco máis de un millón da actualidade. O devalo demográfico e a emigración continúan a incidir nun mercado laboral galego cada vez máis minguado. Ao tempo, unha década despois do inicio da crise, a pobreza afecta o 22% da poboación galega.
Neste mes de outubro, o incremento do paro rexistrado en Galicia (+2%) é superior á media estatal (+1,63%). Subiu en todas as provincias agás en Lugo, onde se reduciu en 148 persoas. Tamén se incrementou en todos os sectores, agás na construcción, pero especialmente no sector servizos, onde aumentou en 2.573 persoas.
A suba mensual do paro é maior nos homes (2.330 máis) ca nas mulleres (1.094 máis) e hai 615 menores de 25 anos máis en paro (+7,5 %) e 2.809 máis maiores desa idade (+1,8 %). Na comparación anual, o descenso máis acentuado dáse nos homes e, por grupos de idade, nas persoas menores de 25 anos.
En Galicia asináronse máis de 103.000 contratos en outubro, o 90% deles temporais
En canto ao número de contratos, no mes de outubro asináronse en Galicia 103.484, o 90,3% deles temporais, que aumentaron un 7,5% respecto ao mesmo anterior e tamén repecto ao mesmo período do ano pasado. Malia de superarse as 103.000 contratacións, destruíuse emprego e aumentou o paro rexistrado.
Ademais, o 48 % das persoas paradas con experiencia laboral carece de prestación por desemprego e só o 45 % das que si a perciben están a cobrar unha prestación contributiva. A taxa de cobertura en setembro de 2018 era do 52,04 %. Había 78.734 persoas cobrando unha prestación por desemprego: 35.373 percibían unha prestación contributiva, 34 754 subsidios por desemprego, 7.947 a renda activa de inserción e 660 correspondían ao programa de activación de emprego. Xa que logo, son 72.557 persoas paradas con experiencia laboral que carecen de prestacións por desemprego.