0 Gardados para despois

Alcoa 'planta' a persoal e administracións noutra mesa de negociación sen avances

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Alcoa plantou as administracións e os sindicatos na mesa de traballo convocada polo Goberno central que se celebrou este mércores en Madrid. Xunta, Concello da Coruña e centrais cargaron contra a empresa pola súa ausencia unha xuntanza na que tamén houbo representantes do Principado de Asturias e do Concello de Avilés. Todos piden ao Estado que aplique "todas as medidas legais" ao seu alcance e acusan a empresa de "mala fe". 

Sindicatos e administracións lamentan a “nula vontade negociadora de Alcoa na busca de solucións á situación das súas plantas da Coruña e Avilés

Todas as partes censuraron a “nula vontade negociadora de Alcoa na busca de solucións á situación das súas plantas da Coruña e Avilés, como demostra a súa ausencia á reunión” e, igualmente, quixeron deixar patente o “absoluto compromiso das administracións públicas e dos sindicatos para traballar polo futuro industrial das dúas plantas”.

Desde a Xunta, o conselleiro de Industria, Francisco Conde, amosou a súa "preocupaación" ante o plante e pola falta de "propostas" por parte da multinacional pero tamén por parte do Executivo central. O titular tamén de Economía volveu reclamar a retirada do ERE antes de que remate o prazo para negociar, en dez días. 

Mesa de traballo sobre Alcoa, este 22 de novembro sen a asistencia de Alcoa / Goberno do Principado de Asturias

A Xunta volveu reclamar que o Goberno central tome "a iniciativa" e propoña un marco enerxético estable

A Xunta volveu reclamar que o Goberno central tome "a iniciativa" e propoña un marco enerxético estable cun custo "homologable a cinco anos", así como a implantación de mecanismos de compensación que se empregan noutros países europeos.

O concelleiro de Emprego da Coruña, Alberto Lema, destacou a “necesaria adopción, por parte do Goberno central, de medidas cautelares que se poñan en marcha, se é preciso, o día seguinte ao remate do prazo de negociación do ERE, no caso de que Alcoa siga adiante co expediente de extinción, para que a empresa manteña a súa actividade ata que apareza un novo comprador ou se estude outra alternativa, de cara a evitar o peche efectivo da planta e garantir a continuidade da actividade económica e industrial”.

 

Javier Losada: "A actitude de Alcoa é impresentable e unha falta de respecto"

Ante este plante, a reacción do delegado do Goberno central en Galicia foi contundente, Javier Losada confesou este xoves que o Executivo central está "moi cabreado" pola ausencia de Alcoa na reunión e cualificou a súa postura de "impresentable" e dunha "falta de respecto a toda a sociedade". 

O delegado do Goberno advirte de que o Executivo central está "moi cabreado" ante a "impresentable" actitude de Alcoa

"Estou moi cabreado, moi, moi cabreado como o está o Goberno de España. A postura de onte de Alcoa é impresentable", dixo quen avogou máis que nunca pola "unidade" para "garantir os postos de traballo e garantir a actividade industrial". Ademais, pediu á multinacional que se poña dunha vez a "dialogar e negociar".

"Alcoa fixo un desplante, un desplante a toda a sociedade. Pero iso non nos vai parar. Hai partido e até o último minuto o Goberno de España, a Xunta, o Goberno asturiano e os concellos imos seguir insistindo en que Alcoa negocio, que sente e que preente un plan como o que qeuremos Executivo e traballadores, de mantemento da actividade industrial e dos postos de traballo", dixo. 

Para Losada, Alcoa amosou a súa "falta de respecto á cidadanía española" e reclamou á empresa que "se axuste á legalidade laboral" do Estado e "retire o ERE que presentou". 

Segundo os membros do comité de empresa de Alcoa en Avilés, a xustificación da empresa para non acudir ás xuntanzas é que é unha mesa con políticos e que o Goberno central "non achega nin achegará nada". 

© Delegación do Goberno

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Alcoa responde ao Ministerio sinalando o comité da Coruña e queixándose de que só recibiu "denuncias"

Alcoa responde atacando. A multinacional asegura que desde que anunciou que pecharía as plantas da Coruña e Avilés "só recibiu denuncias que non contan con ningún apoio legal". Así respondeu a empresa ao escrito de advertencia emitido a pasada semana polo Ministerio de Traballo no que criticaba a "extrema celeridade" e a "ausencia de verdadeira vontade negociador" por parte da multinacional

Agora, a multinacional responde, segundo adianta La Nueva España, asegurando no escrito que "nin tan sequera" se lle "deu a oportunidade de debater e discutir as causas da medida proposta, explorar as posiblidades de evitar ou reducir a mesma, así como de atenuar as súas consecuencias, finalidade que ha de ter todo período de consultas". 

Alcoa di que "nin tan sequera" se lle "deu a oportunidade de debater e discutir as causas da medida proposta ou explorar as posiblidades de evitar ou reducir a mesma

É o presidente de Alcoa en España, Rubén Bartolomé, quen advirte de que "a data de hoxe, a comisión representantiva dos traballadores seguen sen estar constituída, motivo polo que non puideron iniciarse as reunións de negociación do período de consultas, unha circunstancia que en modo ningún se pode atribuír á responsabilidade da empresa". Os membros do comité de empresa da factoría na Coruña non asisten a estas reunións por considerar o ERE ilegal. 

Alcoa repasa "todos os pasos" que deu "en pleno cumprimento da normativa aplicable" e lembra que, "de feito, a representación dos traballadores do centro da Coruña nin tan sequera compareceron ás mencionadas reunións". 

"A formación da comisión representativa dos traballadores é un requisito imprescindible para a celebración das reunións no periodo de consultas", di a empresa, que di que o feito de que non se celebren as reunións "é imputable unicamente á parte social, de quen no seu caso debe predicarse a presunta ausencia de vontade negociador que menciona o oficio". 

A empresa insiste en ampliar o período de consultas se o comité da planta da Coruña senta a negociar xa

E lanza unha ameaza. "Os axentes sociais teñen a obriga e a responsabilidade de sentar a dialogar en representación dos traballadores. Conforme ao disposto no artigo 51 do Estatuto dos Traballadores, 'a falta de constitución da comisión representativa non impedirá o inicio e transcurso do periódo de consultas, e a súa constitución con posterioridade ao incio do mesmo non comportará, en caso ningún, a ampliación da súa duración". 

A empresa insiste en que está disposta a ampliar o periodo de consultas máximo sempe que "coa maior celeridade" se designe aos representantes dos traballadores e se constitúa a comisión negociadora". Así, chama a unha reunión o 26 de novembro.