As eternas dúbidas que asolan o porto exterior da Coruña

Porto exterior da Coruña CC-BY-SA Ramon Piñeiro

O porto exterior da Coruña segue sementando dúbidas sobre o seu futuro. Ás xa existentes polas difíciles condicións do mar na zona xuntáronselle desde o inicio da súa construción ás dun elevadísimo gasto que xa pasa dos mil millóns de euros e que supera en case 600 ao investimento previsto. O megaproxecto de Punta Langosteira segue inacabado logo de case unha década de obras, mentres os proxectos empresariais previstos para enchelo nin están nin semella que chegarán axiña. Tampouco o traslado da terminal de Repsol da cidade a esta costa de Arteixo -obxectivo inicial deste macropeirao- está claro, ao igual que as súas conexións terrestres, que seguen no aire e dificultan a súa viabilidade.

A Autoridade Portuaria asume a paralización da chegada de Beijing 3E e o atraso no comezo da actividade de Pemex en Langosteira

Hai agora un ano, a empresa chinesa Beijing 3E asinou un acordo coa Autoridade Portuaria da Coruña que implicaba un investimento de 270 millóns e a construción dunha planta de valorización enerxética de residuos. Era a primeira grande esperanza para Punta Langosteira, pero Enrique Losada, presidente do Porto, vén de anunciar a paralización da chegada do xigante asiático, malia que hai informacións que xa aclaran que só suporá un atraso. Sexa como for, a terminal que ocuparía o 5% da explanada,  uns 120.000 metros cadrados, e que trataría 900.000 toneladas de aceite anuais non será inminente, algo que as autoridades portuarias atribúen á "situación económica de España a nivel internacional". "Neste momento non parece que existan as condicións de confianza necesarias", engadiu Losada.

Algo semellante ocorre con Pemex, que volve ser protagonista doutra promesa incumprida. No verán de 2012, o presidente da Xunta presumía de que o porto exterior da Coruña xa tiña "o seu principal cliente, nada menos que a principal empresa de América Latina". Feijóo anunciou un investimento de 57 millóns de euros en Punta Langosteira, ao tempo que prometía a construción de buques e floteis que, polo momento, quedou na compra do estaleiro Barreras por parte da petroleira azteca.

No entanto, non será até, como mínimo, finais de 2016 cando Pemex comece a súa actividade no porto exterior. A instalación da súa base loxística para Europa en Galicia non está entre as súas prioridades, nin moito menos, malia que a Autoridade Portuaria mostrárase segura de que non habería atraso ningún. As obras deberían ter empezado xa este ano para que entre 2014 e 2015 a petroleira iniciase a súa actividade. Non será tal. O propio Enrique Losada cifrou "en tres anos e medio ou catro" a tardanza da petroleira. Polo momento, nin comezaron os tramites ambientais, nin a fase previa á redacción do proxecto.

Tampouco o traslado de Repsol a Punta Langosteira, argumento principal ao que se aludiu para xustificar a construción do porto exterior, está claro. A indemnización que habería que pagarlle á petroleira situárase nos 110 millóns de euros, pero aquel acordo verbal segue sen concretarse.

O acordo verbal para o traslado de Repsol ao porto exterior segue sen concretarse e a retirada do oleoduto que percorre A Coruña non está claro

De feito, Repsol trasladarase ao porto exterior sen retirar o oleoduto que percorre subterraneamente toda a cidade da Coruña de punta a punta. O peche desta perigosa condución baixo terra -"é unha bomba de reloxería", asegurara o ex alcalde Francisco Vázquez- fora unha das razóns principais para construír esta xigante infraestrutura, co que se libraría á cidadanía dun risco que leva décadas sen atopar arranxo. No entanto, e cando menos nunha primeira fase, o oleoduto seguirá operativo cos produtos de refino.

Porque nada se concreta en Punta Langosteira. As obras comezaron en 2005, pero os atrasos e sobrecustos continúan desde aquela. Logo de máis 1.000 millóns de gasto, o financiamento para completar o peirao non está nin asegurado, xa que precisa dun contradique de máis dun quilómetro para asegurar a operatividade e a seguridade dos buques, outra das polémicas que segue viva desde que se anunciou a súa construción.

BNG e EU culpan o PP do "fracaso" nas xestións para asegurar o futuro de Punta Langosteira

Pasa o mesmo coa falta de investimento para as conexións terrestres do porto exterior, outra das eivas que dificulta a chegada de proxectos empresariais a Langosteira. Nese detalle insiste o grupo municipal de EU, que cre que "as empresas non se instalarán no porto exterior até que todas as infraestruturas estean dispoñibles. Agora comprobamos o dano que fixeron os presupostos xerais do estado, aplaudidos polo goberno municipal”. Para o BNG, coas últimas novas sobre o porto exterior "evidénciase que o alcalde mentía cando declaraba que A Coruña se convertiría nun centro de enerxía estratéxico". "O fracaso da operación representa un síntoma do desastre da política industrial do Partido Popular, unha política nefasta e de mentiras que destrúe os sectores produtivos e numerosos postos de traballo na comarca e na cidade", insiste o Bloque, que tamén cre "fundamental a conexión ferroviaria do porto exterior, unha conexión que o Goberno central mantén no esquecemento".

Porto exterior da Coruña CC-BY-SA Ramon Piñeiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.