"O PP gaña as eleccións galegas, boas novas para Edgewater". A empresa Caesars Report, especializada en avaliar e espallar proxectos de empresas mineiras para atraer investimentos no sector, saudaba deste xeito os resultados dos comicios do 21 de outubro de 2012. "O pasado domingo, o dereitista e conservador Partido Popular gañou as eleccións en Galicia", anunciáballes aos seus visitantes, aos que lles lembraba o "apoio" dos conservadores "ao desenvolvemento da mina de ouro de Corcoesto". Os asesores da empresa mineira que aspira a extraer ouro en Bergantiños non ocultaban a súa satisfacción polo "excelente" resultado do PP e o "reforzamento" da súa "posición no Parlamento". "Todas as pezas están caendo no seu sitio", ilustraban.
A indisimulada ledicia pola permanencia do PP no Goberno galego é só unha das mostras dos factores que máis pesan, a xuízo das compañías mineiras, á hora de elixir Galicia como campo de operacións. O "apoio político" é, xunto á elevada taxa de paro, un dos factores que Caesars Report -que recibe financiamento das compañías mineiras- sitúa como fundamentais nos seus informes sobre o xacemento de Corcoesto, elaborados tras varias visitas á zona. Despois da primeira destas viaxes os observadores da empresa declarábanse "positivamente sorprendidos polo apoio" que a mina recibía tanto "do alcalde de Cabana de Bergantiños", José Muíño (PP) como do "ministro de Economía da rexión autónoma de Galicia", en referencia ao daquela conselleiro de Industria, Javier Guerra.
Os observadores da empresa declarábanse "positivamente sorprendidos" polo apoio da Xunta e do Concello de Cabana
"Tanto o alcalde como o conselleiro participaron nunha cea da empresa e responderon todas as preguntas que os analistas lles formularon", explican os visitantes, aos que lles quedou "moi claro" que Muíño e Guerra "relamente querían que este proxecto saíse adiante". Neste sentido, subliñan, Guerra "enfatizou o feito de que o Goberno galego considera que Edgewater é un bo socio e que continuará a construír a súa relación" coa mineira canadense. O alcalde, pola súa banda, destacan, "prometeu o seu apoio" á mina "durante a súa campaña de reelección", isto é, nas municipais de 2011.
A importancia do desemprego
Xa naquela visita a Caesars Report non lle pasaron desapercibidos os datos do paro. Dado que "a taxa de desemprego en Galicia é aproximadamente do 20%", explicaban, "os 250 novos empregos directos" da mina -naquela altura a Xunta falaba de máis de mil postos de traballo- terán "un impacto positivo na rexión". Nesta liña, o mesmo informe explicaba que daquela Edgewater lle daba emprego a 25 persoas da zona e dispúñase a continuar contratando. O feito de chegar a crear "51 empregos" convertían "xa" a empresa minaira "nun dos maiores empregadores dos arredores", evidenciaba.
O "tremendo apoio político" lévaos a "non agardar ningún problema na concesión licenzas"
O paro chamou tamén a atención de Caesars Report noutra visita realizada a Bergantiños, da que dan conta nun boletín datado en abril deste mesmo 2013. "Como a taxa de desemprego en Galicia é, aproximadamente, do 21%, moita xente está interesada" en lograr "un emprego ben pagado no sector mineiro" e Edgewater prevé "empregar directamente aproximadamente 250 persoas". Ese segundo achegamento directo a Galicia serviulles tamén aos enviados da compañía mineira para marcharen encantados das autoridades locais. "O apoio político ao proxecto é aínda tremendo", evidenciaban tras reunirse co "director xeral do departamento de Minas", Ángel Bernardo Tahoces, e "cos alcaldes das vilas nas que se van construír a mina e o depósito de residuos".
O apoio político non é agradecido pola empresa por simple cortesía, senón que o consideran crucial para non ter atrancos legais. "Todas as partes apoian aínda totalmente o proxecto", polo que "non agardamos ningún problema durante o proceso pendente de concesión de licenzas". Así, explican, dado que "Edgewater recibiu en decembro a aprobación formal da Declaración de Impacto Ambiental, a compañía só precisa agora a licenza de construción, que vai ser emitida polo Concello de Cabana de Bergantiños", no que non agardan "ningunha dificultade", toda vez que "o alcalde usou unha campaña a prol da mina para ser reelixido en 2011".
Os analistas búrlanse das plataformas veciñais nunha das súas informacións
Neste entusiasta contexto a prol da mina Caesars Report apenas menciona os movementos de oposición á mina e, cando o fai, é para ridiculizalo. Así, o pasado xaneiro, a empresa consideraba que "os manifestantes anti mina en Galicia estanse desesperando". Despois de que a Plataforma pola Defensa de Corcoesto se dirixise aos bancos Barclays e Credit Suisse para que non financiasen o proxecto de Edgewater, os informadores recollen que o movemento veciñal considera o proxecto "especulativo" e que achegou un informe dubidando da viabilidade da explotación. "Por resumir, nas vindeiras semanas ambas reclamacións dos ecoloxistas van ser rexeitadas e estamos bastante seguros de que Barclays e Credit Suisse van botar unha boa risada", burlábanse.