O AVE volve absorber a maioría do investimento que os Presupostos Xerais do Estado (PGE) reserva para Galicia, que recibirá un 3,43% máis en 2014 con respecto ao exercicio anterior, segundo o proxecto presentado este luns polo Goberno. Case 1.400 millóns de euros (1.353), un 13,8% dos investimentos totais ás autonomías, que de media descenderon un 7,1% para o conxunto delas.
Máis da metade do investimento de Fomento en Galicia destínase ao AVE
Dos máis de 1.300 millóns que o Estado investirá en Galicia, 1.273 procederán do Ministerio de Fomento, que volve centrar o gasto no AVE, que absorbe arredor do 60% destes cartos, uns 770 millóns. Será a liña da alta velocidade que pasa pola provincia de Ourense a que leve a maioría do investimento. Para os tramos que acumulan maior atraso e que conectan o país coa Meseta, Adif reserva máis de 500 millóns de euros, mentres que o Eixo Atlántico que une A Coruña e Vigo mantén un investimento de preto de 200 millóns.
O gasto do Estado no AVE galego, xa que logo, incrementa un chisco o achegado no exercicio anterior e é o que permite a Galicia manterse como a terceira comunidade en investimento. No entanto, e en contraste, as partidas para o estudo da implantación dun tren de proximidade e para as liñas de Portugal, Lugo e Ferrol quedan practicamente en nada. Investimento para os grandes núcleos e a liña estrela estatal e abandono de novo para o interior, as vilas e a posibilidade dun ferrocarril interno.
Xa que logo, é o AVE case en exclusiva o receptor da inmensa maioría de investimentos dun Ministerio de Fomento que, ademais, tamén destina relevantes cantidades á rede de estradas. A autovía Santiago-Lugo, con case 90 millóns, e a finalización da autovía do Cantábrico ao seu paso por Galicia, con case 20, levan boa parte do gasto. A autovía Ourense-Lugo, a alternativa á ponte de Rande para o camiño Pontevedra-Vigo ou a Terceira Ronda da Coruña terán que seguir agardando polos cartos necesarios para confirmar a súa finalización.
O porto exterior da Coruña e os tres aeroportos galegos suman, ademais, uns 100 millóns máis de investimento por parte de Fomento, que centrará case a metade deses cartos no peirao de punta Langosteira.
Galicia, terceira autonomía na que máis se reducen os fondos de compensación
Segundo as contas que fixo públicas Cristóbal Montoro, ministro de Facenda, o Estado distribuirá entre as comunidades algo máis de 12.000 millóns de euros, case 1.000 menos que en 2013, un descenso que afecta de xeito moi diferente segundo o territorio. Así, mentres o incremento do investimento é de máis do 3% en Galicia, na Rioxa aumenta un 42,3%. Navarra (39,46%), Cantabria (24,22%), Ceuta (15,64%), Melilla (8,17%), Estremadura (6,28%) ou Andalucía (4%) son outros territorios nos que sobe o gasto, fronte ao descenso de Asturias (-31,6%), Murcia (-26,7%), Cataluña (-25,5%) ou Castela A Mancha (-19,8%).
Pola contra, Galicia é a terceira comunidade na que máis se reduce a cantidade que recibe dos fondos de compensación interterritorial, un 27,2%, ata case os 45 millóns. No entantó, á a segunda autonomía que máis percibe do fondo de suficiencia (570 millóns). As transferencias do Estado ás autonomías redúcense en conxunto un 13,6% no proxecto de PGE para o ano 2014, ao quedar nos 21.120 millóns.