Feijóo presume de sector eólico tras autorizar 60 megavatios dos 2.300 previstos

Vista dun parque eólico en Galicia CC-BY Ignorant Walking

Feijóo non dubida en cualificar de "positivo" o balance do plano eólico do seu Goberno. Disque os planos industriais asociados ao concurso do seu Executivo xa xeraron 700 millóns de euros en investimentos e crearon 1.400 postos de traballo. O presidente saca peito logo de anunciar que o Consello da Xunta viña de autorizar os tres primeiros parques eólicos dese devandito concurso aprobado tras a polémica anulación das adxucicacións do bipartito. Tres parques -un na provincia de Pontevedra e outros dous na de Lugo- que suman 60 megavatios e que terán capacidade para producir case 190.000 megavatios/hora ao ano e que suporán 70 millóns de investimento.

O concurso eólico do Goberno de Feijóo prevía 14.000 empregos e un investimento de 5.700 millóns ao poñer en marcha os 2.300 megavatios adxudicados

Non era sen tempo que chegasen as primeiras adxudicacións, que non alcanzan nin unha mínima parte das optimistas previsións de Feijóo cun plano eólico co que pretendía crear uns 14.000 empregos, un investimento de 5.700 millóns e poñer en marcha os 2.300 adxudicados. Obviamente, o presidente da Xunta recoñeceu "ralentización" no seu proxecto, pero volveu presumir de "cinco grandes proxectos executados" e dun futuro esperanzador no que inclúe "varias decenas de parques" que serán autorizados en 2014.

Pero o escenario cambiou. E moito. A supresión das primas ás renovables acordada polo Goberno central e a obsesión por conter o déficit tarifario a costa das enerxías alternativas uniuse á inseguridade xurídica provocada pola anulación do concurso do bipartito. Rosa María Regueiro, doutora en Economía pola USC, profesora de Economía Aplicada da UdC e autora d'A propiedade do vento galego lembraba en Praza que "seguramente o concurso eólico do bipartito non era perfecto", pero recordaba que o novo Goberno "anulouno, apareceu unha nova lei, presentáronse recursos e as primas desapareceron... Logo chegou a bomba esta de Madrid", dicía en referencia ás novas medidas.

A patronal eólica e incluso alcaldes populares censuran a política enerxética do Goberno central e o trato á enerxía eólica

A Xunta desaproveitou a potencialidade e incluso a patronal instou o Executivo galego a cambiar unha política "improvisada, errática, sen criterio e incoherente" cun sector que puido servir de amortiguador para a crise económica no país. "Se Feijóo e Guerra non se tivesen cargado o concurso eólico de 2009, en Galicia poderían estar traballando 10.000 persoas máis no sector", lembraba o economista Manuel Lago. Só en Ferrolterra, nos últimos cinco anos perdéronse máis de 1.500 empregos no sector e son moreas os mozos cualificados no eólico que aceptan ofertas de Suramérica ou o norte de Europa ante a falta de expectativas.

Incluso 70 alcaldes populares do Estado -oito deles de Galicia- asinaron un  manifesto promovido pola mesma Asociación Empresarial Eólica (AEE) contra a política enerxética de Madrid e, nomeadamente, contra os recortes e o trato que recibe a enerxía eólica.

A Xunta prevé novas medidas "fiscais, financieiras, técnicas e industrias" para incentivar as compañías electricas a continuar cos plans eólicos

Pero Feijóo di ter un plan para mellorar a situación e anunciou unha serie de novas medidas "fiscais, financieiras, técnicas e industrias" para incentivar as compañías electricas a continuar cos plans eólicos iniciados en Galicia durante a época do bipartito, tras lembrar que xa está en vigor a dedución fiscal do 92,5% do imposto de transmisións patrimoniais para todos os plans eólicos. Así, aprobará un proxecto de lei que atrase os avais que precisan estas empresas até o inicio efectivo das obras, co que Feijóo pretende "manter a ratio de emprego e investimento" existen antes da supresión das primas e da nova regulación do mercado eléctrico. "Queremos unha repotenciación dos parques industriais, que haxa menos muíños con máis enerxía e menos impacto ambiental", dixo.

En crise e sen primas ás eólicas, Feijóo vai máis aló e anuncia que non haberá penalización para aquelas empresas que teñan adxudicados parques eólicos se se desprenden de todo o adxudicado para cedérllelo a outras compañías interesadas en levar a cabo a infraestrutura eólica. "Ou se renuncia a un parque completo, ou non se pode", aclarou.

Feijóo atrasa os avais até o inicio efectivo das obras e anuncia que non haberá penalización para quen se desprenda do adxudicado

Polo momento, anunciou tres novos parques situados en Mondego (entre os concellos de Trabada, Burela e Ribadeo), con 47 MW; no Parque Acival (entre Barro, Moraña e Campolameiro), con 12 MW e no Faro (O Vicedo), con 3 MW. En total, 62 megavatios, aínda moi lonxe dos 2.300 previstos e, por suposto, dos 14.000 empregos que se ían crear cun concurso que continúa practicamente parado.

Feijóo, na rolda de prensa tras o Consello © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.