O naval respira de alivio logo da adxudicación que Pemex vén de facer a Navantia e Barreras para a construción de dous floteis por un importe duns 300 millóns de euros. Case ano e medio despois da promesa de Núñez Feijóo en plena campaña electoral e 19 meses máis tarde daquel primeiro acordo estratéxico entre Xunta e a petroleira estatal, os estaleiros galegos terán por fin carga de traballo. Pero nada será como se prometeu, nin para o bo nin para o malo.
Porque polo medio, Pemex fíxose por 5,1 millóns de euros co 51% de Barreras a través dun acordo que implica tamén transferir a México a tecnoloxía e os coñecementos dun estaleiro histórico e centenario. A cambio, a carga de traballo chega á factoría viguesa, que construirá seis barcos nos vindeiros anos: cinco que foran xa acordados (un atuneiro, tres buques tanque e un abastecedor) e por un importe de 300 millóns de euros, e a adxudicación para Vigo e Ferrol por outros 300. Unha carga de traballo por 600 millóns de euros.
Pemex fíxose co control de Barreras por 5,1 millóns; o estaleiro ten asegurada a construción de seis buques nos vindeiros meses
"Perdoen se non perciben euforia, pero nós xa coñeciamos os acordos; hoxe é un dos días máis felices do PPdeG", dixo a voceira popular Paula Prado. "É un éxito de país e do sector naval que amosa a solvencia do país", asegura Francisco Conde, conselleiro de Economía e Industria tras a adxudicación dos floteis. Suporá para Navantia un millón de horas de traballo durante 30 meses e para uns 500 operarios, unha quinta parte dun cadro de persoal do que foron despedidos 3.000 nos últimos tempos. Unha boa nova que non é dabondo. Os datos facilitados pola factoría estatal son semellantes en Barreras, onde se agarda comezar xa no vindeiro mes cos traballos noutros encargos de Pemex. Feijóo fala de entre 1.000 e 1.200 empregos en Galicia.
No entanto, os dous floteis e cinco barcos, que veñen revitalizar un chisco un sector naval que esmorecía, están lonxe dos máis de cuarenta buques que o presidente da Xunta incluíu nas súas sucesivas promesas. Dous buques hotel, catorce remolcadores, dous quimiqueiros e a segura construción da frota menor da petroleira mexicana por parte de estaleiros galegos. Ese era o plan previsto naquel acordo estratéxico de hai máis de ano e medio e que fora reducido logo un pouco naquel anuncio preelectoral e na que se anunciaran os dous floteis que suporían 3.000 empregos.
Feijóo prometera a construción de máis de corenta buques en Galicia entre remolcadores, floteis, quimiqueiros e frota menor
Naquel primeiro acto solemne que anunciou en maio de 2012 un “acordo estratéxico” entre o Goberno galego e Pemex, incluíase a construción de dous quimiqueiros que Feijóo deu por seguros. Desde un primeiro momento, o comité de empresa de Navantia alertou da imposibilidade de levar a cabo ese proxecto ante a competencia de estaleiros asiáticos. “A Xunta sempre soubo que non serían para Navantia”, dicía o representante dos traballadores nun anunciou que foi premonitorio.
Pouco despois, Feijóo recoñecía que a imposibilidade de construír os quimiqueiros provocou que se substituísen eses dous buques polos dous floteis, aínda pendentes e sen nada garantido. Pero antes, tamén se garantira a construción de catorce barcos remolcadores, sete deles integramente en Galicia e outros tantos en colaboración con estaleiros mexicanos. Supoñían 310 millóns de dólares -uns 247 millóns de euros-, "máis de 2,6 millóns de horas de traballo" e 2.500 empregos "entre directos e indirectos, na industria auxiliar".
Ademais, e mentres Pemex anunciaba en Vigo o pasado mes de decembro a construción de cinco barcos na ría de Vigo e da posibilidade doutros tres no futuro, o número dous da compañía estatal advertía en Madrid que non serán estaleiros galegos os que renovarán a frota menor da petroleira. Valiña e Freire, en colaboración con firmas mexicanas, optaban á construción de 25 embarcacións. Agora, Barreras confía en que parte desa frota se constrúa no seu estaleiro.
Pero antes, Pemex tamén conseguiu outro dos seus grandes obxectivos: o compromiso do Goberno español de axudarlle no desaloxo de Antonio Brufau á fronte de Repsol, aumentar o seu poder na petroleira española e acadar outro acordo con YPF, nacionalizada por Arxentina. Segundo conta El Confidencial, Brufau marchará en canto se asine a compensación do Executivo de Kirchner. A firma azteca posúe máis do 9% do capital de Repsol.