Audasa reduce persoal a niveis de hai 20 anos malia recadar un 170% máis

Atasco na peaxe da AP-9 en Teo ante un sinal de "pago fácil" CC-BY-SA Praza Pública

Os atascos provocados por Autopistas del Atlántico nalgúns dos seus postos de peaxe adoitan ir acompañados dunha imaxe recorrente: persoal da compañía bota man do chaleque reflectante para exercer de algo semellante a un garda de tráfico e tentar pór orde no caos, ordenando do xeito menos malo posible as interminables fileiras de vehículos conducidos por persoas que, paradoxalmente, agardan para pagar por un servizo que non recibiron. Ese cadro de persoal é o que Audasa vén reducindo sistematicamente dende que hai unha década pasou a mans privadas, situándoo en niveis próximos aos de hai vinte anos malia recadar case un 170% máis en peaxes que naquela altura.

Segundo as contas que a concesionaria da AP-9 deposita anualmente na Comisión Nacional del Mercado de Valores a empresa pechou 2013 con 231 persoas ao seu servizo, 13 menos que un ano antes e un 26% menos que no 2004, primeiro ano completo da privatización, no que tocou teito con 315 traballadores e traballadoras. En 2008, cando Sacyr se desfixo da autoestrada nunha operación superior aos 7.000 millóns de euros -mercáralla ao Goberno de Aznar por algo menos de 1.600- xa recortara o plantel ata as 290 persoas.

Audasa pechou 2013 con 231 persoas ao seu servizo, unha cifra semellante á de cando recadaba en peaxes un 60% menos

O novo propietario da empresa, o grupo financeiro estadounidense Citigroup -nacionalizado parcialmente polo gabinete de Obama en 2009-, seguiu a liña de recorte iniciada polo que fora xigante do ladrillo español. Así, en 2010 as persoas ao servizo de Audasa eran xa 264, en 2011 eran 256 e en 2012, 244, exactamente as mesmas que en 1995. Para atopar unha cifra de persoal semellante aos 231 traballadores e traballadoras do ano 2012 cómpre remontarse a 1996, ano que Audasa pechou cun plantel de 240 persoas e uns ingresos por peaxes de 46,9, montante económico un 60% menor aos 125,2 millóns de 2013 e tamén inferior aos case 60 millóns que xa ingresou na primeira metade de 2014, sempre segundo os datos depositados na CNMV.

Máis peaxes automáticas

Neste contexto e malia á proliferación das retencións por, entre outras causas, a escaseza de persoal para cobrar, a compañía prevé seguir substituíndo as peaxes atendidas por persoas por máquinas de cobro automático, as mesmas das que se ve obrigada a prescindir cando os atascos xa están formados. Así e todo, Audasa explícalle á CNMV que é "reseñable a boa acollida por parte dos usuarios das novas vías de cobro automático, denominadas 'pago fácil". A finais de xuño a AP-9 contaba xa con 34 destas máquinas, que son utilizadas por menos de 2 de cada 10 vehículos e cuxa instalación, no entanto, vai continuar nos próximos meses, segundo prevé a empresa.

A AP-9 ten instaladas xa 34 máquinas de cobro automático que son utilizadas por menos de 2 de cada 10 vehículos

A extensión das peaxes automáticas é un dos plans inmediatos dunha compañía que non prevé grandes sobresaltos no futuro. Aínda que admite que as expectativas de crecemento económico de Galicia son "pesimistas no curto prazo" Audasa agarda "seguir mantendo niveis de tráfico suficientes para que os niveis de ingresos non se vexan significativamente afectados". A concesionaria da autoestrada recoñece que o volume de vehículos que acolle, o cal se vén reducindo anualmente dende 2007, está en "situación de atonía" que atribúe non ao seu mal servizo, senón á "situación de crise" e á "adversa meteoroloxía". Non obstante, a perda de tráfico "compénsanse coa revisión de tarifas", isto é, coa suba de prezos vixente dende o pasado 1 de xaneiro.

Isto sucede nun escenario no que, na primeira metade do ano, Audasa recoñece que gaña un 0,7% máis que no mesmo período de 2013 "debido fundamentalmente ao incremento dos ingresos por peaxe" e no que non augura que o Goberno de España lle dea susto ningún. Así, sinala que aínda no caso de que haxa cambios legais ou outras decisións gobernamentais "a base de calquera modificación ten que ser o respecto ao equilibrio económico-financeiro da concesión, polo que os efectos dos posibles cambios legais ou normativos deberán ser neutros". Entre os eventuais riscos non contempla nin menciona a posibilidade de perder a concesión por ofrecer un servizo deficiente.

Peaxe da AP9 CC-BY-SA A Mesa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.