Primeiro 2009, despois 2012, máis tarde 2015 e agora, o horizonte do 2018. Son só algunhas das datas que, ao longo das últimas dúas décadas, se viñeron ofrecendo en Galicia case como fetiches para o progreso do país da man da alta velocidade ferroviaria. Coa crise deixando as infraestruturas nun segundo plano dos intereses cidadáns e o accidente de Angrois ensombrecendo un AVE vendido como tal pero que resultou non selo, os investimentos previstos no Orzamentos Xerais do Estado para o ano que vén volven estar, no caso galego, capitalizados polas obras do tren rápido.
Os investimentos proxectados polo Goberno central para Galicia -que estean proxectados non quere dicir que se vaian executar completamente- suman 1.385 millóns de euros e, deles, máis de 700 terán como destino infraestruturas relacionadas co AVE; uns 580 van para a conexión coa Meseta e o resto, para o remate do Eixo Atlántico. Outras partidas ferroviarias son, en xeral, pouco significativas economicamente, se ben algunhas teñen especial relevancia cualitativa, caso do incremento de máis dun 300% nos fondos para seguridade na circulación ferroviaria -agora superan os 3 millóns- ou os poucos máis de 200.000 euros para proxectos vinculados ao prometido tren rápido entre Ourense e Lugo, que Feijóo prometeu construír con cartos da Xunta no caso de que, como está a acontecer, o Estado non o construíse.
O AVE e, en segundo termo, a autovía Lugo-Santiago son os principais investimentos previstos nuns Orzamentos nos que, no caso galego, o Ministerio de Fomento e as entidades que dependen del son as protagonistas. Á marxe dos proxectos en materia de infraestruturas, só a depuración de augas -con depuradoras como as de Vigo e Compostela- destacan nas derradeiras contas públicas da lexislatura.
Os cartos do Fondo de Compensación Interterritorial descenden un 1,63%
Nese mesmo proxecto inclúense tamén os dous grandes fondos a través dos cales o Estado achega recursos económicos á comunidade autónoma: o de suficiencia e o de compensación interterritorial. O primeiro está concibido para cubrir os cartos que faltan para financiar os servizos públicos unha vez sumados os impostos recadados en Galicia e os cartos do Fondo de Garantía de Servizos Públicos Fundamentais. Este ano o fondo de suficiencia sitúase nos 576,53 millóns de euros, un 2,43% máis.
No que atinxe ao Fondo de Compensación Interterritorial, que sobre o papel está destinado a paliar os desequilibrios nas autonomías menos desenvolvidas, desta volta está dotado con 42,92 millóns de euros. Neste caso, os cartos que recibirá o Goberno galego para proxectos asociados a este fondo descenden un 1,63% a respecto do exercicio anterior.