É a última de Alimentos Lácteos. O xulgado Mercantil de Lugo vén de condenar os que foran administradores da compañía, Eugenio Montero e Arcadio López, a pagar 2,9 millóns de euros polo prexuízo causado á empresa ao solicitar tarde o concurso de acredores. Ademais, foron inhabilitados durante dous anos para administrar bens alleos logo de ser os xestores dunha sociedade que é xa un paradigma dun fracaso empresarial no que os intereses políticos, os amiguismos e a irresponsabilidade foron protagonistas.
A xustiza condena os xestores de Alimentos Lácteos a pagar 2,9 millóns e inhabilítaos dous anos como administradores
Unha empresa quebrada que operou nas instalacións de Leche Pascual en Outeiro de Rei, que foi creada con capital cooperativo e que contou co apoio financeiro (e algún outro) da Xunta. Uns 9 millóns de euros de inxección pública xestionados por destacados militantes do PP, que agora foron condenados e cuxo proxecto foi elixido polo Goberno galego pasando por riba dunha unión de máis de vinte cooperativas liderada por Feiraco e que aspiraba a ser a semente do desexado grupo lácteo galego. Feijóo e Samuel Juárez, daquela conselleiro de Medio Rural, decidiron tomar outro camiño. E a viaxe acabou axiña.
O atraso na petición de concurso fixo perder á empresa a indemnización de 2,5 millóns de euros para o persoal que pactara con Pascual
A sentenza confirma a situación de insolvencia de Alimentos Lácteos desde "polo menos o ano 2011", que foi "admitida" pola empresa concursada e polso administradores. Pero non foi ata maio de 2013 cando se pediu a solicitude de concurso, coa empresa xa sen actividade, co pasivo subindo e o seu activo deprezado. Ademais, o ditame lembra que a compañía tería que ter solicitado o concurso antes do 23 de febreiro de 2013, data ata a que se podería ter aplicado unha cláusula do contrato de aluguer con Pascual polo que Alimentos Lácteos podería reclamar as indemnizacións para o persoal, de máis de 2,5 millóns de euros. Nin iso fixeron ben.
Porque todo foi unha desfeita desde as súas orixes. A Xunta vendeu o proxecto como a semente dun grupo lácteo malia ter rexeitado as garantías da maior unión de cooperativas liderada por Feiraco e por xestores consolidados. O Goberno galego apostou claramente por dúas pequenas cooperativas amigas, La Arzuana e Gancobre, para levar o temón do proxecto. Eugenio Montero, tenente de alcalde de Touro polo PP, sería o presidente; o secretario, Arcadio López, número dous no goberno municipal, tamén do PP, na Pastoriza. Son os dous condenados.
A Xunta elixiu o proxecto de dous dirixentes do PP en lugar dunha unión de máis de vinte cooperativas liderada por Feiraco
Samuel Juárez, daquela conselleiro de Medio Rural, decidiu que esta era a mellor opción, malia que Feiraco conseguira reunir arredor do seu proxecto a maioría de cooperativas lácteas de Galicia para conformar un gran grupo galego. Era o máis serio e o que o mundo do agro vía con expectativas de futuro. Pero poucas horas antes de asinarse o compromiso, o ex presidente do PP da Coruña, Romay Beccaría, forza un xiro ante a sorpresa xeneralizada, tal e como denunciou en numerosas ocasións Unións Agrarias. Dun proxecto global a unha aposta reducida e vinculada a familias do Partido Popular.
Un día antes de que a Xunta concedese a planta ás cooperativas lideradas por dirixentes populares, Samuel Juárez reuniuse en Madrid con Gómez-Cuétara, presidente e conselleiro delegado de Leche Pascual. Foi despois desa xuntanza cando Feiraco, que lideraba a outra oferta e tiña comprometidas as axudas da Administración autonómica, coñeceu que quedaba sen o proxecto que xa tiña asegurado. A súa sorpresa foi maiúscula. A decepción, tamén. Ninguén nunca explicou con claridade que pasou e por que se deu ese xiro. Alimentos Lácteos era a elixida, pero nin tan sequera era unha sociedade como tal, xa que non estaba inscrita no Rexistro Mercantil. Pascual abortou a operación, desconectou o teléfono e deixou tirado o proxecto cooperativo tras reunirse co conselleiro.
Pascual abortou o acordo con Feiraco a última hora e por sorpresa para conceder a planta a unha empresa que nin existía como tal
Alimentos Lácteos pretendía darlle alento ao sector lácteo galego a través dunha marca de valor engadido (Deleite) e pagando prezos dignos aos gandeiros. Para logralo, valeríase do cadro de persoal da antiga fábrica de Pascual en Lugo, 81 traballadores que así evitarían o paro ao que estaban destinados. Pouco tempo o fixeron. Hai 77 traballadores aos que a compañía adebeda 900.000 euros desde que as máquinas deixaron de traballar en Outeiro de Rei. E moitas máis débedas por pagar. Aos gandeiros chegóuselles a pagar a ridícula cifra de 20 céntimos por litro. Todo foi a peor. Na súa desfeita, a empresa arrastrou tamén centos de gandeiros, como os que acudiron ás ampliacións de capital entregando milleiros de toneladas de leite a cambio.
"Se cadra era a solución menos mala de entre todas as malas, pero é obvio que a Xunta encargou o proxecto por enchufismo a cooperativas amigas que tiñan que asumir enormes procesos de industrialización e cunha complexidade moi grande; era algo demasiado ambicioso e sen as garantías suficientes", aseguraba a Praza ao confirmarse a liquidación Christian López, secretario comarcal de Fgamt-CIG e un dos voceiros do comité de empresa.
Fruga solicita que se cree unha comisión de investigación no Parlamento para aclarar as causas da quebra
Tras o xuízo, a Federación Rural Galega (Fruga) solicitou que se cree no Parlamento galego unha comisión de investigación para aclarar as causas da quebra de Alimentos Lácteos porque "se demostra que esta comisión é máis necesaria ca nunca para aclarar as contradicións nas que se incorreron e por que Eugenio Montero e Arcadio López foron cargos públicos do PP".