0 Gardados para despois

Sacyr pon Galicia no punto de mira para reactivar minas paralizadas

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Sacyr vén por todas. A compañía construtora acaba de chegar a un acordo con Macquari Capital, o maior financiador do mundo no negocio da minería extractiva, para ir mercando dereitos mineiros por todo o Estado e reabrir vellas explotacións e filóns de ouro, cobre, wolframio e outros metais. Os seus obxectivos son terreos en Estremadura, Andalucía, Castela A Mancha e Galicia, que é un dos territorios nos que fixou os seus propósitos.

Sacyr, que xa intentara un acordo en Corcoesto, alíase cun xigante para reabrir vellas explotacións ou filóns no Estado, tamén en Galicia

O acordo entre estes dous xigantes xorde nun cambio de estratexia por parte de Sacyr, que a través da súa filial Valoriza Minería alíase co xigante Macquari asegurando que o seu obxectivo é o desenvolvemento económico e o fomento de emprego en épocas de crise. As intencións da construtora xa quedaran claras cando hai meses chegara a un acordo con Edgewater para facerse cunha parte importante dos dereitos mineiros na zona a cambio de avalar as exixencias económicas que impuxera a Xunta. Pero os últimos atrancos legais, como a perda das concesións, así como o forte rexeitamento social imposibilitaran o pacto.

A idea de Sacyr Vallehermoso é ir adquirindo dereitos mineiros vixentes ou explotacións que xa estean paralizados para xuntar unha importante carteira axiña, polo que xa hai negociacións en marcha. O propio conselleiro delegado de Valoriza, Gonzalo García, confirma en Cinco Días estas xuntanzas e advirte que "hai moitos permisos outorgados a pemes e incluso a enxeñeiros que están paralizados pola imposibilidade de asumir a parte da explotación". E aí entraría Sacyr, apoiado por Macquare Capital, que conta con máis de cen acordos en distintas industrias e lugares desde hai cun investimento que case alcanza os 2.000 millóns de euros.

Corcoesto e outras explotacións paralizadas ou abandonadas poden ser o obxectivo de Sacyr

E Corcoesto pode verse ameazado. Malia ter Edgewater a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) aprobada -a pesar de que o propio Valedor asegura que xa é totalmente inválida ao rexeitarse o proxecto- as súas intencións en Cabana de Bergantiños foron paralizadas pola Xunta e logo dun forte rexeitamento da cidadanía. O Goberno galego argumentara que non cumpría cos requirimentos técnicos e sobre todo financieros, que exixían uns fondos propios de máis de 100 millóns de euros. Agora, son moitos dos activistas contrarios á minería salvaxe que ven nesta aposta de Sacyr unha serie ameaza.

Pero hai máis explotacións con problemas en Galicia que poderían ser adquiridas por Sacyr e máis nun territorio cunha lexislación mineira que pon unha alfombra vermella ás explotacións e cun Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia (Psaeg) de incidencia supramunicipal que prevalece mesmo sobre os plans urbanísticos de cada zona.

Salvemos Cabana advirte dos riscos nesta aposta por "proxectos especulativos" efímeros que poden provocar "graves impactos ambientais"

A plataforma Salvemos Cabana xa alertou de que a chegada de Sacyr fomentará os conflitos, xa que a súa intención son "proxectos especulativos" e "acaparar dereitos mineiros en todo o Estado e a apertura de novos filóns de ouro, cobre e wolframio baixo a escusa do desenvolvemento económico". O colectivo cre que, "tanto en Galicia como noutras zonas a minaría de gran porte non ten nin terá no futuro licenza social para o seu desenvolvemento, ao tratarse proxectos de escaso horizonte temporal pero que ao cabo dos anos poden carrexar graves impactos ambientais". Por iso, cre que o concepto empregado de "minería sostible" non deixa de ser "unha simple estratexia de comunicación creada polo sector extractivo co único fin de beneficiar as contas de resultados dos seus accionistas e investidores".

Salvemos Cabana insiste en que "o auxe do neoextractivismo derivado da crise financeira internacional é, en definitiva, un intento moderno de recuperar o espírito da África colonial do século XIX, continente hoxe abatido na loita polos recursos e o saqueo das grandes corporacións transnacionais".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.