Pouco máis de dous meses. É o escaso treito temporal transcorrido entre a aprobación e a aplicación real dunha das vertentes máis controvertidas da lei de recortes ao persoal público, a tesoirada aos complementos por incapacidade, isto é, á remuneración que reciben os traballadores ao servizo da Xunta mentres se atopan de baixa. A través dunha instrución interna á que tivo acceso Praza Pública o director xeral da Función Pública, José María Barreiro, informou os diversos departamentos autonómicos de que dende o 7 de maio está en vigor un recorte que diminúe notablemente a prestación, repercutindo polo tanto no salario que recibirá o persoal mentres unha enfermidade lle impida acudir con normalidade ao seu posto de traballo.
Se se producen máis de dúas baixas no mesmo ano natural "non se abonará" o complemento por incapacidade
Recollendo o estipulado na lei de medidas temporais en determinadas materias do emprego público, aprobada en solitario polo PP pola vía de urxencia, as baixas máis penalizadas son tamén as máis frecuentes, as vinculadas ás "enfermidades comúns ou accidentes non laborais", por exemplo, unha gripe ou un accidente de tráfico sen consecuencias importantes e, en xeral, as continxencias de saúde que non requiren hospitalización nin intervencións cirúrxicas. Entre o primeiro e o terceiro día de baixa "abonarase un complemento ata acadar o 50% das retribucións cando sexa a primeira baixa no ano natural". Esta porcentaxe baixará ao 40% na segunda baixa "no mesmo ano natural" e, se se producen máis, "non se abonará o devandito complemento".
Entre o cuarto e o vixésimo día a porcentaxe do complemento aumenta para garantir que o funcionario ou empregado público "acada o 75% das retribucións". Só cando a baixa sexa prolongada, "a partir do día vinte e un", será abonado "un complemento ata acadar o 100% das retribucións". Ese 100% seguiráselle aplicando tamén aos " supostos de incapacidade temporal por continxencias profesionais" que "impidan o normal desenvolvemento" das funcións da traballadora ou traballador. Neste caso "terá dereito á licenza por enfermidade ou accidente ata a alta médica", sempre e cando exista o aval "dos servizo sde asistencia sanitaria".
Días da baixa | Complemento a cobrar |
---|---|
Do 1 ao 3 (primeira baixa do ano) | 50% |
Do 1 ao 3 (segunda baixa do ano) | 40% |
Do 1 ao 3 (terceira baixa do ano) | 0% |
Do 4 ao 20 | 75% |
Do 20 en diante | 100% |
Neste escenario, á marxe das enfermidades derivadas do propio traballo só escapan aos recortes se un membro do cadro de persoal da Xunta é hospitalizado, xa sexa nun centro sanitario ordinario, no seu domicilio ou nun hospital de día, caso por exemplo das instalacións nas que se subministran tratamentos oncolóxicos. Do mesmo xeito, o 100% mantense para os traballadores que teñan que someterse a unha intervención cirúrxica se esta está incluída "na carteira de servizos do sistema sanitario público", xa sexan con "internamento" ou "ambulatorias". Ten a mesma consideración a "incapacidade temporal derivada do embarazo", tendo que "acreditar" a traballadora que "a enfermidade é consecuencia directa" da xestación. Se non existe ese documento, aplicaráselle o recorte.
A tesoirada nas baixas por enfermidade non só afecta ao funcionariado ou ao persoal laboral "pertencente a corpos, escalas e categorías adscritos" á dirección xeral da Función Pública, senón tamén a "todo o persoal das entidades públicas instrumentais". Neste sentido, o documento ao que tivo acceso este diario advirte de que "as entidades do sector público autonómico non incluídas no ámbito de aplicación" desta instrución "aplicarán o disposto mentres non diten, de ser o caso, a súa propia, que deberá respectar en todo o caso os criterios xerais" da norma en vigor dende este luns.