Galicia mellora un chisco os datos do paro polo mesmo camiño polo que entrou nunha profunda crise: a través da construción e, sobre todo, do sector servizos. O cambio de modelo produtivo queda aínda moi lonxe e as lixeiras baixadas das cifras de desemprego seguen a coincidir coas vésperas de períodos vacacionais e coa mellora da climatoloxía, tal e como se tira dos últimos números feitos públicos.
A construción e os servizos concentran o 56% da recuperación do paro en Galicia
A chegada da Semana Santa fixo que 5.412 persoas abandonasen as listas das oficinas de emprego no pasado mes de marzo, case o 80% delas -4.271 persoas- no sector terciario e na construción. De feito, foron os contratos en bares, cafeterías, comercios ou establecementos turísticos os que recolleron bastante máis da metade dos desempregados que deixaron as listaxes do antigo Inem: 3.030, un 56% do total. Pola contra, tan só 926 parados atoparon traballo na industria e 447 na agricultura ou na pesca. Mesmo o desemprego volveu subir en 232 persoas no colectivo sen traballo anterior e, polo tanto, o que inaugura a súa busca de traballo.
A evolución do paro no mes pasado está condicionado polo feito de que a Semana Santa comezase xa en marzo
Así, a evolución tanto da afiliación como do paro -que en Galicia calcan case as cifras nesta ocasión- no mes de marzo está moi condicionada por este efecto estacional da Semana Santa e, máis aínda, polo feito de que este ano este período vacacional comezase xa en marzo (do 29 dese mes ao 5 de abril) mentres que o ano pasado caeu en abril (do 13 ao 20) e provocou tamén que nese mes o descenso do desemprego no sector servizos fose moi maioritario daquela (4.140 persoas menos e máis do 65% do total).
Variación mes anterior | Var. mes do ano anterior | |
Agricultura e pesca | -447 | -413 |
Industria | -921 | -5.876 |
Construción | -1.241 | -7.921 |
Servizos | -3.030 | -8.687 |
Sen emprego anterior | +232 | -1.429 |
Total | -5.412 | -24.326 |
A evolución das cifras reproduce tamén un modelo no que a maioría dos desempregados galegos pertencen tamén ao sector servizos (máis de 160.000), polo que é o transvasamento destes traballadores do paro ao emprego temporal e viceversa o que está a marcar unha recuperación das estatísticas moi feble e moi determinada. O mesmo se desprende de termos en conta o nivel de formación da maioría das persoas que abandonaron as listas dos servizos de colocación no pasado mes de marzo, xa que o 68% posúen o certificado escolar ou un título de ensinanza obrigatoria.
A recuperación leve de emprego concéntrase en servizos de baixo valor, hostelería, turismo e construción vinculada á obra pública
En definitiva, e tal e como destacan varios expertos, esta feble recuperación "supón volver ao mesmo". Servizos de baixo valor, temporalidade e precariedade vinculadas sobre todo á hostelería, ao turismo e á construción, que nesta ocasión ten tamén moito que ver co emprego público xerado a través de obras públicas en plena precampaña electoral. Non hai cambio de modelo produtivo, xa que nin a industria nin os servizos de alto contido tecnolóxico están entre os sectores que marcan a recuperación.
A cousa non varía moito de ter en conta a variación interanual dos datos. Con respecto a hai un ano, máis de 24.300 galegos abandonaron as listas do paro, dos que arredor do 35% deles (8.687) pertencen a ese sector terciario no que se inclúe tamén o ocio, a cultura ou os servizos públicos. A continuación sitúase outra vez a construción, con 7.921 parados menos, e entre ambos os dous concéntranse case o 70% dos desempregados que saíron da listaxe do antigo Inem.
No sector servizos, ao igual que no primario, hai un 6% menos de desempregados que o ano pasado, mentres que o paro descendeu aínda máis na industria, con case un descenso do 16%, e na construción, con case o 20%.