Tan só un terzo da poboación galega en paro percibe algunha prestación

Oficina de emprego nunha vila galega CC-BY-SA Merixo

Desde que o PP chegou ao Goberno de España en 2011, o paro medrou en case 51.000 persoas en Galicia. Non obstante, o número de persoas sen protección absorbeu todo o crecemento e mesmo hai dez máis que estaban protexidas hai catro anos e que agora non o están. Así se tira dun novo estudo da Fundación 1º de Maio, elaborado por Enrique Negueruela, membro do Consello de Emprego, Economía Social e Relacións Laborais deste organismo, que debulla as cifras para determinar a protección real da cidadanía sen traballo e que contrapón á denominada taxa de cobertura -que basea a súa porcentaxe só nos parados rexistrados nas oficinas de emprego pero non na devandita EPA nin en todas as persoas sen emprego- e que se situaría nuns vinte puntos máis.

O número de parados desprotexidos aumentou un 38% en Galicia desde que o PP chegou ao Goberno central

O número de persoas paradas desprotexidas aumentou en Galicia desde que Rajoy chegou ao poder en case un 38%, dez puntos máis que o incremento no conxunto do Estado. Xa que logo, o número de perceptores de prestacións é case idéntico aos que había cando o PP accedeu á Moncloa, pero con 51.000 desempregados máis. Así, a taxa de protección na comunidade autónoma sitúase no 32,6%, máis de sete puntos menos que no mesmo trimestre de 2011 e tan só tres puntos superior á media estatal. 

En definitiva, en Galicia tan só un de cada tres parados percibe prestacións. Son máis de 185.000 persoas que non teñen traballo e que non teñen ningún tipo de protección. A situación é moito peor para as mulleres, que teñen unha taxa 11,4 puntos menor que a dos homes, un 26,7%, o que supón que son case 80.000 non teñen prestación ningunha. Máis de sete de cada dez das que non teñen emprego. 

Tan só un de cada tres parados galegos percibe unha prestación; entre as paradas galegas, sete de cada dez non teñen protección

Ademais, a menor taxa téñena os mozos menores de 30 anos, xa que tan só un de cada oito percibe prestacións, o 12,2%. Hai máis de 55.000 novos sen prestacións e tan só 8.000 con elas, mentres que as persoas entre 30 e 44 anos teñen unha taxa de protección do 33,5%, cunha taxa feminina de oito puntos menos. Son os maiores de 45 anos os que contan cunha taxa de protección maior e algo menos de un de cada dous está protexido, aínda que nesta franxa de idade as mulleres teñen unha taxa 26 puntos inferior aos homes (31,6% fronte ao 57,6%).

Taxa de protección por paro en Galicia
  1º trimestre 2014 1º trimestre 2015
Homes 40,4% 38,1%
Mulleres 29,5% 26,7%
Total 35,4% 32,6%

 

"A baixada de impostos finánciase coa desprotección dos parados", lembra Negueruela

Na súa análise, Enrique Negueruela lembra que o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, dixera que a baixada dos impostos financiábase coas prestacións por desemprego. "Finánciase coa desprotección dos parados. O ano pasado o Goberno deixou sen executar 5.000 millóns de euros que estaban no Orzamento e este ano serán outros 5.000; esa cantidade é dabondo para dar cobertura a dous millóns de persoas, para estender o subsidio por desemprego a todas as persoas paradas con cargas familiares", asegura. 

Porque o economista cre que "sería decente abordar unha mini reforma da Lei Xeral da Seguridade Social" para que "teñan cabida nela, cando menos, os parados desprotexidos con cargas familiares". "Ademais, é unha cuestión constitucional;máis urxente que o mantemento do déficit público, o artigo 135 modificado recentemente, é cumprir co artigo 41 que mandata os poderes públicos a manter un réxime público de Seguridade Social que garanta a asistencia e prestacións sociais suficienes ante situacións de necesidade en caso de desemprego", lembra. 

Oficina de emprego nunha vila galega CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.