0 Gardados para despois

A pobreza enerxética afecta a 65.000 familias galegas

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O incremento da fenda entre as rendas altas e baixas durante a crise triplicou o número de familias en situación de pobreza enerxética no conxunto de España, afectando xa a un de cada dez fogares, 1,8 millóns de familias. Nalgunhas comunidades esta situación é aínda máis grave e afecta a capas aínda máis importantes da poboación, por exemplo Canarias (15,09%), Andalucía (15,05%) ou Murcia (14,59%). En Galicia as circunstancias de pobreza enerxética afectan a unha proporción menor de familias, o 6,22%. Porén, isto significa de 65 mil persoas sofren esta situación, definida como a imposibilidade de facer fronte ás facturas de luz, gas ou calefacción.

Os datos proceden do informe Pobreza energética en España. Análisis económico y propuestas de actuación, elaborado polo centro de investigación Economics for Energy, dirixido polo catedrático da Universidade de Vigo Xavier Labandeira. Para paliar esta situación o documento recomenda a substitución do actual bono social por unha subvención económica de contía fixa financiada con fondos públicos, destinada aos fogares máis vulnerables e válida para o consumo de todo tipo de enerxía, non só para a eléctrica.

O bono social foi instaurado polo Goberno español en 2009 e supón un desconto do 25% na factura da electricidade. Aplícase en caso de ter contratada unha potencia inferior a 3 kW, de que todos os membros da unidade familiar estean en paro, de ser beneficiario dunha pensión non contributiva ou de ter familia numerosa. Segundo os autores do informe, este instrumento presenta dúas debilidades importantes: soamente é aplicable á factura eléctrica e non protexe especificamente aos consumidores máis vulnerables. A proba disto é que o 78% dos fogares beneficiados polo bono social o son por ter unha potencia inferior a 3 kW, cando os datos proban que un consumo baixo non implica vulnerabilidade á pobreza enerxética.

Galicia si conta cun ticket eléctrico social, cun orzamento total de de 1,5 millóns de euros. As axudas son de 180 euros para familias cun ou dous fillos menores e de 300 euros para as familias numerosas. Os ingresos da unidade familiar non poden superar 1,5 veces o IPREM (532 euros mensuais), co cal a maioría de potenciais beneficiarios se atopan baixo o nivel fixado para a RISGA. O ticket entregado pola Xunta permite a estas familias pagar entre un recibo e medio e dous recibos por ano.

 

A crise triplicou a pobreza enerxética

Entre 2007 e 2013, a pobreza enerxética pasou de afectar ao 3,6% das familias españolas a case rozar o dez por cento (9,88%)

Entre 2007 e 2013, a pobreza enerxética pasou de afectar ao 3,6% das familias españolas a case rozar o dez por cento (9,88%). As razóns deste incremento hai que buscalas tanto no aumento das diferenzas entre ricos e pobres ao longo da crise económica, coma na constante suba dos prezos da electricidade e a enerxía. Economics for Energy lembra que entre 2007 e 2014 a factura eléctrica dun fogar medio en España se incrementou un 76% e a factura de gas natural un 35%. A enquisa de condicións de vida publicada polo INE esta semana revelou que a porcentaxe de galegos e galegas que non pode manter as súas vivendas a unha temperatura axeitada non deixa de medrar. É xa o 14,1%, crecendo dende o 12,2% de 2013 e o 7% de 2012.

Entre 2007 e 2014 a factura eléctrica dun fogar medio en España se incrementou un 76% e a factura de gas natural un 35%

O informe propón tamén unha revisión dos indicadores utilizados á hora de medir a incapacidade das familias para facer fronte aos custes das súas necesidades enerxéticas básicas, de xeito que contemplen a renda ademais do consumo, para que a orientación das axudas teña como base un escenario axustado á realidade e adaptado aos fogares máis vulnerables. Neste senso, o documento critica as limitacións do indicador máis comunmente empregado en Europa para medir a pobreza enerxética, que considera que un fogar se atopa nesta situación cando os seus gastos de enerxía superan o 10% do total dos seus ingresos. Porén, a ausencia de filtros por nivel de renda e consumo provoca a inexactitude dos datos, incluíndo como pobres a fogares de rendas elevadas e altos consumos, e ignorando outros de rendas e consumos moi baixos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.