As dúbidas de Altri co seu proxecto en Galicia fan temer que pase "o mesmo que con Pemex"

Fran Cajoto, alcalde de Foz e presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña © BurelaFS

A indignación continúa na Mariña tras descartarse para a comarca o proxecto de fibras téxtiles da empresa Altri. O alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, comparou o proxecto da multinacional portuguesa co lote de promesas incumpridas pola Xunta no caso do acordo entre o Executivo galego e a petroleira estatal mexicana Pemex

O pasado mes de abril, Altri anunciaba que se instalaría finalmente en Palas de Rei malia que a Xunta solicitara que o proxecto fose á comarca mariñá. Xa daquela, o alcalde de Foz -e presidente da Mancomunidade de Muncipios da Mariña- acusara o Goberno galego de "desprezar" a comarca e advertira da "profunda indignación" na zona. 

Núñez Feijóo e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, co CEO de Altri, José Soares de Pina CC-BY-SA Xunta

Agora, Cajoto volve criticar que se descartase A Mariña como sede do proxecto, ademais de lamentar a ausencia de noticias sobre a fábrica en Palas. Para o rexedor de Foz, que a Xunta falase inicialmente da comarca costeira de Lugo só respondía a “un claro interese electoralista“. 

Cajoto acusa a Xunta de utilizar A Mariña cun "claro interese electoralista" e compara o caso co da petroleira: "É o mesmo que pasou con Pemex"

“Cando foi o punto álxido da crise de Alcoa saíu con isto, pero agora xa non interesa mediaticamente e politicamente e as cousas vanse esquecendo”,dixo, para a continuación comparar o caso co da petroleira mexicana. “É o mesmo que pasou con Pemex”, advertiu. “Era o que anunciabamos, cando primeiro se incumpriu a promesa de Feijóo de traer Altri á Mariña e traizoou toda unha comarca cambiando de localización sen ningunha lóxica”, protestou.

O alcalde de Foz lembrou que “o novo presidente” da Xunta, Alfonso Rueda, “púxolle deberes a Pedro Sánchez pedindo fondos europeos e cando recibe unha resposta positiva dá tres pasos para atrás”. “Agora a empresa non ten claro o investimento”, o que o leva a denunciar o que considera pura estratexia política. “Xa está ben de xogar coas expectativas e coas perspectivas de futuro da provincia e dunha comarca”, advertiu. 

Fran Cajoto reivindicou que a Xunta poña en marcha “dunha vez por todas” unha “política industrial que non existe por ningún lado”, sobre todo “unha política industrial que sirva para A Mariña”. “A Xunta elude esta responsabilidade e non temos ningunha perspectiva. O que pedimos é un plan ordenado, un plan de industrialización, un plan que cumpra obxectivos e o poidamos fiscalizar, porque o resto son promesas infundadas e cortinas de fume”, censurou.

Madeira cortada nun monte galego Dominio Público Praza Pública

O caso é que Altri xa anunciou o pasado mes de xullo a súa intención de adiar ao ano 2023 a súa decisión final sobre o proxecto previsto en Palas, que suporía a creación de entre 2.000 e 2.500 postos de traballo, segundo as súas previsións, e un investimento de 750 millóns. 

Cajoto compara agora as promesas da Xunta e Altri coas que o Goberno galego fixera no caso de Pemex, cando hai algo máis de dez anos selara unha "alianza" coa petroleira estatal. Prometéronse milleiros de empregos e, co paso do tempo, a construción en Galicia de tres buques tanque, un atuneiro, un barco de apoio a plataformas petrolíferas, dous quimiqueiros, varios remolcadores, a renovación de parte da frota azteca e mesmo a instalación dunha terminal de hidrocarburos no Porto Exterior da Coruña. A máis de vinte embarcacións ascendeu unha conta que quedou na polémica adxudicación e construción de dous floteis e a adquisición de Barreras, histórico estaleiro que acabou quebrado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.