Mercar unha vivenda en Galicia é un 6% máis caro que hai un ano malia dous trimestres de moderación dos prezos

Edificios de vivendas no barrio coruñés da Sagrada Familia, nunha rúa recentemente reformada © Concello da Coruña

A vivenda protexida segue en mínimos históricos en Galicia e a prometida lei de vivenda do Estado segue atascada mentres a Xunta teima en que a súa "principal demanda" ao Goberno de España na materia son as ocupacións ilegais, malia ser este un fenómeno minoritario tal e como acredita reiteradamente a información oficial do Poder Xudicial. Con este pano de fondo, o Índice de Prezos da Vivenda (IPV) que publica o INE volve acreditar que mercar unha vivenda no mercado libre, sen ningún réxime de protección, segue sendo notablemente máis caro que hai un ano.

Os datos actualizados este 9 de decembro, correspondentes ao terceiro trimestre, apuntan a que os prezos da vivenda en Galicia, tanto nova como de segunda man, están en torno a un 6% por riba dos que se rexistraban hai un ano. Isto acontece aínda que o indicador modera o seu crecemento interanual por segundo trimestre consecutivo, toda vez que comezara 2022 cun incremento do 9,2% en vivenda nova e do 8,1% na usada.

O incremento de prezos da vivenda rexistrado en Galicia está, non obstante, por baixo da media estatal. Especialmente na vivenda de segunda, onde o dato global do Estado segue preto do 8%. Na vivenda nova os prezos tamén aumentaron interanualmente máis que en Galicia e o IPV sitúouse no terceiro trimestre no 6,8%.

Os alugueiros, en máximos dende que hai datos comparables

Os prezos da vivenda en propiedade seguen á alza e o mesmo sucede cos alugueiros, un ámbito no que os datos públicos escasean e no que, polo tanto, cómpre abordar as cifras con más cautela. No caso galego, o máis semellante a un indicador público de prezos dos arrendamentos son as estatísticas do Observatorio da Vivenda de Galicia, que se elaboran a partir das fianzas depositadas no Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e amosan unha escalada ata os valores máis altos dende que hai datos comparables na serie, que principia en 2014.

A información máis recente deste Observatorio indica que, en outubro deste ano, o prezo medio do alugueiro en Galicia roldaba os 472 euros ao mes. As diferenzas, non obstante, son notables en función do concello e percíbense especialmente nas principais cidades, sobre as que o Observatorio ofrece máis datos.

O alugueiro medio máis caro está na cidade da Coruña, cuns 570 euros mensuais, cen por riba da media galega, segundo o Observatorio da Vivenda

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, o maior prezo medio dos alugueiros de vivenda rexístrase na cidade da Coruña, que xa supera os 570 euros mensuais, cen por riba da media galega. Vigo está moi preto, con case 560 euros mensuais de media. A continuación sitúanse Pontevedra, cuns 540 euros, e Santiago, con case 520 euros na media mensual.

As restantes tres cidades mantéñense ata agora, sempre falando en valores medios, por baixo dos 450 euros mensuais. A este limiar aproxímase cada vez máis Ourense, onde o prezo medio do alugueiro xa está en 445 euros. Polo momento están algo máis lonxe Lugo (431) e Ferrol (402). No inicio da serie, en 2014, estas dúas últimas cidades presentaban valores próximos aos 300 euros mensuais e o maior importe medio, que daquela era o de Vigo, non chegaba aos 420 euros por mes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.